Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha eclipse. Unha gozada.

Gregorio Montes, Antonio - martes, 25 de agosto de 2026
Pasou. Eclipsou a masacre de palestinos, o que lle veu moi ben a alguén. Por suposto, tamén eclipsou á guerra na Ucraína, da que os diversos intereses occidentais enfrontados entre si fan que vaiamos cambiando de parecer, mesmo esquecendo. Esquecemos tamén por desaparición de novas nese tempo a última corruptela do entorno de Ayuso (no repaso, vexo que é o único nome propio no artigo), e ate as migracións ‘ilegais’ (si, entre comiñas, pois ninguén discute a ilegalidade, pero pódenselle poñer moitas aclaracións a nivel internacional ou estatal) na fronteira sur. Por suposto, tamén quedou eclipsada eses días a chamada crise da vivenda (como se fose unha situación extraordinaria e non propiciada social e legalmente), sen solución á vista nin por parte do goberno nin menos aínda pola oposición. Esas foron algunhas das eclipses destes días.

Pasou. Pero o aumento de prezos que causou xa se trasladou. Tanto á inflación como ó aloxamento para a seguinte eclipse total en España (desta volta, o próximo ano só rozando o sur da península). A seguinte eclipse? Xa os medios están a comezar a facelo eclipsar os incendios. Ou era a tender unha cortina de fume?

Pasaron festas preparadas co gallo da eclipse, pero con outros fins, dende as esotéricas (algunha) as económicas (máis), estando as primeiras ó fin máis dirixidas ó interese da xente participante e as segundas ó interese de lucro. Atrás quedaron algunhas, celebradas ou non entre as nubes da Cornixa Cantábrica, como a das Catedrais, pretendida multitudinaria ó pé dun lugar protexido. Por certo, non hai unha contradición aí? Ou na illa Pancha, pretendida selecta -para iso había que pagar- nun lugar tamén protexido.

O caso é que 'foi unha experiencia', esquecendo que todo o podemos experimentar, e polo tanto, ser unha experiencia para nós. Un 'evento único na vida', cando na vida todo o que pasa é único, e quen queira, ten unha eclipse o próximo ano a unhas horas de coche. Iso si, se queres aloxamento, prepara pasta.

Consumimos a eclipse: non nola podiamos perder. Desfrutamos -así o dixemos todos os que o vimos- dun momento especial, coa coroa solar ou as perlas de Baily como actuacións estelares, ¡Nunca mellor dito! E mesmo houbo quen tomou fotos nas que as manchas destacan a modo de pencas sobre a cara semioculta do astro rei. Mesmo se queres seguir consumindo, millóns de fotos en internet están á túa espera. Eclipse consumido, deglutido, dixerido... e excretado. Que é o seguinte a consumir?
Unha nota final: desfrutei da eclipse do mellor xeito posible, en boa compañía e entrándome do suceso non só polos ollos, senón tamén polo entendemento e comprensión do que coñecía hai tempo. Unha gozada.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES