Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Levarse ben é doado (14)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 07 de septiembre de 2026
¿Cando, e como, floreceu a xeración da posguerra? Vóuvolo dicir para que non se esqueza: ¡Perdendo a memoria, esforzándonos por perdela!
Si, si! Os máis novos criáronse coas ventás da Historia pechadas, ¡contras, por dentro e por fóra!, así que dentro só había pesadelos; ah, e tamén, soños, soños imperialistas..., orientados a gastar cartos en obras suntuosas, e tamén en África, aínda que sen ter quen nos prestase un dólar!

Don Hermenegildo dixo en Lugo que a nosa guerra, ¡a súa!, fora a única na que os ricos se fixeran máis ricos.
 "Nuestra Cruzada es la única lucha en la que los ricos que fueron a la guerra salieron más ricos", dijo el dictador en un discurso leído en Lugo, en 1942.
¡Escapóuselle, na súa criminal inxenuidade! Faltoulle dicir, pero dona Colares non llo houbese consentido, E os pobres, cadora máis pobres!
Lentamente, por suposto, a xente foi asentándose, aínda que tamén sería correcto dicir, trasladándose: os medio ricos, á cidade, segundo observaron que a xente comezaba a ter diñeiro como para comer de fonda; reemprazados polos caseiros, que baixaron das súas terras, inhóspitas, montaraces. Naqueles tempos imperou a amnesia; en xeral, todos querían esquecer; uns, polas que fixeron, e se lles sabían; e os máis polas que padeceron. Pouco a pouco, superado o racionamento e liquidado o estraperlo, despois de tal coresma, fomos entrando, formando, unha incipiente sociedade de consumo, PERO moderada; de escarmentados! A cultura de masas levounos ao fútbol, e por aló abaixo, asemade, aos touros; ao cine, á canción folclórica... Encima da cabeza perduraba, duraba, non se daba ido, a espada de Damocles, digo, a de don Hermenegildo: castigos, censura, multas, ceses e traslados forzosos, conseguidores...
Ben se ten repetido que tras da vitoria franquista, ¿vitoria, chamarlle vitoria á dunha guerra civil de tres anos, de tres!, seguiuse con aquela política, ¿política?, de exterminio do inimigo, suposto ou certo; represión, depuración, "rexeneración" das vítimas en posición de firmes, etc., etc., así que os rapaces, ¡nin na Trapa!, que só sabían, e podían, falar do tempo, do fútbol e das películas censuradas, esmorecéndose os nosos, tradicionais, parrafeos.
En canto aos insatisfeitos: emigraron; algún deles, tal que servidor, ata se casou por poderes!

-.-

Aqueles noivos da posguerra, de metidos a pais, qué? ¡Non os houbo máis sacrificados, máis compracentes, máis tolerantes, nin máis..., igualitarios! Basta considerar o que sufriron, ¡o que xaxuaron!, para evitar aquelas familias numerosas ás que viñan afeitas as súas casas. Para non transmitir privacións, priváronse eles.
Neste punto estou dubidando se escribilo ou non, a sabendas de que non vou resultar crible: Con tantas penalidades, o corpo pedíalles goces, ¡é unha lei natural!, e como certos goces, daquela, traíanlles novas, sobradas, penalidades, ¡un círculo vicioso! Quen máis quen menos esperaba polas menopausas coma quen agarda por un maná no deserto. No entre tanto, a Igrexa..., a Igrexa, non os seus bispos, que de vellos non sentían nin a propia carne, condenaban a destro e a sinistro, o uso de preservativos, tanto, e a tal punto, que algunhas farmacias xa se negaban a vendelos. O que funciono moi ben foi a venda daquel libro da editorial Daimon, Vida sexual sana, (método Ogino-Knaus), que non precisou estar á vista nas vitrinas das librerías para converterse no best seller da época.

-.-

Levarse ben é doado (14)
O péndulo de Foucault

Sen decatarnos apenas, nuns lustros, pasamos do romanticismo edulcorado ao materialismo, á insolidariedade atea; da submisión ao desacato; da liberdade controlada ao desmadre; do Levarse ben é doado (14) casamento ao emparellamento; do traballo ao paro... ¡Ai fillos pródigos, cando volveredes, cando poderedes volver, á casa do pai?

¡Aí os tedes!
Ao parecer aínda quedan noivados..., polo menos en Portugal! Pero aquí tamén; lembremos que nunca choveu que non escampase, que incluso se superou aquel diluvio, o universal.

Falando de universais:
En todo, e de todo, hai infinidade de definicións, pero eu aprendín, xa non sei onde, nin cando, dúas, que as teño por perfectas: a da Historia e a do amor, que ben podemos chamarlles complementarias:
-Historia é a sucesión dos sucesos sucedidos sucesivamente na sucesión dos séculos.
-Amor (no senso de noivado) é a relación entre dous namorados que desexan coñecerse mellor para ver se chegan a casar, que iso é casarse, casar, axustar, fundirse!

Refundindo as dúas: A historia dun amor é o recorrido que fan dous rapaces, con episodios sucesivos, aceptados ou perdoados, que van desde a primeira ollada, cálida e compresiva, ata ese bico que nos ordena o propio Cura na celebración nupcial. A partires dese intre haberá que falar de amor propio xa que pasan a ser un único ser, refundido de dúas persoas de distinto sexo, e por tanto, complementarias entre si.

O casamento é o título da carreira matrimonial, o salto existencial no que deixo de ser eu para pasar ao binomio eu + ti = ti + eu = 1. Sen ti son medio, e ti sen min outro medio. Agora comezamos a practicar, a exercer a carreira, que xeralmente se dirixe á crianza e á educación duns fillos, (veñan ou non, esa é a intención), que xorden para testemuñar que Deus comparte connosco os seus poderes creativos.
O casamento, por tanto, é unha relación de fusión, definitiva, deixando atrás o noivado, que só foi unha comunicación preparatoria, transitoria, de análise de posibilidades.

Signos de namoramento. Infinitos, entre eles:
-Sentimentos e emocións intensas, aínda que non estea presente o amado / a amada.
-Desexos de verse, ou polo menos, de oírse.
-Interese por resultar agradable á persoa amada.
-Idealización do amado / da amada, dando por conclusa a procura amatoria.
-Que non se nos quita do pensamento, e cando vemos outra persoa de sexo contrario, lévanos a idea de concluír que son incomparables.
-Planificación de proxectos tendentes a consolidar a relación iniciada.
-Preferencia na atribución dos noso deberes.
-Intención irrevogable de servir, de agradar, de compracer e de corresponder.
-Intendencia: Esforzo para asegurarse a nutrición familiar!

¿É, ou non é, un súmmum de dedicación e de entrega? ¡Se hai entrega, nunca son absolutamente desinteresadas: Do ut des, douche para que me deas, douche amor coa esperanza de ser correspondido; ou logo?
-.-

O meu “refresco”, que é como lle chaman en Asturias á primeira “chispa”, foi desta maneira:
Á cativa máis guapa da clase, e a min, por ser dos máis adiantados na mixta, sentábanos o Mestre ao final do corredor, para mellor controlar aos outros, aos máis necesitados de atención. ¡Así fan os mestres xustos, aínda que non o sexan de nome! Ía ditarnos unhas frases para que lle fixésemos un sinxelo análise gramatical. Nestes preparativos estabamos, coa pizarra no pupitre e o pizarrín na man, cando se me ocorreu escribir na miña, “¡Guapa!” Arrimei a pizarra ao seu lado, e ela, sen pararse a meditalo, escribiu na miña, a continuación, “¡Feo!”
¡Maldita sexa, que non puiden seguir coa porfía porque se achegaba o “ditador”, así que retirei a miña pizarra, dándolle a volta! Como o ditado era longo, e aquelas pizarras, manuais, cativeiras, ao ter que continuar nela borrei as nosas exclamacións. Se chegan a estar nun papel seguro que o gardaría coa seguranza dun Códice Calixtino, porque..., sería unha peza do meu museo persoal!
Non sei se foi por “feo”, ou porque era máis pobre cá ela, o caso foi que aquel raio de simpatía, aquela descarga, apagouse, non foi a máis.
Non podo saber, que iso é persoal, intransferible, inenarrable, como se lles acendeu ese lume aos outros rapaciños da miña idade, pero si podo afirmar, de min e por min, que non é cousa boa cando se apaga; vén a ser unha estela chamuscada, que deixa de ser leña sen pasar a brasa. ¡Un desazo enorme, perdurable! Por iso, coido, os amores rotos son un fracaso, e predispoñen para recibir aos seguintes con certas precaucións e non pouca cautela.

Declaración moderna, estilo século XXI. ¿Do van aqueles tempos nos que as declaracións se facían en verso? ¡O caso é que aínda foi onte..., pero os tempos corren de vertixe!
Se non adoramos ás rapazas, se non as idolatramos de noivos, é que non estamos preparados para aturalas cando uns e outros nos apeemos da poesía para centrarnos na prosa conxugal, cotiá. De confiar na sinceridade das mulleres, que tamén tivo, e ten, as súas crises, sería cousa de facerlles unha enquisa, por idades, para saber se os piropos e demais lindezas dos maridos lles foron a máis ou a menos; en todo caso prefiro seguir crendo que a colleita que non se malogra na primavera sempre frutifica no verán, por lei natural!
A miña dona non a conserva pero di que a lembra: Que nunha das miñas primeiras cartas lle mandei un versiño, con esta dedicatoria, “Eu son ese a quen dis amar, e que á súa vez tamén te ama!”.
Boto en falta un libro de parrafeos, para ver se con iso se recuperaban aquelas expresións románticas, sinceras e gratas. Os dicionarios están ateigados de verbas melifluas, pero soltas, ensaiadas século a século, aínda que tamén se deu en dicir que o limón, as súas amarguras, son un bo depurativo.
Lin, non sei onde, -de tanto ler xa un se traslé-, que un cumprimento é un raio de sol verbal. ¡Abundo niso! Rapaciños, ¿por qué non facedes coma o meu veciño, Xosé da Caseta, que estando, el, cavando, e eu coas ovellas, detrás dunha toxeira, -xa o referín varias veces-, vin como abrazaba no rabizo da súa aixada, e dicíalle, por vía de ensaio: "Mañá, na festa, teño que falarlle claro a esa preciosidade de Cobula do Fato, que non aguanto máis, e dicirlle..." ¡Síntoo: pero eu non tiña gravadora; non as había daquela! Agora, que tedes preparación e vocabulario suficiente, e de vergoña, cero, usádeo en ben, que non hai mellor vacina contra a infelicidade, e de paso, contra a infidelidade!
A todo isto, a qué veñen estas reflexións, estes soliloquios, se, aínda sen facelos cando estaba solteiro, me foi ben de casado? Sorte que tiven, sorte e apromo. ¡Para que logo digan que os cursos prematrimoniais son un pasatempo inútil, innecesario!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES