Un caso totalmente real
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 27 de agosto de 2026
Fai uns anos, traballando eu no Concello, a miña oficina estaba na parte superior de onde está a nave esquerda do Consistorio, encima de Recadación. Nesa parte, está o Salón de Plenos, estaba a miña oficina e tamén daquela, a oficina de Medio Ambiente. Alcalde José María García Rivera.
Daquela estábase co PXOU (Plan Xeral de Ordenación Urbana). O Concello decidiu colocar os planos e mapas no Salón de Plenos para así, poder informar aos veciños e ao tempo, todo veciño que quixera formular unha queixa ou cambiar algo, dábanlle esa oportunidade.
Os encargados de explicar tódolos detalles do Plan Xeral, ou axilizar os cambios necesarios, eran Rafael e Paleo da oficina de aparelladores.
Estivo exposto uns tres meses e polo Salón de Plenos pasaron moitísimas persoas para ver nos planos en que quedaba a situación das súas propiedades.
Ao principio, había moitísima xente e tanto Rafael como Paleo estaban atentos a dar calquera explicación que fose precisa.
A medida que transcorrían os días, loxicamente a xente ía a menos e chegado o momento en que xa non ía ninguén, Rafael e Paleo baixaron de novo ás súas oficinas para seguir co seu traballo de cada día, pero sempre atentos por se algunha persoa necesitaba información do Plan Xeral, para poder facilitárllela.
Eu estaba na miña oficina separada do Salón de Plenos por un simple tabique de madeira e na oficina de Medio Ambiente estaba unha rapaza de Fazouro.
De súpeto, escoito como se unha persoa chorara. Levántome sorprendido dirixindo o meu oído de cara a onde procedían os choros. Viñan do salón de Plenos. Canda min, tamén que escoitou os choros, viña a rapaza de Medio Ambiente e vemos no interior do Salón a unha señora maior chorando.
Sorprendido, pregunteille: "Señora, que lle pasa? Por que chora?". A señora seguía chorando e díxome "choro porque ninguén me quer explicar o Plan Xeral". Compadecido, díxenlle "señora, váiase abaixo á oficina de Rafael e Paleo, que eles son os que llo teñen que explicar". A señora miroume con cara triste e díxome "xa veño da súa oficina, pero botáronme fóra". Con cara de pasmo e incrédulo á vez, fun á miña oficina e chamei por teléfono á oficina de Rafael e expliqueille o que acababa de pasar e ata lle comentei "acábame de dicir que a botastes da oficina". Rafael díxome "Xesús, tráena aquí a xunto de min". Efectivamente, baixei coa señora, abrín a porta da oficina de Rafael e din media volta para marchar, pero Rafael díxome "Xesús, ven aquí", entrei coa señora na oficina e Rafael díxolle á señora diante de min "a ver señora, cando estivo vostede nesta oficina e quen a botou fóra?". A señora mirando para Rafael e sinalando para min, respondeulle "non lle faga caso a este que é un embusteiro". Cando oín aquelo, xa nada dixen, collín e marchei.
Pasadas unhas horas, volvín a xunto de Rafael e detalleille o acontecido para que me crera e díxenlle que tiña de testemuña á rapaza de Medio Ambiente, pero Rafael contestoume "mira Xesús, lévoche aquí moitísimos anos e xa nada me sorprende, coñezo de todo así que, vaite tranquilo".
O máis curioso do caso, é que aos dous ou tres días de pasar isto, aí volve a señora, pero neste caso, viña xusto á miña oficina para informarse. Fíxome unha pregunta e eu respondinlle "señora, lisque axiña, que da hostia que lle meto non encontra nin as escaleiras para baixar". Así o fixo, liscou de inmediato.
Nós, todos nós, temos por norma criticar o labor dos funcionarios e traballadores públicos, pero eu que traballei seis anos no Concello, podo dicirvos que eles MOITO TEÑEN QUE AGUANTAR. Eu fun testemuña de xente que ata desafiou a un alcalde, a outro alcalde vin como lle pegaron unhas hostias. Hai xente que trata ao persoal do Concello como borregos, e coñezo un caso, dun funcionario que solicitou a xubilación anticipada perdendo cartos para marchar canto antes porque xa non aguantaba máis, sobre todo, aos inmigrantes marroquís a quen os gobernos lles deron tantos dereitos, que xa son máis amos de España, que o propio Rei Felipe VI.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)