Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Escaparates, unha xanela ao mundo

Sampedro, Pilar - jueves, 03 de septiembre de 2026
Hai tendas que son monumentos, patrimonio e orgullo dunha comunidade. Van máis alá do asunto comercial, son unha obra de arte en si mesmas.

Por exemplo a tenda de sombreiros da rúa do Vilar en Compostela. Case a única que queda nesa rúa que pode falar do que foi a cidade antes de perderse nese Escaparates, unha xanela ao mundo conglomerado de tendas chinas que venden souvenirs sen gusto nin relación co que a cidade produciu (e deixou de facelo ante a falta de recoñecemento, o mal gusto, o plástico e a licra).

Unha sombreirería das de sempre, con escaparate a dúas rúas, cos chapeus colocados sobre as bases (como se fixo dende tempos inmemoriais), coas caixas redondas e vermellas no interior, coa porta entre as dúas vidreiras que dan á rúa principal, co home que nos atende e quedou só despois de que a muller que sempre o acompañou se foi polo camiño que todos imos transitar antes ou despois. Un verdadeiro luxo poder seguir mirando, poder seguir entrando e mercando, poder seguir contando con esta tenda...

Noutro tempo esta rúa era impresionante. Tiña o sabor do que fora dende sempre, as praterías, as tendas de xoguetes, de paraugas, as diferentes librarías (González, Galí, Carballal)... e a de Rosa Maside, outro escaparate no que sempre nos parábamos. Pechouse a tenda mentres enfronte, na fundación Torrente Ballester se realizaba unha exposición sobre o comercio tradicional; vivimos na contradición, inmersos nela.

Pero non me vou poñer triste pensando no que perdemos a cambio daquela canción dos sesenta "O turista un millón novecentos noventa e nove mil novecentos noventa e nove...". O peor é que seguen a gastar cartos (os nosos) chamando a máis turistas, peregrinos ou o que sexa, cando xa botamos por fóra (ou máis ben, bótannos para fóra). Deixémolo, sexamos positivas e pensemos en algo que nos alegre (... hai tan pouco).

Dous escaparates a reivindicar por distintas razóns. Un deles está en Rosalía de Castro, unha tenda de móbiles na que alguén ademais de técnico é artista. Cos restos tecnolóxicos vai creando figuras de camiñantes (está no Camiño Portugués) pero semella que os peregrinos non ven (ou non queren ver nada que mostre a creatividade dos nativos). En Nadal, este ser marabilloso fai un belén, un nacemento cos mesmos elementos, un portal coas figuras que se van achegando, a estrela, os reis... Algo impresionante que as autoridades e os medios de comunicación deberían ter en conta. Nunha cidade que xa apenas fai caixa co que produce, poder acceder a esta mostra de orixinalidade é de agradecer e debería ter premio. Non estamos sobradas de imaxinación e bo facer, de verdade que non.

O outro escaparate é de destacar por unha razón diferente. Cando lembramos a violencia de xénero polo 25 de novembro, unha tenda convencional de roupa de muller vístese de loito, o negro tinta as vestimentas e bota un berro para parar o horror. Perto da Praza Roxa, en Frei Rosendo Salvado. Dende o 2010, a tenda de Emilio Iglesias era unha chamada á denuncia e a memoria. Chamábanos a atención porque se trataba dunha tenda normal, estándar, unha tenda para mulleres convencionais, por dicilo dalgún modo. Non era unha tenda "progre", de actualidade rabiosa, unha tenda na que mercaran as novas mulleres feministas e reivindicativas senón para as mulleres de sempre, ese outro tramo de idade. Iso era o que máis nos chamaba a atención. Dicimos "chamaba" porque pechou sen que nos atreveramos a entrar e preguntar a razón dese escaparate, quen o facía, por que se lles ocorrera realizalo ano tras ano... Esas son as covardías ou as présas que non nos deixan falar con quen fai algo bo, recoñecer o que mellora a cidade, agradecer o ben que nos fan a todos e todas cos seus actos embelecendo os nosos días, convertendo a rúa anónima en algo con nome de seu.

Canta sorte tivemos de coñecer a cidade tal como era. Camiñar a Compostela de sempre que chegou ata nós. Percorrela de vagar sen tropezar coa xente, saudando aos peregrinos que chegaban no número acaído, sentíndose acollidos. A aldea máis grande de Galicia en palabras de Otero Pedrayo, a cidade da saúde e a universidade, da catedral e o camiño, a dos picheleiros e dos aldeáns, a que non era capital de provincia senón centro do país, final dun camiño marcado polas estrelas... Itaca á que volver sen que os pretendentes e traidores a borraran do mapa dos afectos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES