Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O que vemos, escoitamos, lemos... (II)

Sampedro, Pilar - jueves, 27 de agosto de 2026
Hai outros festivais de poesía, outros encontros nos que a poesía se converte no centro do universo e todos eles teñen o seu arrecendo.

O Festival de Poesía do Condado. Tantos anos reunindo xente, tanto verso libre e reivindicativo, tanta poesía contestataria. Recitaban alí os que máis tarde celebramos nas Letras con nome propio, dez anos (ou máis) despois de mortos. Dise que é o máis antigo de Galicia. Nado a partir dunha asociación cultural, sen contratos nin empresas, unhas trinta e oito convocatorias e toda a forza para poñer a poesía no punto fulcral da palabra. Di a galipedia (e canto agradecemos que alguén vaia creando estas páxinas) "é un certame poético e cultural que se celebra a primeira fin de semana de setembro en Salvaterra de Miño, organizado pola Sociedade Cultural e Deportiva do Condado (SDC). Presenta un programa cun ton reivindicativo que sempre enfocou a súa mensaxe nas reclamacións populares do momento". E tamén "Este festival nace en 1981 en Mondariz coa intención de outorgarlle máis valor á poesía galega e, cos seus lemas contundentes, enaltecer o libre pensamento. Amais dos recitais poéticos, hai outras actividades como concertos musicais, charlas, exposicións, audiovisuais, contacontos, mostras de artesanía ou xogos populares que permiten a toda a familia gozar das xornadas". Fálase de Manolo Soto como o seu creador e dos lugares nos que se celebrou como O Porriño, Ponteareas ou Salceda de Caselas.

Poesía salvaxe en Ferrol, porque non podía ser doutra maneira. O lugar da industria, da reconversión naval; o das reivindicacións no século pasado con mortos nas manifestacións, o lugar do sindicalismo e os militares. O festival ofrece recitados, diálogos, música, presentación de libros, micrófonos abertos e demais. Pasa por lugares como o Ateneo ferrolán, o mercado de Recimil, a capela do Torrente Ballester, lugares de estar como Artabria ou de navegar como a ría... percorrendo a cidade e os arredores, ganando para a causa espazos e barrios. Din que pasaron polo festival ao longo do tempo máis de cento oitenta poetas de diferentes nacionalidade e maneiras

PontePoética en Pontevedra que se dou continuidade (dende o Ateneo) con "Veñan máis cinco" coa participación das cinco linguas máis faladas na península (castelán, galego, catalá, éuscaro e portugués). PontePoética tivo nove edicións dunha riqueza moi considerable. Veñan as cinco comeza no 2024 para ocupar o teatro Principal, o espazo Nemonón, o Museo de Pontevedra, a Casa da Luz e algún que outro espazo hostaleiro. Un canto á diversidade lingüística (e aínda haberá quen diga que quen traballa dende o galego é maximalista). Puntos de encontro, comunidades que se forman ao redor da poesía con performances, vídeo poesía, espectáculos poéticos, clases mestras cos autores que amosan ás persoas participantes os vimbios dos seus procesos creativos así como actuacións que mesturan música e poesía. Así nolo contan!

En Santiago "Alguén que respira!", da man de Antón Lopo, o poeta, creador da libraría especializada no xénero, da editorial Chan da pólvora... O que vemos, escoitamos, lemos... (II) O home todo xenerosidade que fai máis do que toca, que ofrece máis do que corresponde e mellorou convocatoria a convocatoria o festival. O poeta que afirma que a deste ano é a última e todos e todas nos botamos a tremer... porque queremos que continúe, que non nos deixe sen esa cita anual que colocaba guilandas de flores na arquitectura e versos no aire.

Recitais, tertulias, cine, propostas performáticas, reflexións, concertos, audiovisuais, conversas... Creando en cada edición con propostas como "Música para Poesía Principal", "O que mutuos somos" que explorou a convivencia de poesía e vida da man de tres parellas de artistas, Poesía sen etiquetas ou a presentación da Xeración dos Neos. Sempre ao redor do Día da Poesía. Comezando co pregón dende o balcón do Principal, seguindo pola rúa cos poetas lendo os seus versos nos escaparates, portais, fiestras ou soportais. Compostela, a cidade poética que nace dunha estrela convértese no epicentro do verso. A música envolvéndoa, a imaxe completándoa, o certame Letras novas dándolle paso a novas voces que andan a encetar camiños. Neste último ano falouse da poesía como ferramenta para a transformación social e o verso como resistencia activa fronte aos fascismos.

A cidade confía en que Lopo continúe dirixindo o festival. Así o agardamos dende o mesmo momento no que fala de irse, porque é tan necesario como a estrela de Compostela.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES