Rosalía en camiño é un programa ao redor da poesía en diferentes voces e territorios, coordinado por Chus Pato e organizado pola Fundación Rosalía de Castro.

Leva varios anos realizándose. No 2021 participan Anna Gas, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Piñán, Genaro da Silva, José Rui, Tere Irastortza e Luz Pichel nas Terras de Iria (Casa do Capeláns e Casa de Rosalía en Padrón) e Santiago de Compostela (libraría Couceiro e Museo do Pobo Galego). Multilingüísmo ao redor da poeta fundadora, recitados, diálogos e música.
No 2022 os Diálogos Literarios Multiplingües comezan cun roteiro literario polos lugares rosalianos da Terra de Iria para continuar cos recitais de Constantino Bértolo, Dores Tembrás, Xabier Cordal, Nieves Neira Roca, María García Díaz, Tatiana Faia, Jaume Coll Mariné e José F. A. Oliver na Casa de Rosalía, percorrido polos lugares rosalianos e xacobeos en Compostela, así como polos museos de Pontevedra e do Pobo Galego.
No 2023 participan Jesús Castro Yáñez, Antía Otero, Luís López Alonso, Miriam Reyes, Sara Plaza e Xuan Bello. Realízanse os desprazamentos doutros anos máis a viaxe a Lugo para recitar no Vello Cárcere e realizar o percorrido polo Lugo literario.
No 2024 conversan e recitan por parellas e no mesmo acto Bernardo Atxaga, Andrea C. Faria, Pol Guasch, Brenda Mondelo, Andrea Nunes e Miguel Rodríguez Monteavaro, na casa da Rosalía e tamén no claustro e no auditorio do Museo do Pobo Galego. Versos, palabras, música e imaxe nesa festa que ten lugar nos tres días do encontro.
No 2025 reitérase un programa en diferentes lugares relacionados con Rosalía, coa participación de Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Oliver Laxe, Castillo Suárez, María Sevilla e Juan Andrés García Román, introducindo por primeira vez alguén alleo ao mundo da poesía en papel pero co alento poético no seu campo. Neste caso trátase do director de cine Oliver Laxe que vai conversar, dialogar e recitar os poemas doutros e outras que escolle.
No 2026 vaise repetir este esquema e quen ocupa o lugar do "impostor" é Xurxo Mariño, o científico que introduce a súa participación poñendo nun mesmo nivel e confrontando ou mesturando o mundo culto e o natural, as cousas importantes e as cotiáns que semellan normais e que se fan reais nos poemas de Estíbaliz Espinosa coa matemática ou a astronomía atravesando os versos, Leiras Pulpeiro falando de natureza pura e un texto sobre dúas pedras negras (carbón e meteoro, luz na escuridade, corazón da estrela e madeira, tempo sobre o tempo). Con el os poetas e as poetas Sara Torres, Tiago Alves Costa, Yolanda Castaño, Xurxo Mariño, Miren Agur Meabe e Erín Moure. Asturias, Portugal, Galicia, Euskadi e Canadá. A mirada sobre a autora que lle dá nome á fundación que as convida: Rosalía de Castro. Varias linguas e sensibilidades. Un libro no que se recollen poemas e biografías, introdución e razón de ser, para poder seguir os recitados e para que quede constancia do que hai feito. Á música acompáñaa neste caso Melania Cruz, a actriz que recita versos marabillosamente, tal como noutros casos nos trouxo a María Casares. Ás veces o país ten estas luzadas, citas anuais de calidade que remataron, neste caso, no Salón Nobre de Fonseca.
Porque a poesía nos rodea. Porque o país se fixo ao redor da lingua e da literatura, cunha figura feminina fundacional. Porque queremos manternos nunha porcentaxe de poetas por metro cadrado que asombre ao mundo. Porque nos encanta xuntar voces e linguas diferentes, para confirmar que todas son necesarias no mundo. Porque atopamos poesía máis alá da poesía e reivindicámola berrando os versos coma bandeiras, entoándoos coma himnos, pintándoos a modo de graffitis, saudándonos con eles, entregándoos no abrazo.
Agora toca agardar un ano e dicirnos: ata o próximo "Rosalía en Camiño"!