Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 21 de agosto de 2026
Ir ou non ir

Resolvín a ecuación nun amén. O asunto estaba en decidir se ía ou non ía a tal ou cal lugar. Co ben que se está na cama! Ante esta exclamación, calquera pode entender o meu proceder, a miña solución á sinxela ecuación: non ir.
Deixar caer a cabeza sobre a almofada, pechar os ollos e soñar esperto non ten prezo. E, se non, sempre queda a opción de coller un libro, imaxinar os personaxes, percorrer os lugares, vivir as situacións sen necesidade de mover un pé. Outra gozada.
Pingas de Orballo Ir ou non ir. Permanecer entre unhas sabas brancas, sabendo que podo vivir sen me mover. Saber que podo durmir, pechar os ollos e, cando me apeteza, abrilos de novo para contemplar o silencio. Porque o silencio tamén se pode ver. E, ás veces, mesmo se pode apalpar.
Desde a cama, o universo é cadrado. As ideas bailan ó ritmo de Zorba, o grego, e a imaxinación bule por entre as flores desas plantas que non sei nomear, pero que son fermosas, moi fermosas. Desde a cama tamén podo planear, proxectar unha andaina pola Devesa da Rogueira, por exemplo; percorrer co pensamento os seus camiños, subir polas súas sombras, sentir o rumor da auga sen saír de entre as sabas.
Porque desde a cama, e na cama, pódense facer moitas cousas: reais, espirituais, imaxinarias. Pódense vivir mentres estamos espertos e tamén mentres durmimos.
Desde a cama, as conversas flúen e aboian por riba dos sentimentos que semellaban durmidos, pero que, de súpeto, estoupan en latexos que mesmo mancan no peito. Hai palabras que saben atopar camiños que levaban tempo pechados. Hai silencios que din máis ca unha conversa enteira. Agora que cada quen soñe co que lle conveña.
Ir ou non ir. A ecuación resólvoa nun alustro: desde a cama, a liberdade está nos pensamentos. E que mellor lugar para os anhelos, para os desexos, para todo aquilo que aínda non aconteceu? Quizais por iso, ás veces, non ir sexa tamén unha maneira de viaxar.

Pena dun café

Ela faláballe de alfábegas e aromas, de paxaros e cabezas, de estrelas que brillaban na noite que comezaba a poñerse fría. El falaba do ruxerruxe do vento, da soidade dun cuarto baleiro e do baleiro que había nalgúns pensamentos. Ou sentimentos.
A distancia estaba aí, era patente, pero o achegamento era real, auténtico. Pena dun café. Co café, ou co seu recendo, as palabras flúen mellor, coruscan sobre as caricaturas dos dous. Co café mesmo se poden xunguir os pensamentos. Ou os sentimentos.
Ela seguía a falarlle de trasgos, de seres míticos e de personaxes coñecidos. El escoita co sorriso aberto e cos latexos do corazón zoupando no peito. Porque a emoción é moita e as ansias aínda son máis.
A noite estaba chea de sons e de soidades sobre unha terra brava que namora. Os carballos servían de refuxio para o silencio, e o silencio estendía, espallaba, esparexía as redes da memoria e da nostalxia. Lembraban os dous. Contaban os dous. Borboriñaban os dous. A noite xa estaba pecha.
Sobre a escuridade, o ruxerruxe dos grilos e dos paporroibos. Aínda así, notábase máis o silencio ca o ruído, a melancolía ca a rebuldaina e os soños ca os espíritos.
Ela lembraba bailes nos ríos e gaitas nas festas. El deixaba caer a mirada sobre unha felicidade xa feita, asentada e quizais eterna. Ela emocionábase cos recordos. El falaba das súas propias emocións e dicía, tamén, que se emocionaba con ela. Ela debuxaba a caricatura dun poema. El dicíalle que ela era poesía.
A distancia seguía aí, pero o achegamento semellaba cada vez máis real, máis auténtico. A noite dáballe paso á madrugada. Coa madrugada chegaban os soños reais e imaxinarios. Soñaban os dous a un tempo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES