Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Levarse ben é doado (12)

Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 03 de septiembre de 2026
Analicemos, escrutemos no contrario, observando os seus signos externos. Analizar non é doado, de disfrazados que andamos. Indicios ou pistas, que algunhas xa nolas dá o dicionario: Pescudar, comparar, considerar, descompoñer, detallar, distinguir, estudiar, examinar, individualizar, e por último, separar.
Discretamente para os antecedentes familiares, que non vaia a ser o diabro que nos metamos gratuitamente nunha rateira. El / ela, poden ser santos, pero se a familia está desacreditada nunca sobra tentarse a roupa, avanzar con precaución, que a honra, de sempre, pero tamén hoxe en día, está cara.
Comparar con outras oportunidades, pois non tódolos anxos son da mesma categoría: anxos, arcanxos, querubíns...
Considerar fundamentalmente se, dado o carácter que apunta, vai ser doada a convivencia. ¡Unha retirada a tempo é unha vitoria!
Descompoñer o cadro para analizarlle as cores; se predominan os grises, malo; ¡Deus, cómo serán cando se anoxen con motivo!
Detallar, que tamén se di analizar por partes, pois todo podo resultar enganoso; pensemos nas rosas, que son encantadoras, pero, como teñen pinchos, non sempre visibles, hai que collelas con precaución.
Distinguir. Agora xa non se di, Distinguida señorita... Non se di, pero existe: é a distinción persoal, o estilo, que segue a ser importante, nos dous sexos!
Estudar. ¡Con qué meticulosidade estudaba eu aos clientes nos meus tempos de directivo de Banca, informes comerciais de axencias especializadas, expediente ou historial, averiguación a través de competidores, que adoitan falarche ben para que lle subas o límite ao contrario, esaxeradamente, e así poñelo en situación de insolvencia, que vén a ser tensa-la corda do aforcado; pero nin con esas, que tódolos anos me fallaba algún!
Examinar. Aquí tamén vale o que xa está dito: Non busques rapaza na feira nin na romaría. / Búscaa na súa casa vestida de cada día.
Individualizar. Que vén a ser comparar, de dous en dous ou de dúas en dúas. Como se fai a ollo, precísase ollo de bo cubeiro!
¿Separar? ¡As mellores / os mellores vanse sos, así que este problema non soe darse.
¿Que; é doado o noviciado dos casamentos? ¡Se me tomades demasiado en serio, corredes o perigo de non casar, nin ben nin mal!
-.-

Os amoríos antes, durante e despois da Guerra de España

Levarse ben é doado (12) ¡Maldita guerra que, de posta a matar, tamén matou un estilo de vida pacífica e pracenteira.
Hai quen di, O pasado, pasado está! ¡Xa; e daquela estreamos casa, tódolos anos! Pero outros, ¡Quen reserva e conserva, ten do seu! A intelixencia, o pragmatismo, está en soterrar o malo, e conservar o bo, como ouro en pano!
O noivado é de onte; veu co romanticismo, coas liberdades persoais, pois aló atrás, coa muller de pata quebrada e na casa, todo eran esculcas, e mesmo poxas; intercambios, comenencias, pactos..., ¡pero pactos dos proxenitores, ou, en defecto destes, dos titores! Claro que ten habido amores, incluso amores difíciles, prohibidos, restrinxidos, e algún deles, de categoría histórica: César e Cleopatra, Romeu e Xulieta, os Amantes de Teruel..., pero case eran tomados por pecado. Para exemplo rotundo, polivalente: Isabel I de Castela, gustáselle ou non, casou con seu primo Fernando de Aragón; ¡xuntaron dous corpos para xuntar dous reinos! Como se trataba dun caso amonestativo, para non correr riscos de escándalo, inventaron, falsificaron, unha bula papal, que así, o Papa, ante os feitos consumados, ¡co matrimonio consumado!, non lle quedou outra que mandarlles unha bula auténtica, autenticando a falsa. O problema veulles en Granada, no cerco de Granada, pois a Sabeloa fixo voto de non cambiar de camisa ata vencer, e daquela, no ínterim, o pobre Fernando..., puntos suspensivos!
Aínda hoxe dicimos, ¡Vivan os noivos!, cando lles tiramos o arroz da fecundidade, e facémolo desde que deixaron de ser noivos para converterse en cónxuxes, pero..., ¡a tradición, que aínda foi onte, daquela que non había transición entre a solteiría e o matrimonio!
Onte, onte mesmo, antes desa Guerra maldita, o pretendente asomaba polo postigo da porta: -¿Pódese pasar? -¿E logo, rapaz, qué te trae por aquí? –A súa filla, esa Pepa, que me desabrochou o corazón! –Está ben, rapaces, ide falar das vosas cousas por detrás do palleiro, pero..., coidado con desabrochar outra cousa que non sexa o corazón!

Os vellos-vellos aínda coñecemos aqueles tempos da dama de compañía, xeralmente unha irmá, ou unha prima, que paseaba cos prometidos, exactamente no medio. ¡Promesas, si, pero titoras, tamén! O malo sería se, por non poder tocarlle á rapaza, se lle ía a man para a intermediaria! Bromas á parte, que aqueles noivados de preguerra foron curtos pero eficaces evidénciase coa escaseza de separacións, ¡nin de feito nin de dereito!

¿Ocasións, relacións? Maiormente o paseo, que na cidade celebrábase á tardiña, ¡iso, celebrábase!, polas rúas principais, polas de máis luz, e nada de xardíns, que son propicios para os ladróns de bicos! Nas aldeas tiñan a feira da tarde, o paseo de entre as tendas, que era moi oportuno para que as mozas mercasen as sabas. ¿As sabas? ¡E logo, o enxoval, qué? Dous xogos de cama, para repoñer; a máquina de coser, ¡desde que empezou a habelas! A cómoda, de nogueira ou de castaño, que se era de casa rica facíana tallar. A hucha vernizada, para os cartos, para o chocolate da parida, a escritura da dote..., con chave, para gardala na faldriqueira! Os cartos da dote estiveron, durante medio século, nas casas medianas, en mil reás; iso si, recoñecidos polo futuro sogro sobre do prado da porta, que así reforzábase discretamente a mellora do morgado!
Cando pechaba a noite, se o patrucio non chamaba antes, -as nais sempre tiveron algo de celestinas-, corríase o risco dun..., escape! A inmediata, botar de inmediato as proclamas, para disimular; e como tamén hai nenos setemesinos..., misión cumprida! Téñense dado casos, ¿valentes ou temerarios?, de manipular a relación, anticipala, para así conseguir do patrucio que redondease a dote á alza. ¡Si, si!
Os fillos bravos viñan para evidenciar que houbera unha moza débil..., e un pai cabrón!
-.-

Levarse ben é doado (12)
(Publicado no núm. 406 de Irimia)

Lin, non sei onde, sería nos periódicos,
que a última guerra fratricida
que en España houbo
rematou..., ¡no trinta e nove!
¿El será certo; lería ben?
Ata o sería,
que hoxe fun á Misa
e démonos a paz;
pero o home da miña dereita
a pouco se me queda coa man
do zarpazo que me deu,
e de tanto que apertou;
por contra,
a muller da esquerda fuxiume
aínda ben non lle toquei na punta
daquelas uñas de gata,
ou sexa, retráctiles, garduñeiras,
pintadas da cor do sangue.
¿Iso é paz?
Despois chamei ó psicólogo,
bo amigo por certo,
e díxome que, tranquilo,
que a cousa é normal;
que eu estaba ben
e os demais, tamén,
¡a Deus gracias!,
que iso de dá-la man é un rito,
¡coma outro calquera!,
e que lle mande,
ó portador,
o cheque desta consulta,
tan importante e tan oportuna.
-¿Ó portador, por que?
-¡Por culpa do IVE!
-¡Ah!
Quedei matinando,
-a soas, por suposto, coa miña conciencia,
que é unha forma de matinar,
unha delas-;
matinei niso das guerras,
guerras de toda clase,
que seica son
os baleiros da paz;
e coido que non perdín nada,
¡nada, nin o tempo!,
pois á forza de discorrer,
¡e bo traballo que me deu!,
aprendín,
¡que non hai guerras!
Non, é certo, abofellas que si:
Non hai guerras,
¡tan só irmáns
que non saben darse a man!
Sendo así,
¡que lousa, canta guerra,
por unha cousa tan sinxela!

Xosé María Gómez Vilabella
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES