Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Levarse ben é doado (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 02 de septiembre de 2026
Analicemos, escrutemos, ao contrario, observando os seus signos externos. ¿Que non os ten, que é moi discreto / discreta? ¡Témolos todos, pero non todos saben analizalos, que disto dáse pouco nas escolas; son estudos, apreciacións, ás que non se lles deu importancia, ou pouca, ata o século XX!
A nosa emisora, con tal de ter diante outra persoa, dispárase, ponse a emitir, a comunicar! ¿Con que antenas? Este proceso de comunicación consiste en enviar e / ou recibir mensaxes mediante un sistema de indicios, xestos e signos, uns tics non sempre voluntarios, que trataremos de entender, de descifrar, para que, sumados ás súas verbas, ou en contraste con elas, nos resulte un retrato da súa personalidade, de como é, e de como nos recibe. O que se di vulgarmente, Saber a quen se ten diante!
Todo o que se ve en nós, todo o que aprecia aquel que nos mira con atención, é coma se llo désemos por escrito; ¡con outros signos, con outras letras, pero non hai mellor currículo, máis descritivo..., voluntario ou involuntario..., se consigue entendernos! Todo nos denuncia, todo nos describe, roupa, peiteados, movementos, xestos...
A comunicación non verbal, que algúns chaman, por esa manía das abreviaturas, CNV, pero eu prefiro deixar esas letras para a “Comisión Nacional de Valores”, igual xurdiu antes cá fala, pois eses balbúceos do recén algo son, algo queren dicir, transmitir. Nos humanos a CNV pode matizar, e de feito así a usamos, para darlle matiz, amplificando ou restrinxindo, o expresado verbalmente. Nesas ocasións estamos atidos máis ben á letra, desoíndo a música, a acentuación, o énfase, co que nos falan, cando, en boa atención, o dito pode ser máis ou menos importante se conxugamos as verbas co seu subliñado. Por algo convén mirar á xente de cara, de fronte, tête-a-tête, tanto por sinceridade nosa como para captar a deles.
Debémoslle a David Efron, que, no 1941, e na súa obra Gesture and Environment, establecese, resaltase, o papel da cultura na formación de moitos dos nosos acenos peculiares.
¿Comunicarnos sen verbas? ¡Antes xa de Efron, os de Ínsua, na miña parroquia, chamaban para mallar, ou para outras rogas de temporada, simplemente poñendo unha saba no lousado da casa, que así os de Castelo víana, e acudían! Sinais por luces, bandeiras, sons..., descorrérono os homes tan pronto como tiveron necesidade de pedir auxilio a quen, de lonxe, non os oía persoalmente, de persoa a persoa, pero si lles vía os signos, ou escoitaba os sons.
O home non é unha estatua, ou si que o é, pero, parlante: a onde non chega, manda aviso; ou máis exactamente, sáelle de dentro, que de aí veñen os xestos, sexan voluntarios ou non, pois as verdades escápansenos. ¿Non se di, Ese fala polos cóbados? Falamos polos cóbados, e polo demais, tamén, así que lles convén moitísimo aos rapaces fixarse nisto..., aínda que só sexa para non ser enganados polas verbas, polas verbas manipuladas. Trampear nos xestos, e á vez nas verbas, non é doado; de aí a vulnerabilidade dos ditos cando non son acompañados dos énfases que lles son propios.
-.-

En canto animais, hai un sexto sentido que nos indica se a femia / ou o macho están en celo, ¡pálpase no aire!, pero o de contraer matrimonio é algo mais serio, máis complexo: Hai que estudalo a fondo, detidamente, e ten máis dificultades que facer unha carreira! Con iso e con todo, que pouca atención lle botamos á esculca!
Falando da pouca atención: A que practicamente está extinguida é a da roupa, tan trapalleira a que se viste neste XXI, sexan homes ou mulleres. En parte, pola crise económico – social, pero non só iso: dámoslle pouco respecto ao corpo, pouca dignidade, así que o enfundamos de calquera xeito. Retrocedemos ata as cavernas niso de colgarnos colgarexos e ferros; perdón, que esaxero un pouco, pois meu avó, o albeite, xa aconsellaba anelar as cochas para que non fozasen na cuadra; iso foi onte!
Agora concorren moitos factores: Un deles xa é que os ricos, salvo nas súas reunións sociais, tratan de aparentar medianía nos atavíos para que non os rouben, para que non lles esixan aumento de soldo, para que non os secuestren, para darse de amables, etc. Así, autonivelándose no externo, tamén logran confianzas e confidencias que antes non se lles facían aos potentados. O luxo é retador, provocador, pero a desmesura negativa incita á repugnancia, atenta contra a dignidade persoal. Unha moza desastrada, salvo que lle resulte inevitable polos seus infortunios, bota para atrás, incluso no aspecto carnal.
Dentro da prudencia, a roupa dignifica e define: ben / mal educados, aseados / cotráns, traballadores / folgazáns..., e incluso cultos / incultos! A pulcritude, como todo o bo, é cultivable; un marchamo de integridade persoal. Os “pisaverde”, todo o contrario. Esa pulcritude incluso acredita aos pais, evidenciando que quixeron e souberon inculcar modais axeitados. A interpretación xeral, normal, é que unha aparencia pulcra sinala un ambiente disciplinado, ético; unha predisposición ao perfeccionamento persoal. O desorde externo implica, denota, inexorablemente, que tamén se é no interior; de pouca fiabilidade.
¿As modas extravagantes? ¡Véñenlles moi ben aos inseguros, aos incultos, os informais, que así disimulan, ou tentan facelo, coas súas imperfeccións! ¿Para chamar a atención? Se o fan por iso, meus pobres, é que moi pobres son na súa personalidade, que lles pide disfrazarse de importantes. Neste aspecto hai que esmerarse no paralelismo do atavío..., para non escacharrar a figura! Nisto son especialistas as mulleres, pois os homes, en xeral, con un taparrabos encima..., igual que Adán!
A sincronía co carácter e coa categoría dos eventos, é outro signo de personalidade, ao que non se lle soe dar demasiada importancia, pero tena, e suma ou resta, asegundo.
En definitiva, que a roupa é outro cartel anunciador, o noso, o propio, que vai pregoando como somos e como nos portamos, segundo sexo e idade, segundo as circunstancias, segundo as ocasións!
-.-

Levarse ben é doado (11)
-¡Pero que riquiña es!
-¡Ti, que me ollas con bos ollos!

O piropo foise perdendo por culpa das mulleres; si, si, das mulleres, que o tomaban por minoración dos seus dereitos á igualdade! ¡Tontiñas, pois no piropo hai un goce pola felicidade de sentirse admitido, unha submisión, un acatamento, unha admiración ante o sexo belo, fermoso; un sexo tan potente, que son capaces de transformar unha gota de seme para convertela nun novo ser!
As olladas tamén hai que estudalas. O dito: Con xestos e miradas, simplemente con iso, xa podemos facer pactos de fonda atracción, antes de soltar palabra. ¡Vinte, caíchesme ben, e..., namoreime! Pero, ¡ollo!, que caer ben non é abondo para casar; é bo como principio, como base de estudo, iso si.
Os sinais do tráfico, regúlano, ordénano; os chispazos dunha ollada mostran o camiño, indican se vou ben ou mal, acelerado ou lento, con outras precaucións interesantes. Nos ollos dunha muller sempre, ou case sempre, captamos tenrura, e de non habela, mellor nos será ollar para unha silveira. ¿Por que? ¡Porque as moras, igual cás roseiras, igual que algunhas mulleres, teñen pinchos! ¡E os homes, barba...! Xa, pero tanto presumen dela, que ata lle fan debuxos. Pódese ter moita barba, e ser pouco home!
Nas conversas vis-à-vis, descartando as telefónicas, intercambiamos todo tipo de olladas, que veñen sendo a firma destes intercambios ou pactos. ¿Hai intercambio cando non se olla de fronte? ¡Si que o hai: negativo! Tamén podemos ter medo, pánico escénico, nubrársenos a vista, se falamos con descoñecidos, ou con moitos a vez, -o discurso, a conferencia-, pero iso só nos indica a potencia, o sumatorio, das miradas, que, de acumuladas, asústannos, máxime se non temos razón, ou pouca, coñecemento escaso da temática desenrolada. Os políticos, que se supón están chamados a rexer destinos, influídos pola súa capacidade de mando, ¡ou máis ben de ordeno e mando!, psiquicamente sitúanse tan altos que non se asustan das multitudes, máis ben os inspiran.
A mirada tamén serve para marcar as quendas nunha conversa, pois, antes de responder, adoitamos desviar a ollada, como dicíndolle ao interlocutor: Deixei de facerche caso, agora tócame a min!

¿Cando, onde, e como aprendemos a investigar coa mirada? Vén de vello, da máis remota infancia; os nenos, desde o berce, pois desde o berce notan, aínda que non entendan as nosas verbas, só cos ollos, coa expresión da mirada que lles dediquemos, se os queremos ou se nos estamos fartando deles.
A duración e fixeza da mirada funcionan de cronómetro e de potenciómetro: Aguántoos moito tempo, tema interesante; baixo a vista, perdo o contacto visual? ¡É que estou desexando perderte de vista! Fixámonos pouco nos dicires, pero hai moitos, que este é un deles, que encerran toda unha lección científica.
Para estas interrelacións dispoñemos, como pouco, destas ferramentas ou actitudes: Na cara, o cello, a moca, o sorriso, etc. Cos ollos, alteracións da pupila, dirección da mirada, etc. Co corpo, proximidade ou distanciamento ao falar; posturas diversas do corpo, en particular dos brazos e das pernas. Ton e ritmo da voz. ¡Nada: unha orquestra!
Para recibir as mensaxes valémonos de: Suavidade ou aspereza das cousas, sensación de frío ou de calor, etc. Sons, que os percibimos segundo as circunstancias, agudos, graves, débiles, fortes... Cheiros, que hai persoas que nin sabuxos nisto. Coa vista, color, forma, tamaño, etc. O dito: Estamos actuando, e á vez dirixindo, unha orquestra, as máis das veces sen decatarnos!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES