Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Levarse ben é doado (10)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 01 de septiembre de 2026
A desmotivación é o patinado dos nosos freos. ¡Ollo con ela, que é nefasta! Unha forma de referila é a de pensar nun sentimento de desespero ante os obstáculos que se nos van presentando, que nos producen, se non atinamos a defendernos destes infortunios ou decaementos, unha angustia que pode ser aterradora, unha perda de entusiasmo, unha indecisión, un aletargamento da propia enerxía. Nestes supostos hai que reaccionar con valentía desde o primeiro momento, pois das covardías sempre veñen as derrotas. Non deixarse bloquear; tomar iniciativas, reaccionar, o que se di, sacar peito, buscar substitución, como cando te decepciona unha rapaza, que nada conseguimos chorando pola súa ausencia, polo seu desdén.
A desmotivación sempre é un estado interior, limitador, complexo, que nos aporta, que nos trae, que nos invade, con pensamentos limitativos, restritivos, entrándonos un desánimo que pode chegar a ser fatal; de aí a présa en pechalos, en expulsalos da nosa vida cotiá, do noso modus vivendi. A acumulación de experiencias negativas, tal que as rapazas que nos rexeitan, unha tras outra, ao que nos debe levar non é a pensar nas de máis abaixo senón nas de máis arriba, pois, poñendo os medios axeitados, sempre se logra subir, e máis vale tarde que nunca.
O que se cre incapaz de algo acaba séndoo; ¡afouteza, amigos, que iso foi o que eu lle botei cando tiven que renunciar, por insuficiente, á unha beca que tiven no Instituto de Lugo, pero en vez de renderme, co tempo, iso si, acadei situacións que naquel intre me parecían espellismos.
O derrotismo, a desmotivación, é nociva se nos anesgamos nela, que ata pode ser nefasta para a saúde, e minorativa para a nosa produtividade, tanto externa como mental. Acordémonos da Marsellesa, aquel himno que convertía as derrotas en vitorias: Allons enfants de la Patrie. Le jour de gloire est arrivé!
-.-

Nisto das motivacións / desmotivacions nunca afondaremos abondo dada a súa importancia na vida cotiá, sinaladamente na dos rapaces, pois, coa súa febreza, estando en proceso de máxima receptividade, un pequeno sopro desvíaos, revíraos, ponos, nun intre, do dereito e do revés. Menos mal que de maiores, de curtidos, imos perdendo vulnerabilidade, gradualmente, ante os cambios, fronte as tendencias, porque se nos vai endurecendo o corsé das experiencias; isto é bo se nos mantivemos endereitados, porque estirar un vello, sexa persoa ou carballo, é punto menos que imposible.
Témolo ata nos sabores da comida, que con só ver un prato por primeira vez igual nos pode atraer como repugnar, pero se llelo vemos inxerir con pracer aos maiores, aínda que a nosa rebeldía nos leve a eses nós rotundos dos nenos, aló por dentro estamos desexando imitalos. As novidades, do tipo que sexan, sempre encerran atractivo, tentación, así que non é fácil opoñerlles precaución; e se non temos unha boa titoría ao lado, será un milagre que vaiamos saíndo con ben de moitas delas. A carne é débil, e por iso hai que manterse en vixía, en garda permanente, que xa nolo advertiu o Mestre!
Damos un paso, iniciamos unha actividade, por ese afán innato de posuír, de controlar, de pescudar; e o caso é que isto é bo por principio, xa que nos vai afianzando na vida; o risco está na nosa miopía, ou na nosa aceleración, en non pararnos para atusmar o que hai, ou pode haber, alén de cada paso.
Algunhas cousas facémolas polo goce que esperamos delas, pois ese afán de gozar, no corpo nos vén, e do corpo sae, pero outras facémolas porque tamén nos acompaña a idea de cumprir, con nós mesmos, pero tamén cos demais: fago isto, ou pretendo facelo, porque algo interior me di que debo facelo, que o inmobilismo non é propio dos seres vivos. A esa idea de cumprir tamén lle podemos chamar responsabilidade, que por certo resulta moi grata cando observamos que se vai desenrolando nos rapaces. Con que pracer dicimos, referíndonos a un neno cumpridor: ¡Que marabilla de rapaz, que responsable é! Cando nos decepciona, a inmediata é: ¿A quen coño se parece, que esa xente non era así!
A motivación extrínseca vímola utilizando desde a infancia no mundo empresarial, xenericamente social, polo resultado que dá. Recompensas tanxibles cando utilizamos como estimulante pagos, promocións, ou castigos; e intanxibles, pero non nos seus efectos, que adoitan ser brillantes, nas boas.
A facilidade das cousas, nas cousas, adoita ser desmotivadora, pois, a pouco de amor propio que sintamos, máis nos tentan os logros difíciles; aquí entra o cálculo: p. e., non escalar o Everest sen medios e sen veteranía alpinista. Así caemos con frecuencia en riscos de transcendencia, que nos sobrepasan, que implican a inocentes. Aprender arriscando sempre é tentador, pero non sempre resulta útil, nin práctico.
Deteñámonos un pouco nestoutra consideración: A motivación extrínseca provén, vennos, do exterior; e lévanos a facer algo que nos apetecía pouco, ou nada, PERO lánzanos, empúrranos, saber, ou crer, ou esperar, que aló adiante agarda por nós unha recompensa apetecible. En definitiva, a vitoria do apetecible sobre aquilo que, de principio, non o era. Un exemplo: Non me apetece estudar esas materias, pero si o brillo desa carreira. A maioría das cousas difíciles tórnanse factibles cando albiscamos un final grato, gratificante.
¡Ollo coas motivacións! Ollo porque as están estudando a fondo, explotando, os propagandistas, os marketings, sexan de bens ou de servizos, prácticos ou non, así que son, están resultando ser, os feiticeiros contemporáneos, fronte aos cales hai que abrir os ollos, sopesar, comparar, e mil armas, das defensivas, máis, que todas serán poucas para evitar que..., que nos leven ao horto!
-.-

As boas / malas compañías. Dime con quen andas, e direiche quen es ti. Vimos analizando a autoformación das persoas, pero quedábanos no tinteiro a deformación, a erosión que lle producen, ou poden producir, á nosa formación, á nosa madurez, factores externos no medio en que nos sexa inevitable vivir. Pero nese medio non todo é inevitable pois danse influencias que houbésemos podido eludir ou eliminar; é o caso dos malos amigos, pois aos inimigos notorios, -direino sempre-, non fai falta maldicilos, que se maldín sos.
¡Vaia lata isto de pasarse a vida conquistando e repudiando, asemade! Entra no capítulo da transcendencia das decisións, cousa que non lle damos a importancia que ten, segundo tamén veño afirmando. Muhammad, se non tivese a fatal ocorrencia de intimar cos nestorianos, non se houbese contaxiado dos seus erros. Os crápulas poden coller a sida con facilidade, e os fumadores o cancro. Así, ata infinito, consecuencias das malas eleccións. ¿De onde vén a metade dos males? ¡Xeralmente das malas compañías!
O problema iníciase nos colexios, e nas pandillas, onde, por desgraza, non faltan fillos de boa nai que renegan dela, delas, pasándose ao bando dos falsos profetas. Estas atraccións nefastas veñen da nosa propensión innata ao mal, ese atractivo que teñen, que imitan, os pícaros-pícaros, que para máis agravante adoitan ser os máis simpáticos, ditosos, e comunicativos. No Madrid da posguerra, sometidos a un galego, paradoxicamente adoitaban, gozábanse, de provocarnos para que caésemos en picardías, co desafío de, “Gallego si no lo haces!”.
O método da picardía colexial é duplo: aspirar a ter o mando, o ascendente, dos malos, nuns casos; e noutros, o sometemento acomplexado dos inferiores, dos sometidos.
Varias son as forzas que tiran dos nenos: Por un compañeirismo mal entendido, iso de ir ao mal precisamente por nobreza, que é o colmo da tentación; por constituírse en foco de atención de familiares e de amigos; outros, como rebeldía, para sacudirse a presión paterno-filial. Tamén entra, e actúa, a emoción malsá que causa verse metido en problemas, ese afán de probar, de catar, droga que sexa.
Nestes supostos, que lles queda aos pais, e cos pais aos outros educadores? Ante todo persignarse e pedir axuda ao de Arriba, pois aquí abaixo terán que facelo eles, todo, ou case todo. Hai que explicarlles abertamente, sen timidez nin vergonza, as consecuencias, por veces irreversibles, de camiñar na dirección equivocada, e de poder, illar, pechar a porta aos inconvenientes, así lles traia consecuencias familiares ou sociais. Disto poderíamos sintetizar facendo un esquema da situación, pero primeiro vexamos que armas adoita ter, ou uilizar, o inimigo a bater:
-De fogares desfeitos non poden saír, salvo que sexa de milagre, gromos perfectos. ¡A responsabilidade das separacións inxustificadas!
-A incontinencia verbal de certos pais, que a herdan os fillos antes da mortis causa. Neste caso, como no anterior, é frecuente, ao diabro grazas, que os gromos resulten galos bravos, propensos a capitanear bandas, nas que se senten abeirados os débiles de carácter.
-A falta de afecto, vínculos desfeitos, rexeitamentos, etcétera, xera agresividade.
-Das drogas non digamos, que son un anticipo do inferno.
-O caporal da panda, como tamén o é en malicia, mete aos outros en leas, mentres el se escapule.
En canto aos pais e demais educadores:
-Buscar axuda se coñecen alguén que poda influír no menor, tal que os avós.
-Manterse firmes na disciplina; suprimidos, por suposto, os golpes e demais sancións humillantes.
-Felicitar efusivamente aos fillos en todo asomo de auto perfección que lles observen.
-Por encima de todo, a exemplaridade, que o rapaz / a rapaza nunca podan dicir de nós: ¡E ti tamén!

O lector cansarase de lerme, pero eu non penso calar, nin deixar de predicar, que sempre fixo falta, e a maiores non hai trazas de que o mundo vaia a mellor, neste aspecto. Os outros adiantos e comodidades, así como o traballo da muller, que é moi san para ela aínda que non tanto para os fillos, estannos levando por mal camiño. ¡Así que, compre perfeccionar, abundar, nos controis!
-.-

No paseo
-Hainas de tódalas cores, morenas, rubias e castañas, pero está visto que non lles caio en graza: non fago feira!
-Daquela hai que ter paciencia, meu neno, pois, Casamento e mortalla, do Ceo baixan! Aí tedes ao Alfonso da Cordeira, da miña parroquia; campaneiro, sancristán, e enterrador, que enterrou tres, e ía pola cuarta esposa! (Cando casou coa cuarta pediulle ao Cura que os casase ben cedo, ¡para non ter audiencia, pero aos rapaces da barriada díxonolo o Sancristán: Ese día madrugamos, e aínda con noite pasamos ao corredor da igrexa desde a torre do campanario. Comezada a cerimonia, desde o noso refuxio os rapaces demos en cantar: “Cantemos al amor de los amores, Dios está aquí...”! ¿O Cura enfadouse? ¡Non, que o tomou a música sacra!).

-Ti ben falas, pero, os anos pasan...; pasan por diante da miña porta, e eu, que son do nabo de Lugo, sen saber a que sabe o caldo de verzas!
-¡Tampouco o sabe o teu Cura, e iso que ten criada!

En tempos dicíase: -Agora fálalle un de Caraño, un de Tal Sitio, de Tal Familia... ¡Fálalle, pero, ela / el escoita? ¡Non, non chega con falar, con abrir a boca, que tamén hai signos, mensaxes corporais, comunicacións non verbais, pero, complementarias, que poden dar e recibir mensaxes máis explicativos e máis certeiros da situación cás propias verbas!
¿A estas alturas, aprender a falar, aprender a comunicarse? Cadora máis necesario pois, se picardías sabemos, aprendemos, o outro / a outra, foron á mesma feira! Hai que analizalo todo, en aras da futura seguridade matrimonial, desde as verbas á roupa, pasando pola infinidade de signos corporais que podamos observar, tanto ou máis elocuentes que as respostas recibidas. Iso, respostas, que non só debemos aternos á sen óso se nos interesa controlar a situación! ¿Analizar á pretendida / ao pretendente? ¡Xa; e non só no espiritual senón que, dun tempo a esta parte, cos adiantos actuais, incluso se recomenda facer análise de fecundidade..., cando se teña interese en procrear, que adoita ser o normal!
Daquela comecemos polo principio, de abaixo arriba: ¿Sabemos comunicar? ¡Do que non, hai que aprendelo, antes de mocear! Ah, pero, un detalliño: ¿Estás seguro de coñecerte a ti mesmo, porque mal podes interesarte polo próximo / pola próxima, se non comezas por ti, pola túa forma de ser, de ser e de obrar? Despois diso poderás xulgar, comparar, facerte unha idea acerca de se sodes compatibles, ou non! ¡Pídeo a vida, a vida sensata!
Para vernos o corpo, e de paso o que levamos enriba, temos os espellos, aínda que tamén serve unha pociña de auga limpa e tranquila, sempre que haxa luz abondosa, reflectante. Pero, o de dentro, o espiritual? ¿Como podo coñecer o meu carácter, defectos, virtudes, calidades, ou simplemente algo máis transitorio como é o estado de ánimo nun momento dado? Se existes é que es un ser pensante, así que, daquela, rapaciño / rapaciña, ponte a pensar!
Nisto de coñecerse pode estar a peor das mentiras, pois non a temos meirande cá de non recoñecer que somos como somos; a partires diso, diremos verdades?
Se me poño a pensar en min mesmo, esta autoconciencia permitirame avaliar e aprender dos meus propios procesos do entendemento, así como crear, mellorar, perfeccionar, ou refusar, comportamentos, hábitos, inclinacións, carácter, etc., etc. Pensando reaccionamos, reaccionamos racionalmente.
Deus fíxome por mediación de dous namorados, ¡suponse!, que son, que foron, meus pais, pero niso non concluíu a obra, que algo deixou o Creador para que o fixese eu mesmo, en base á educación e aos coñecementos recibidos, que, ao ir anosándoos, facéndoos nosos, recibimos as ferramentas axeitadas para poñer o resto en por nós, da nosa parte. Son auténtico desde que son capaz de eliminar impurezas e contaxios. De todo isto vén a nosa responsabilidade, porque chega un momento, unha idade, na que ninguén manda no noso pensamento, no propio; poden enganarnos, torcernos, iso si, pero a culpa segue sendo nosa se non nos tomamos a molestia de madurar o coador, séxase, o criterio propio.
Isto é difícil, xa o sei: ¿Deus, por que faría tal cousa, por que non se me ocorrería a contraria? Descartamos a perfección, pero pecado é non intentala, non poñer en acción a nosa preparación, algo así como durmirse nos loureiros, darnos por satisfeitos nos propios inicios.
Cando nos introspeccionamos, por ganas que lle poñamos, nunca chegaremos ao fondo do pozo, de fondo Levarse ben é doado (10) que é, e así non lograremos enchelo coa auga da sabedoría; somos limitados, xa o sabemos, pero tamén sabemos que somos preguiceiros pois algo máis sempre podíamos estudar, observar, precaver. O que menos logra, a intelixencias paralelas ou parecidas, é, sempre, o máis preguiceiro, o máis folgazán.
Os fitos do camiño témolos nas dificultades, rectificadas ou non, cuxo acerto iranos dicindo, reflectindo, o grado do noso esforzo e da nosa maduración.

Seica dixo Horacio que, O xenio descóbrese na fortuna adversa, e ocúltase na prosperidade. ¡Este é o miolo da cuestión, que cando, de casualidade, nos van ben as cousas, aletargámonos, deixamos de prepararnos para as próximas, que acaso van esixir unha preparación e unha previsión meirandes. "¡Desperta ferro!", lle dicían os almogávares á súa arma, á súa espada.


Parodiando: Esperta rapaz / rapaza, pois a túa arma, a defensiva, está, consiste, en coñecerte a ti mesmo, a túa forza, as túas capacidades, máis ou menos afiadas, afiadas e afinadas!

-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES