Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Levarse ben é doado (9)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 31 de agosto de 2026
Seguindo coa autoformación. Ten que ser continuada, pero controlada, porque a mente non ten vacacións pero si eleccións; Levarse ben é doado (9) o cerebro traballa incluso de durmidos, soños, pesadelos, etcétera, pero a vontade, o mando, é do posuidor.
Igual cós autos, temos acelerador e freo; se aceleramos demasiado, deliramos; e ao frear, patinamos. A prudente utilización de ambos instrumentos, de ambas actitudes, é o que nos dá un control, unha aptitude.
Nada, despois da blasfemia por suposto, teño odiado tanto como esa vulgaridade de: ¿E logo, que estás facendo? ¿Xa ves, que en algo hai que matar o tempo! ¿Matar o tempo? ¡É o tempo o que nos mata a nós cando facemos mal uso das horas!
É moi importante a secuencia das nosas actividades; coido que non estará esquecido o refrán que di, Vísteme amodo, que teño présa. Disto tamén teño unha experiencia persoal: Volvíamos da Misa de cedo meu padriño e máis eu cando se nos achegou, correndo, pola corredoira do Escouredo abaixo, a señora María Antonia do Roxo. -¿Xosé, xa vides da Misa? –Si, da primeira. –Ai logo, vou tarde; paréceche que chegarei a tempo da segunda? –Muller, se corres, non! Nin que fose unha maldición pois catro zancadas máis abaixo, Antonia tropezou cunha pedra, caeu de narices, e..., rompeu unha zoca! Meu padriño axudoulle a levantarse, e co seu pano das mans, asemade, tapoulle as narices, que lle sangraban un pouco. –Non me fixeches caso...! Con unha soa zoca, e sostida entre nolos dous, pouco a pouco, devolvémola á súa casa. Despois diso díxome o padriño: As cousas ben feitas levan o seu tempo, e hai que poñer atención ao que se está facendo; esa Antonia quixo voar, pero a pobre, non sabe!
As distraccións teñen que ser doutra natureza; atentos ao que se fai, si, pero tamén hai trucos, pois, por exemplo, se cantaruxamos, ¡aquilo de coser e cantar!, ou pensamos nalgunha cousa grata mentres facemos traballos manuais, parecendo que non, estamos facilitando as nosas aptitudes, a nosa destreza.
Pero hai cousas que non admiten simultaneidade, como ocorre co telefonar e conducir á vez; daquela, non superpoñer as ocupacións, primeiro unha e despois a outra: cada cousa ao seu tempo, e meditar as preferencias, que tamén hai un dito, vello, daqueles vellos que se inspiraban co lume, e co fume, das súas lareiras: Primeiro, o importante; e despois, o urxente. Meu padriño tamén dicía: -Neno, comeza polo fácil..., que así, mentres, o cerebro está cargando, e darache forzas e iniciativas para o difícil. ¡Ah, -engado eu-, e non caer na tentación, na soberbia de facer cousas espectaculares pero inútiles, só, e tan só, para impresionar ao próximo, que iso é pura soberbia. Circulaba por Lugo, e alguén quedará que o lembre, un camión que levaba este rótulo: “O traballo non me apura! Ao chofer chamábanlle, Señor Pachorras, e dicíase del que nunca un accidente tivera, nin provocara, precisamente por iso, porque nunca aceleraba máis da conta..., ¡por traballo que tivese!
Os técnicos en produtividade de empresa recomendan, en todo tipo de traballo, que, de ter máis dun especialista, se releven varias veces entre si, na xornada laboral, intercambiando funcións, rotando, que así renderán máis fatigándose menos. Aquí habería que aterse ás curvas de Fayol, pero que as busque nos libros o que teña interese en estudalas.
-.-

Recomendacións con respecto ao traballo, que tamén llas debo a meu avó e padriño; aquí paso a resumilas. Que se meu avó era catedrático, ou empresario? ¡As dúas: era un labreguiño, especializado en matinar!
-Para a Misa e para o muíño non esperes polo veciño.
-Non deixes para mañá o que podas facer hoxe.
-A quen madruga, Deus o axuda.
-O galo madruga, e as pitas dinlle que espere por elas; se queres ser galo, ou xefe, do teu poleiro, tes que madrugar máis cás pitas.
-Que sexas o primeiro en sementar é ser o primeiro en recoller.
-Quen lle dá pan a can alleo perde o can e perde o pan, así que, obras de caridade, si, pero francachelas non, pois auxiliar a vagos e a tramposos é un crime de lesa Patria.
-Etcétera, etcétera. Se eu fose italiano engadiría: Chi va piano, va sano e va lontano! O que vai engorde, (pero sen interrupcións innecesarias), chegará, chegará sempre, por lonxe que teña a meta.

Madrugar? ¡Ai, xa, pero, quen é quen de suprimir a televisión nocturna! Actualmente, con este ateísmo que nos invade, ¡non é ateísmo, que iso non existe, senón vagancia!, aquilo de que, Ao que madruga, Deus lle axuda, esqueceuse. O nivel máis alto de rendemento lógrase, despois dunha subida inercial, nas primeiras horas da xornada, especialmente de mañá. Se hai que continuar o traballo despois do xantar, ¡esa sexta española, que máis que sexta logo é unha unidade!, a preguiza é, soe ser, de marmotas. ¿Pero hai café? ¡Non, nin con esas! Aló á tardiña, ¡será agardando pola merenda!, vennos un empuxe, unha aceleración, que só dura ata esgotar a copa das forzas e do entusiasmo; a partir desa subida, caemos en picado. Isto sábeno ben os industriais, que así organizan a produción para obter o máximo rendemento.
Tamén está experimentado que con pausas cortas, ¡pero sen cigarro!, mellóranse os rendementos; e aquí entran os médicos, que aconsellan pausas como de dez minutos, mellorándoas con algo de movemento, e respiración fonda, de aire fresco.
En definitiva, que cando non nos forcen a alternar os traballos, as ocupacións, fagámolo nós, de propia conveniencia, de motu propio.
-.-

Aprender a aprender, que é diferente de Ensinar a aprender. Ensinar é un polinomio, pero aprender un monomio. ¡Pobres de nós, dalgún de nós, se só aprendésemos o que nos levan ensinado!
Para saber, ver ou ler. Isto é o que di o adaxio, pero quédase curto, pois tamén temos, salvadas as distancias, iso das vacas, o rumio, o trasacordo; ¡tantos séculos vivindo entre elas, nós, os galegos, que non tódolos pobos, nin tódalas razas, están dotados coma nós, que tamén por algo se dixo que, ser galego é unha carreira! Rumiar vén a ser repasar, rememorar, para dixerir ben as cousas, os novos coñecementos; arquivalos na memoria, sen máis, sen análise e revisión, é algo así como subilos á trasteira, ou metelos nun baúl.
Pasamos a vida aprendendo, observando, dilucidando, comparando, que así dicimos aquilo de, Está a vella morrendo e aprendendo!
Aprender a aprender, como todo, require ganas. O comer e mailo rascar, só queren comezar. O de comer non é tan exacto, aínda que se estea inapetente; pero o saber máis aínda, que non podemos, ou non debemos, ser tan bailaríns que saltemos de idea en idea antes de sacarlles os puntos, como se fai, poño por caso, coa muiñeira. Isto require unha disciplina, que non todos, nin sempre, a temos: Deter na mente a idea, o concepto, a lembranza, e non soltalos ata que os teñamos ben atendidos, ben entendidos. De propósito: ¿Que pasa coa radio, e tamén coa tele, con esas rapazas, maiormente elas pero algo tamén os homes, que len as noticias, os comentarios, con unha velocidade tan endiañada, que nin tendo bo oído, e boa intelixencia, somos capaces de entender, para canto máis reter? ¿Teñen esa orde, acaso para que pasen desapercibidas as informacións, iso de facer e non facer, dicir e non dicir? Xa sei que teñen os tempos taxados, pero tiñan outra solución: deixar para o final o menos importante, e se non hai tempo, mañá, ou nunca!
Imos demasiado á présa, e pásanos coma nos autos, que se corren moito non captamos a paisaxe, goces incluídos!
-.-

Motivacións. Todo require motivación, decatémonos ou non, consciente ou inconscientemente, igual que os motores non andan sen combustible. Por exemplo: Eu non lle falo a ese rapaz /rapaza se me cae mal; non estou motivado!
¿Cales motivan máis, as rubias, as castañas ou as morenas? A miña é, ¡era!, castaña, ¡e ademais de castaña, Castiñeira, (de apelido)!, pero as outras..., porque non me quixeron, que nin se insinuaron!
Do latín motivus, ou motus: fai falta saber latín para entender o por que algunhas persoas fan / facemos o que facemos. Din que é un estado interno que activa, dirixe, e mantén, unha certa conducta; nada, a corda dun reloxo, dos de antes, que se non se lle dá, párase. Segundo nos aprema a necesidade, ou o capricho, así lle damos ao volante, pero coa diferenza de que o noso volante, o das motivacións, xira en tódalas direccións, incluso de arriba para abaixo, e á viceversa, orixinando, creando, desde a virtude ao pecado, do bo ao malo, do positivo ao nefasto. ¡Deus, que difíciles somos de conducir, e iso que temos un telemando no cerebro!
Se fago unha cousa é porque sei facela, porque me apetece facela, así que o quid para non dar malos pasos, decisións, feitos nefastos, está nese cadro de controis aos que vimos chamando prudencia, moral e prudencia: Do bo todo o posible, e ao malo darlle as costas.
Primeiro xurde a necesidade, pero tamén hai apetencias innecesarias, innecesarias ou inconvenientes, e a continuación, antes de poñerse mans á obra, é cando lle debemos consultar á prudencia se é oportuno, ou non, abrir a billa da vontade.
Os impulsos son iniciais, iniciáticos, pero a continuidade vén, debe vir, despois de considerar as consecuencias; se son boas, e ademais, oportunas? Daquela adiante cos farois!
As decisións non son iguais, non poden selo, en tódalas circunstancias, sendo estas diferentes; o que é bo hoxe pode ser malo mañá, e á viceversa. Por iso, o sentido da oportunidade só funciona ben se estamos preparados, documentados, sobre a transcendencia dos actos, de cada tipo de acto. Se fago unha cousa, se tomo unha decisión, debe ser porque de antemán coñezo, ou calibro, as consecuencias, ¡e non só con respecto á miña persoa! Nada me impide, poño por caso, poñer unha caixa de mistos nas mans dun neno, pero, estamos seguros de que sabe utilizalos, só, e só si, é oportuno rascalos? Sempre direi o mesmo: ¡Que pouco sabemos vivir; e que pouco nos molestamos en aprender a vivir!
-.-

Volvendo aos motivos. Parten da emoción, e son cribados pola razón. Poden ser egocéntricos e altruístas. O ego manda moito, así que pode levarnos desde a moderación persoal ás alturas da soberbia, da presunción, do quítate ti, apéate ti, para que cabalgue eu. ¡Coidado co ego, pois pasa con el como coa conciencia, que hai que domalo, e nada o doma, ou modela, tanto, coma a relixión cristiá! Os Evanxeos, a súa doutrina, veñen directamente do Mestre, así que son maxistrais; perfectos, tamén como norma de conducta. ¡Pero hai que lelos para mellor entendelos, pois o outro ten moito de, Predícame, frade, que por este oído me entra e polo outro me sae!

O altruísmo é a heroicidade ética; a meta sublime, e por tanto, alén da carne, sobrepoñéndose ás apetencias da carne. O altruísmo = altrui = altruisme (dos outros), ten de lastre o egoísmo, a envexa, a avaricia, a ambición desmedida... O altruísmo ten de propulsor esa simpatía, ese irmandamento con respecto ao próximo, que nos leva a proporcionarlle utilidades en detrimento das nosas, das propias.

Atraemos e atráennos; rexéitannos e rexeitamos. ¿Il será certo que o home é un lobo para o home, para os da súa especie? Isto non pasa con tódolos animais, nin sempre, pois antropófagos hai poucos. O caso é que o home / a muller, cando están / cando estamos sos, sentimos degoxo, un degoxo febril de atopar, de ter compañía, e despois de logrado transformámonos, de Abel en Caín, traia as consecuencias que traia. ¿Que non? ¡E logo os divorcios, que son?
Factores extrínsecos ou incentivos que poden, que adoitan, motivarnos ata o delirium: O diñeiro e mailo traballo fácil, as viaxes, as mulleres descocadas ...; todo o que sexa, ou imaxinemos, gloria, pero, terrea!
Un determinado tivo de motivación produce efectos ben dispares segundo o carácter do afectado; por iso os empresarios, os que coñecen ben o seu oficio, son remisos ás motivacións xenéricas, preferindo dar individualmente, persoalmente, aquilo que coñecen de antemán que máis nos motivará, que máis nos espelirá. A motivación, ao producir efectos graduais segundo que individuo, haberá que racionala, atemperala á psicoloxía dos destinatarios. A motivación laboral dáse, distribúese, calculando os seus efectos segundo as características do cadro de persoal.
A motivación sempre parte dunha necesidade ou apetencia, que pode ser absoluta ou relativa, de subsistencia, de pracer, de luxo...; o luxo sempre é un pracer. Pode ser de acción ou de freada; empuxe ou freo, pois para non cambiar chega con deixar as cousas tal e como estean nun momento dado.
As variables motivacionais de E. Duffy, se non lembro mal, son de tres categorías: Enerxéticas, que teñen a función de activar a conducta; direccionais, que regulan e orientan a actividade. Pero tamén poden ser mixtas, ou vectoriais, cando participan das dúas anteriores, creando un dobre efecto de intensidade e de dirección sobre a conducta.

Necesidades apetenciais ou apetecibles. Podemos ter e sentir unha infinidade delas, así que non é doado agrupalas por analoxías. Tentareino:
-Actividade física, que a sentimos tan pronto nos desquitamos do cansazo; é un reactor, que nos pon en movemento.
-Tranquilidade, apetencia de sentirnos seguros; o que facemos para logralo.
-Ambiente organizado e estable.
-Poder, con respecto ás relacións persoais.
-Previsión, ou necesidade de gardar, de aforrar. (O das formigas).
-Apetencias sexuais, que deben ser controladas desde cedo, só perigo de converternos en faunos.
-Posición social, apetencia e necesidade de manternos nunha posición digna, respectable, sen retrocesos.
-Hai quen di que a vinganza, o desquite, tamén é unha necesidade apetencial, pero eu engadiría que, sen deixar de ser pracer de deuses, ¡de deuses miserentos!, é perigosa, tanto para o corpo como para a alma, clamando control en arras da propia dignidade, pero tamén da propia salvación.

¡Paremos con isto, que xa está ben de rollo!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES