Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Levarse ben é doado (8)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 28 de agosto de 2026
Poñerse a remollo. Cantos máis libros hai, sexan de papel ou informáticos, máis cousas teremos inéditas porque as ideas e mailos inventos sempre van diante dos libros. Levarse ben é doado (8) Primeiro é a árbore e despois os froitos. Pois a civilización consiste niso, en pescudar, para despois compartir, verbalmente ou por escrito. Máis é, que certas intimidades ou progresos adoitamos reservárnolos egoistamente, propiedade persoal, e o que veña detrás, que arree!
Estes egos, estas reservas, retrasan o avance cultural; da xente, pero tamén dos pobos. Estas limitacións débense, fundamentalmente, a dúas cousas ou causas: que só somos proclives a tomarnos molestias divulgadoras cando niso hai ganancia, vantaxes, sexan para nós mesmos ou para aqueles que están apuntados á nosa xenerosidade; a outra motivación é precisamente esa desmotivación ou pereza que nos invade: aínda que non fagamos o mal, dános pereza facer o ben!
Todo isto vén a conto de que hai unha infinidade de materias, de solucións, que temos que descubrilas por nosoutros mesmos, desde a crianza á mocidade, séxase, á forza de remollar o noso caletre, que por algo e para algo nolo deu Deus. Tamén se lle pode chamar experiencia persoal.
-.-


Familia, profesores, libros... Estes son os materiais, pero a arte de utilizalos está en nós mesmos, en cabeza propia. ¿Auto formación? ¡Iso, iso; pero mellor se é titorada!
O camiño da auto formación vén a ser un proceso industrial no que nos dan a materia prima, pero nós amasamos, construímos, elaboramos. Construímonos a nós mesmos capacitándonos e preparándonos para lograr un xeito, propio, de pensar e de sentir, e con iso actuar nas circunstancias que se nos vaian presentando. ¡Case nada; e non obstante, co importante, co transcendental que isto é, andamos a vida, pasámola, copiando, simplemente copiando, pero sen asimilar! Daquela, se nos adocenamos, acabaremos parecéndonos aos monos, que simplemente imitan.
Para conectar co mundo exterior temos os sentidos corporais, que veñen a ser un cable de alimentación do aparello, pero no cerebro está a máquina, ¡o disco duro!, e hai que aprender a manexala, a dirixila, a orientala. A iniciativa é nosa, debe ser nosa; aínda que nos leven da man, os pasos darémolos nós.
Para non gardar, tampouco, o meu segredo da auto formación vou referir como me decatei da súa importancia: Débollo ao meu fillo, Pedro Paulo, que, estando en Ifni, no 57, daquela da guerra, os paracaidistas facían as súas prácticas tirándose dos avións no propio aeroporto; eu levaba ao neno a velos, para distraelo, cando apenas sabía falar, que ía para dous anos. Xa o primeiro día, sorprendido por aquel espectáculo, volveuse cara a min e díxome: “Papá, poqué se tiran os paracas? ¡Soben para baixar!” ¡Trágame terra: Que lle digo? Tan atordado estaba, eu, que non el, que lle dixen un disparate: -Meu neno, fano para divertirse; é un xogo!
Desde aquela din en cavilar que os nenos, a veces, ensinan aos grandes: non pasan por alto as cousas, os detalles; interésanse por saber o seu aquel, o seu como, a súa motivación. ¿Por que a xente fai isto, aquilo, o de máis aló? Tratar de sabelo, de discernir as motivacións, non é máis nin menos que auto formación, tanto se o escribimos xunto como separado!
-.-


Repaso: Familia, profesores, libros... Tres pés para un banco, para o da sabedoría, xeración tras xeración.
¡Ou iso, ou petrificarnos, tirarnos ao chan! ¿Como se levanta un mellor, axudado ou de motu proprio? Por certo, que pouco se lle agradecen á familia os seus aportes! Nacer, criarse, auspiciado por unha familia con caletre xa é media vida, media carreira.
Para valorar aos pais nada como perdelos, máxime se se perden a unha idade temperá. ¡É ben lamentable que teña que ser así, que lles demos as grazas desde que non as precisan, e moito diso ten a culpa o de recibir demasiado, ou demasiado pronto, que nos atorda o sentido da necesidade!
¿Verdade que saben mellor as “píldoras de Negrín” cando se está famento? Desde a teta da nai ao último consello do pai, é moita regalía de Deus! Datas plenas de felicidade, apertas de consolo, ideas e apoios. A seguridade de ter onde comer e onde durmir, con ser doazóns debidas e naturais, non por iso deixan de ser meritorias, porque nos están transmitindo, de xeración en xeración, o amor familiar tradicional, que é o máis desinteresado; os outros amores, por xenerosos que os fagamos, sempre terán un punto carnal, unha reciprocidade de pan e compango.
Somos o que somos grazas aos nosos pais. ¿Cabe débeda meirande? Eles son, foron, o motor, a tracción das nosas vidas, o valemento na invalidez. Ademais, e por engado, ensináronos a loitar para conseguir decentemente as cousas, e iso tamén é función anxélica. Ensináronnos a valorar, a conservar, a transmitir. ¡Ata nos ensinaron a ter paciencia nos avatares, cando se torcen as cousas! Por ter ata teñen outro oficio, a maiores, que é doado que nos pase desapercibido: Son embaixadores do propio Deus, que os utiliza de mediadores para darnos a paz!
Os pais mercaron os nosos primeiros libros, e a través dos libros, cos libros, fomos saíndo das cavernas da incultura. ¿Que máis se lles pode pedir aos pais, que son, ou foron, a man que nos conduciu polas vereas da vida?
O dito dos pais vale para os profesores, que en definitiva son..., pais adoptivos!
“Deixará a seu pai e á súa nai, e serán os dous unha mesma carne...” Si, en efecto, pero isto non significa oposición a eles, ruptura emocional, e menos se é infundada, pois en boa lei a xente de lei fai compatibles ambos quereres.
-.-


Abundando no tema da autoformación. Aprender a dimensionar, que non o fai calquera: ¿Que importancia lles dou ás cousas que sinto, que vexo, ou que me refiren? Non é tan baladí (insignificante) como poda parecernos de primeiras.
Din que todo é relativo. ¡Depende! A mesma cousa, é, segundo nos colla de humor. Xa dicían os vellos que todo é da cor do cristal co que se mira, co que se ve. Non depende do cristal, chamándolle así ao enfoque volitivo que queiramos darlle nun momento concreto, determinado, senón, e máis ben, do grado de madurez no que se atope o noso caletre. Algo que poda parecer risible, divertido, para un desinformado, pode reunir tódalas características dunha traxedia para unha persoa madura, e non só en idade; o contrario tamén é certo.
Dicimos de alguén que ten “estilo” pola súa maneira elegante de ser e de comportarse. Ter estilo, en definitiva, é ter acadada unha perfección, ao noso criterio, segundo o noso metro de medi-la xente, que para nós desexaríamos. Admiramos aquilo que temos como meta persoal, aquilo que nos chama, que nos agrada; que o entendemos, posuámolo ou non. En definitiva, que se trata de recoñecer nos demais que acadaron, no aspecto de que se trate, un nivel grato, satisfactorio, eloxiable.
¿É malo criticar? Da lingua para dentro, xeralmente, non, pois a crítica é a percepción daquilo que é diferente de nós. Adoitamos criticar con repudio, pero tamén con envexa; se o facemos con repudio será indicio de que non quixésemos vernos no caso, nin no criterio, do actuante, pero tamén cabe envexar cando non damos a súa talla, e en vez de admiralo tratamos de rebaixalo. ¿Que eu non podo subir, pois que se abaixe esoutro! E menos mal se non o empurramos, se non o abaixamos fisicamente.

-.-

Droga = suicidio. Suicidio de covardes. ¿Que queda sen dicir desta tolemia colectiva, que arruína corpos e espíritos para enriquecer, simultánea e ilicitamente, a uns cantos desalmados, asasinos, emisarios de Satanás? Coido que pouco, pero non hai peor xordo có que non quere oír!
Os sufrimentos cúranse con outro tipo de menciñas: se son do corpo, médicos hai; para os do espírito a única panacea está na oración e na paciencia, conscientes de que sempre teñen algo de positivo, pois axudan a moderarnos, a encontrar o lado positivo das cousas.
En por min falo, recoñecendo e publicando que nada robusteceu tanto ao meu matrimonio coma as adversidades, que foron moitas e variadas, desde aquel atentado de Safí, coa muller sangrando polos catro costados, (acometida do Istiqlal ao noso auto), as consecuencias da guerra de Ifni, ¡a guerra secreta de Franco!, defendendo o Banco con todo tipo de armas, que ata o tivemos envolto en sacos terreos, á vez que traballando e durmindo, ¡mal durmindo!, no mesmo edificio; a muller, primeiro evacuada nun avión militar, e pouco despois cinco horas nun quirófano, aterrar en Gando noutro avión militar, que chegou ardendo, con un largo etcétera que non vén ao caso pois os problemas de cada quen, de cada quen son, pero teño por ineludible evocalos aquí, algún deles, para dar fe de que nada une tanto como participar Levarse ben é doado (8) conxuntamente nos dramas desta vida. ¡Que paradoxo: os dramas unen, e as xoldas, en particular as ilícitas, fan diverxer!

Todo isto, estes avatares, ou algo parecido, curaríanse con droga? Droga, -seica-, tomaban aqueles lexionarios de Ifni, e total, para que? ¿Para ir máis atordados ao combate, e por tanto máis indefensos, máis vulnerables?
É incómodo sufrir, e lícito tamén é evitar as situacións incómodas, molestas ou desagradables, de sernos posible, pero o seu lenitivo está máis ben naquel ora et labora beneditino. Encomendarse a Deus pedíndolle as forzas necesarias para levar a nosa cruz, que agora sexa El o noso Cireneo, e despois diso, como din os mariñeiros, ¡Avante toda!, con valentía, coraxe, afouteza, e demais remedios ao noso alcance. Se vencendo as tentacións se sae robustecido, dominando as situacións co noso, propio, autocontrol, tamén!
Se, poño por caso, nos acovardasen, a priori, os problemas, de todo tipo que, previsiblemente, terá un matrimonio, así sexa entre príncipes, non casaría ninguén; daquela, ¡adeus mundo, e que Deus apague o sol!
Adaptarse ao medio e ás circunstancias non significa, en absoluto, inhibirse, agacharse na chuvia dos infortunios. Para a outra chuvia, para a meteórica, inventamos paraugas, que así non nos arreda; pois nas outras, parecido: buscar solucións, sacar peito, e avanzar segundo as nosas posibilidades, que sempre son, serán, máis e mellores cás que se nos ocorren nos intres de apoucamento!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES