Exploración. É o que fan os rapaces / as rapazas, aínda sen decatarse diso, para descubrir se son compatibles, se callará unha relación máis ou menos íntima entre ambos. En Economía chamariámoslle, análise ou prospección de mercados. E, que é a vida senón un mercado, un mercado global, glorificador!
Decatémonos diso, ou non, na práctica estamos facendo un recorrido exploratorio: Conversa -escárceo- parrafeo. Pero vaiamos por partes: Iniciar unha conversación é como iniciar un carreiro descoñecido, que non sabemos a onde pode levarnos; acaso por iso facemos algunhas cousas inconscientemente, o que non exime a naturalidade pois facelo con afectación é como camiñar descalzos. Toda conversa é unha cimentación, un arranque; sexa para algo ou para nada, con intención ou sen ela. Aínda que todo se quede nunha mera cortesía, é unha obriga moral co próximo presentarnos tal e como somos, abertamente, con franqueza. A propósito: Nos meus días de actividade profesional tiven un xefe que sempre dicía: Ser honrado é un bo negocio! ¡Á larga, si, que é o importante, sempre!
Iniciar unha conversación con un descoñecido parécese bastante ao proceso dun neno, que vai descubrindo as súas proximidades. O neno, ao tocar os obxectos que o rodean, vai descubrindo as súas características: quente / frío, suave / áspero, brillante ou non, apreixable polas súas maniñas ou non, próximo ou non, brando ou duro, seco ou mollado... Asimilando estas características, aínda que non saiba dicilo, vaise facendo un concepto, unha opinión, de como é o mundo familiar no que o situaron. Nunha conversa, xa desde as primeiras verbas, imos descubrindo a forma mental, a personalidade do interlocutor; en definitiva, as súas características, o que nos permite deducir, xulgar, en relación co baremo da nosa propia personalidade, en que se parece a nós, e tamén en que se diferencia.
Daquela todo é relativo, todo se calcula, pesa ou mide, con referencia e proporcionalidade ás nosas medidas, ás propias. Reflexionemos, para poñernos en situación evolutiva: Nada é absoluto porque todo nesta vida cambia: as cousas están en constante metamorfose, o amor, a amizade, o rancor... Nada está en calma: ou mellora ou empeora; unhas cousas mellorámo-las nós, pero noutras alguén ou algo se encarga de facilitarnos a tarefa, a Deus grazas; ¡e menos mal que é así, que temos a Deus de man! En realidade hai aplicacións para todo: as cousas úsanse, e gástanse, pérdense ou nolas quitan; pois coas persoas, tamén: algúns cambian, outros desaparecen; uns/unhas ámante, pero outros ódiante; a uns impórtaslles, pero tamén os hai que non queren saber de ti. Neste vaivén, neste bambeo, son moi útiles a fe, a esperanza, e tamén a caridade. ¡Cave ne cadas!, que lle dicían ao César.
Cando o neno ten acumuladas as súas sucesivas experiencias sobre os obxectos que toca é cando lle xorden ideas sobre o seu funcionamento e utilidade; todo sucesiva, progresivamente. Pois o conversador, ídem de lenzo! Canto máis toca, canto máis fala, se observa con atención, -os nenos sempre o fan-, acabará coñecendo ás persoas que con el dialoguen ou interactuan.
Froito das súas experiencias, o neno vai decatándose, gradual, progresivamente, das cousas que lle agradan, e de cales lle desagradan, non vacilando en refusar estas últimas; pois cos diálogos facemos algo parecido, diferenciando quen nos gusta, quen nos cae ben, de quen desexaríamos "pasar", encantados, á beirarrúa de enfronte.
-.-
Expansión. Que en Física vén a ser dilatación térmica, un antónimo de comprensión. Nas relacións sociais, particularmente nas amatorias, é o que chamamos, na lingua de diario, explicarse, saber explicarse, abrirse, franquearse. Pero esta clase de aperturas require verbas, verbas axeitadas: ¡Ábrete, Sésamo! A porta do tesouro, que ten a súa clave, tanto para abrirse como para cerrar. Ata os mudos, ¡meus pobres!, o teñen que facer, se ben, ¡se mal!, por acenos.
Se a calor fai saltar o testo do pote, ¿que non fará o amor, que tamén é, tamén require, unha ebulición, unha expansión, un "Ábrete, Sésamo" do corazón?
Temos o proceso contrario, a pechadura, que vén a ser, pero no anímico, aquilo do Coeficiente de Poisson: O esforzo de comprensión (saírse do compromiso) é a resultante das tensións ou presións que existen dentro dun sólido deformable ou medio continuo, caracterizada porque tende a una redución de volume do corpo, e a un acurtamento dese corpo en determinada dirección. É o que facemos cando se nos encolle o corazón, tamén dito vulgarmente, volverse atrás.
O de explicarse non ten fórmulas, salvo as limitacións que impón a educación, e coa educación a cortesía. Cada persoa sente á súa maneira, e desa maneira terá que explicarse se o quere facer con sinceridade, pero o ineludible é dicir algo, darlle saída ao lume interior, cando se ten, cando se sente. Hoxe en día as formulacións seica son máis esgrevias, máis..., comerciais, pero aínda así é imposible que baixen ao frío, o que sería unha contradictio in terminis: Non se pode, ou é moi difícil, moi hipócrita, de falsarios, falar de amor cando non se ten ese lume, ese lume que caldea as verbas.
Lembremos aquel oxímoron de Quevedo: "El amor es hielo abrasador, es fuego helado, es herida que duele y no se siente". Claro que, dito así, é unha ironía daquelas de don Francisco. Eu véxoo en sentido físico: No amor, co amor, pásase, e por veces en cuestión de segundos, do xeo distanciador ao lume abrasador; é o que chamamos, frechazo.
O frechazo ten un simbolismo expresivo neste dicir: Mírasme, mírote, e desde ese intre xa sei, xa souben, que es o amor da miña vida. Isto dábase, sentíase, así, de relampo, no romanticismo, pero o que é hoxe, que só compramos baixo presións propagandísticas...? Certo é que por algo se empeza, todo ten a súa chispa, o seu punto de fusión, pero as cousas improvisadas non adoitan ser as mellores, e logo está que os galegos máis que expansivos, ou iso din de nós, o que somos é reflexivos, aquilo do trasacordo.
Cando unha porta se abre, outra se cerra! Isto tamén é galaico, seica, pero ten lóxica pois non cabe imaxinar que se prolonguen no tempo dous quereres simultáneos; o querer é posesivo, tende á posesión individual, ao monopolio, que por iso é convinte controlar as expansións, reflexionar en frío..., para non queimarnos, para non decepcionar, nin decepcionarnos.
-.-
Sinceridade. ¿Quen di que non nos poñemos caretas en carnaval, ou no Arde Lucus? ¡En todo caso cambiamos de cara, que non é o mesmo! Pase a picardía nos negocios, que seica nos vén dos fenicios, ¡unha herdanza maldita!, pero, nas relacións persoais, dun modo especial nestas que conducen ao Sacramento..., liberanos Domine!
A persoa honesta respecta a verdade, ata o punto heroico se tal fose preciso; pero non sempre é factible porque, a veces, partimos do auto engano, do engano propio, así que mal podemos actuar con xeito se vimos de erros asumidos, ¡e para iso non temos espello, salvo, se acaso, a nosa conciencia, non sempre limpa, non sempre educada!
¡Ollo, tamén, coas mentiras piadosas, que son trapelas para incautos! Son murmurios do diabro para empurrarnos ao mal, para que o confundamos co ben en situacións escuras, dubidosas. ¿Contraveleno? Desintoxicarnos a base de reflexión, pois con reflexión as tentacións son quebradizas, podemos abortalas. ¡O único aborto lícito é o de mata-las tentacións con anterioridade á súa culminación!
Maldito é, de antemán, aquel que vai ao matrimonio con pecados, con taras ocultas, ou con medias verdades; nalgún exame igual lle valeu copiar, falsificar, pero un matrimonio dá tempo e ocasión para revalidar, así que o máis probable é que, tarde ou cedo, que hai tempo para todo, se aireen aquelas taras, aquelas picardías, e as teña que pagar con intereses de demora. Se crúas son as verdades, e se punición levan as mentiras, adherida e adherente, descuberto o contrabando a posteriori máis multa levan, máis multa merecen, porque se engade a agravante da ocultación!
Quen non ofrece sinceridade de antemán, despois que se..., (iso que non se debe dicir), se lle pagan con igual moeda! ¡Onde as dan, tómanas, que lle dixo o noso paisano, aquel dos Cervantes de Sanabria, ao seu escudeiro!
Ollar de fronte. É o requisito da sinceridade, pois moi canalla hai que ser para mentir a ollos vistos. Mirar de fronte é unha forma determinada, determinada e determinante, de posicionarse ante cada acontecer. O único que non se pode ollar de fronte é ao sol, por exceso da súa luz, que é incompatible coas nosas; así, se alguén nos fala de esguello, xa temos unha proba, ou polo menos un indicio, de que nos teme, ou de que teme ser descuberto. Co guapas que son as rapazas, ollalas de fronte ademais dunha esixencia da sinceridade é un pracer; daquela fagámolo, sempre! Ollando de fronte, e con voz cálida, grata, é difícil que nos metan contrabando, de parte a parte.
Cinismo. Nas relacións sociais o cinismo fai de xoio entre o trigo, pero non é doado de arrincar, lamentablemente, como llelo advertiu o Mestre aos segadores, naquela parábola. "Deixade a cizaña, que corredes o perigo de desenraiza-lo trigo; xa lle chegará a súa hora". Debe ser por esa dificultade en erradicalos, que cínicos sempre houbo, e por ende, malditos. ¿Cabe cinismo meirande que engaiolar a unha virxe facéndonos pasar por santiños? ¡Xa virá o lume, xa!
Para distinguir o cinismo hai que ter claro en que consiste, pois non sempre se nota, ou se ve, á distancia: consiste en defender, a ultranza, accións e/ou comportamentos que son de seu absolutamente condenables e depreciables, xa sexa porque afectan á sensibilidade de alguén ou porque se entrometan de modo inoportuno con algún tema sensible. Tamén se pode definir como desvergoña ou descaro no mentir, ou na defensa e práctica de actitudes reprochables. Ten, entre outras, estas caras: impudor, reproche inxusto, intención de ferir enganando, etc.; ¡total, careta sobre careta, dobre careta!
Cando todo o instrumental era rudimentario, artesanal, os Concellos, en particular os importantes, dispoñían dunha institución á que chamaban Fiel Contraste de Pesas y Medidas, herdanza dos árabes, que lles dicían "fiel almotacén". A súa función era cotexar gradacións cos instrumentos de fidelidade de que dispoñían, eles, para seguidamente, se había concordancia, estampar, gravar, o cuño da revisión efectuada. ¡A I.T.V. de daquela!
¿Cal é o noso "fiel contraste" para opinar sobre o próximo? É inevitable comparar con nós mesmos, coa nosa preparación e coa nosa perspicacia, así que, se somos deficitarios nese aspecto, mal podemos xulgar.
Partindo deste axioma non poderemos opinar, nada de nada, de ninguén, mentres non sexamos sabios e santos, non si? ¡Teoricamente..., pois na práctica non podemos utilizar instrumentos que non posuamos, así que iremos..., como di o árabe, "suai suai", pouco a pouco! De aquí a importancia, a urxencia que nos corre de madurar, de auto formarnos. Deus deunos esa facultade, a de erguernos sobre nós mesmos, así que, desde xa..., mans á obra!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.