Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mamede Casanova camiño do Castelo de San Antón

Rivero, Manuel - miércoles, 09 de septiembre de 2026
A encarnación do mal:
A reorganización carceraria de xuño de 1903 na Coruña mostrou a realidade máis cruel e inhumana do poder estatal, disposto a neutralizar a Mamede Casanova mediante o terror personalizado. O nomeamento de José Millán-Astray y Terreros (director do cárcere Modelo) como delegado especial de prisións inaugurou un réxime de terror, tortura e illamento na escuridade, coa total carencia da hixiene, ventilación, espazo e mobilidade que unha persoa precisaba para poder sobrevivir. Porén, as hemerotecas da época (El Imparcial, El Heraldo, El Nacional ou La Época) demostran que nin o terror oficial, nin as carencias de todo tipo, nin a penumbra da rocha puideron con el. O seu calvario converteuse nun histórico debate de Estado que fixo reflexionar ao Parlamento.
Estes son os contrastes analíticos que marcaron o pulso entre a barbarie institucional, a resistencia de Mamede, o excelente traballo do parlamentario José Lombardero Franco e a loita dunha nai que, a pesar das adversidades, percorreu longas distancias para defender o seu fillo e limpar o seu nome das atrocidades que tanto a xustiza como a maioría da prensa lle atribuían:

1. A misión de Millán-Astray na Coruña foi un exercicio de escarmento penitenciario e de terror. Tras arengar aos presos ameazando cun "día de luto", buscou o cara a cara en solitario no calabozo con Mamede. Alí chocou cun mozo indomable que esixiu a retirada dos ferros, proclamando que "non podía vivir encerrado entre catro paredes". A réplica foi implacable: os grilletes estaban precisamente "para que servisen de castigo".
Para neutralizar a Mamede, Millán-Astray ordenou o seu illamento total no Castelo de San Antón. Encerrouno nun nicho de rocha viva, sen luz nin aire, con verxas "máis tupidas que unha celosía" e pesados grilletes de trinta libras feitos a medida. As adversidades quebrantaron a súa saúde, a raíz dunha severa infección odontolóxica inchoulle a cara, arrincáronlle unha moa de xeito traumático; o doutor militar tivo que sacar o flegmón nun mar de sangue e de pus e a garda que o custodiaba negoulle o seu traslado á enfermaría. Só "por amor de Deus" o mudaron a un departamento menos sombrío, sometido á vixilancia visual perpetua de "sentinelas de vista".

2. A fortaleza de Mamede: A resposta de Mamede ante este terror institucional foi unha resistencia sobrenatural que sorprendía ao aparato represivo. Á unha da madrugada, nunha requisa sorpresa con lanternas, os gardas atoparon a Mamede durmindo pracidamente coas pernas ceibas: os pesados grilletes estaban tirados no chan. O "Toribio" contestou que os quitara simplemente "porque lle molestaban". Os ferros estaban intactos; a Mamede bastáballe con "arquear e estruxar o pé" para ceibarse grazas a unha prodixiosa dislocación anatómica. Baixo o piso de madeira da cela, a garda descubriu unha cova cavada en segredo onde custodiaba (serras e limas de reloxeiro). O plan era cortar as verxas e fuxir, aproveitando o balbordo duns días de violenta treboada, para embarcar nun mercante rumbo a Buenos Aires. Millán-Astray, impotente ante os intentos de fuga, obsesionado polos "puntos escuros" do complot, cesou fulminantemente a todos os funcionarios do penal e decidiu o seu traslado ao Castelo de San Antón.

3. María Casanova, a nai coraxe. Fronte ao terror do sistema penitenciario emerxe cunha forza descomunal a nai de Mamede. Aquela muller rexa, valente e sacrificada, coas roupas raídas polo paso do tempo, botouse a andar polos camiños que desde as Grañas do Sor a conducían primeiro a Coruña e despois a Santiago, arrastrando o peso dos anos, empre atopou axuda nese longo itinerario ao identificala ca nai de Mamede. Presentouse na Coruña erixíndose no máis firme escudo humano do seu fillo. Ante o tribunal da Audiencia, coa coraxe que só dá a verdade, defendeu a inocencia do seu fillo fronte a un sistema empeñado en fabricar o perfil dun cruel asasino. Ela ben sabía que Mamede era inocente do crimen que lle imputaban nas Grañas do Sor.
Pero o seu maior acto de heroísmo estaba por chegar. Cando a xustiza oficial sentenciou a Mamede á pena capital, esta nai indomable e valente non se rendeu. Foi a Santiago de Compostela para interceptar a comitiva real, aproveitando a visita de Afonso XIII a Galicia. Alí, coas mans malladas polo camiño e o corazón nun puño, a velliña axeonllouse perante o monarca. Co seu pranto e o seu amor inextinguible, suplicou clemencia e logrou o impensable: conmover ao rei e conseguir que lle fose conmutada a pena de morte por cadea perpetua.

4. A inmensa gratitude ao deputado Lombardero. A insistencia no Congreso do deputado conservador pola provincia da Coruña, José Lombardero Franco, coa forza do lema "Odiar o delito, compadecer o delincuente". Lombardero librou unha batalla titánica no Congreso dos Deputados. Acorralou ao Goberno esixindo documentos e denunciou que someter ao preso a un réxime tan salvaxe facía sospeitar que Madrid quería "resucitar os procedementos inquisitoriais de Montjuïch. O asedio foi tan intenso que o ministro de Gracia e Justicia, Eduardo Dato, tivo que saír ao estrado a defenderse. Dato admitiu avergoñado que nin sequera coñecía as prisións de San Antón, pero xustificou o quebrantamento das leis e queixouse con rabia na tribuna de que a oposición e a prensa teimaran en "convertelo nun heroe de novela". O debate adquiriu tanta tensión que o líder republicano Nicolás Salmerón interrompeu ao ministro a berros de «¡Desgraciadamente iso non é certo!», desatando unha treboada de protestas, golpes nos escanos e un rudo enfrontamento con Gabino Bugallal.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES