Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Café amargo

Pinto Antón, J.A. - viernes, 28 de agosto de 2026
Velaquí un dos motores que move o mundo. Que nos esperta cada mañá. Obriga a pensar, traballar, moverse. Doce ou amargo. Só ou con leite. Café de pota, de cafeteira ou esta cousa encapsulada: comodidade a prezo de ouro. Estas cápsulas, como as píldoras contra a sede en O Principiño, rompen a maxia e deterioran o rito. O café, antes de estar a punto, inunda co arrecendedo a casa enteira. O tempo que aforraban as píldoras contra a sede está mellor empregado camiñando paseniñamente cara a unha fonte. Ou ulindo café.
As feas noticias dos cartos avisan de que a cotización dun dos xigantes que exprimen e trituran o gran amargo, Starbucks, é de 104,15 dólares acción, 20 máis que hai un ano. Aínda que o prezo o prezo da materia prima enche de amargura aos pequenos produtores.
A cafeína que nos mantén espertos vai cada día máis cara. Taciña a taciña. Pero o que lles quita o sono aos labregos do café é a depreciación que sofren á man dos xigantes. Cómo é posible que cunha demanda crecente os prezos mingüen? Misterios que non son misterios nunha economía salvaxe. Medran as cafeterías para gourments exquisitos. Nas estanterías dos híper hai unha inmensa variedade de chintófanos para cápsulas, pero os pequenos cafeteiros de Centromérica apenas sobreviven.
Pasa co cacao, outra bebida amarga para os produtores e maná excesivo para intermediarios e grandes compañías chocolateiras. Países de África Occidental, principais produtores, son condenados á maldición de cultivo deste pracer exquisito para os que poden pagalo. Pero condena á pobreza a cultivadores de Nixeria, Ghana, Camerún ou ao principal produtor de cacao, Costa de Marfil, onde os emblemáticos elefantes do país só subsisten na bandeira. E onde a pobreza empuxa a un azaroso éxodo cara a Europa.
E pasa co café. Países centroamericanos, cultivadores deste gran amargo imprescindible, observan como o que producen multiplícase por moito nas cafeterías Starbucks pero só unhas faragullas da riqueza chegan aos seus petos. Non extraña, pois, que fartos de traballo, da violencia e da pobreza decidan un día abandonar todo e empezar a camiñar cara á terra prometida do norte. Alí, os donos do mundo, do café, do cacao e das multinacionais protexen con muros públicos os paraísos privados. Degustan en cápsulas de café de plástico e deixan a amargura do gran aos que cultivan a terra.
O cinturón do café, franxa entre os trópicos de Cáncer e Capricornio, concentra o groso da produción. Quen o pasa peor son os países centroamericanos onde a maioría dos cafetales son fincas familiares. Onde a crise e o abuso dos xigantes expulsa aos cultivadores. E impón unha man de obra barata para un produto, taza a taza, cápsula a cápsula moi caro. Ou moi barato.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES