Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A volta ao mundo nun periódico

Pinto Antón, J.A. - viernes, 21 de agosto de 2026
Varios xornais na mesa e nas pantallas. No embigo das portadas Trump, señor da guerra. Tanto que ten convertido o planeta nunha sorte de far west. Onde manda a lei da forza: un mundo sen lei. Certo que EEUU é moito máis que o presidente excesivo.
Irán en primeira páxina. Xente atrapada entre as bombas que caen do ceo e a represión que medra na superficie dun país roto e aferrado á esperanza.
Noticias da vella e paralizada Europa que pregunta cómo facer fronte aos señores do caos. Trump, Netanyahu, Jameneí. E tantos epígonos menores.
Un recadro para un tal Epstein. O milmillonario que atrapou a tantos na arañeira de poder, sexo, influencia. Nos arquivos, 137 nomes de prohomes. Só a cirurxía da información limpa tanta porcallada.
Nas portadas, eleccións nunha Autonomía. Como hai 17, ocupa espazos pequenos. Cada elección aposta pola democracia. Ou a esperanza de que pase algo onde case nunca pasa nada. Non asusta que a caixa de Pandora das furnas deixe ceibos a inquietantes pesadelos.
Varias páxinas para os cabalos da apocalipse. Ucraína, catro anos en chamas. Gaza en cascallos. Líbano coa crueldade de Hezbolá dentro, a de Israel a carón. Agora Irán, complexo, grande como media Europa, 93 millóns de habitantes nunha teocracia medieval. Petróleo na diana da cobiza trumpista. Na familia humana a vida ábrese paso diante de ameazas económicas e medos. Convén aferrarse á gobernanza da bendita ONU.
Nalgún medio, China, aliada de Irán e dependente das petromonarquías. Con paciencia oriental ve cómo EEUU queima recursos. 11.000 millóns de dólares nunha semana de guerra cando tantas son as urxencias da vida. Noutro, Cuba, a fermosa illa coas luces apagadas e a desesperación acesa. Tanto que ata atacan sedes do partido único. Tiranía acurralada afogándose: a promesa de paraíso remata nun inferno.
Columnistas de opinión: escoller e ler. Porque obrigan a pensar. Lección de filosofía de El Roto: "El rapto de Europa". Fermosa fenicia seducida por Zeus na mitoloxía. Agora, a UE atordada entre o matonismo do oeste e a furia do leste. E quintacolumnistas dentro.
Fotos nas rúas co berro "¡Non á guerra!". Dor, mortes, destrución. Quen pagará isto? Clamor contra o absurdo da guerra. Non é escoitado.
No medio de tanta escuridade e ignorancia morre un gran filósofo europeo J. Habermas. Un illote de neuronas nun mundo de testosterona. Europeísta cun pouso de pesimismo sobre o futuro da UE, reservorio de democracias liberais no planeta que tentan dominar os tres emperadores.
Cousas banais do balón redondo. Fútbol ou catarse para enfrontar o presente inquietante. Contraportadas. Nunha delas, no medio de tanta noite, un faroliño de luz pestanexa desde a columna de Manuel Vicent. O mundo nun xornal.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES