Recreación histórica
Xiz, Xulio - martes, 18 de agosto de 2026
As festas de recreación histórica están de moda. Algunhas, coma o Arde Lucus, permiten a unha cidade reivindicar con entusiasmo feitos do pasado, conseguindo difícil unanimidade arredor dunha historia, lenda ou idealización.
O mesmo acontece con labores extintas, como o cultivo do liño en Vilalba, ou as vellas mallas que, extinguido no país o cultivo do pan, son como un lamento polo rural que se nos foi. Ou cos mercados medievais, fórmula propicia para o comercio de sempre, con roupas do pasado, e produtos intemporais.
De ordinario as celebracións históricas veñen supoñer unha visión do pasado co prisma de hoxe, convertindo en festa traxedias doutrora. E pode haber festas vikingas séculos despois (os devanceiros rezaban "a furore normannorum, liberanos dómine"), pero chámame a atención a recreación celebrada en Torés das tropas falanxistas e os "escapados", que se achega temporalmente a unha realidade tráxica, da que pode que alguén garde memoria directa.
Facer en Lugo festa da tráxica conquista romana cos galaicos sacrificados no Medulio, non compromete a nada e a todos conforta. Pero falar de fuxidos e falanxistas pode remover conciencias, que supoño hai fillos e netos de falanxistas que quizais non coñezan a historia familiar, e descendentes de fuxidos que seguen cargando coa dor herdada.
O último dos "escapados", "O Piloto", foi abatido en 1965 en Chantada, e da miña nenez gardo a sombra da historia dun parente asasinado polos falanxistas das Pontes. Cando os feitos non doen, que viva a festa!. Cando a memoria dos feitos aínda raña nas almas, facer festa pode ser combatir dores históricas, pero tamén avivar rescoldos vivos.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora