Táboa de rendemento
Gregorio Montes, Antonio - martes, 18 de agosto de 2026
Hai tempo que penso que debera ser obrigado facer unha táboa de rendemento en relación ás promesas electorais. Chámalle se queres táboa de cumprimento, ou avaliación de cumprimento de programas / promesas electorais... Un ou outro nome indicaría o mesmo concepto práctico, pero diferente concepción do que significa a acción do goberno e a rendición de contas en relación á xente. Esa táboa debera ser feita por algunha entidade independente, e, xa que non hai costume de facela, comezar a súa obriga polas entidades públicas pequenas, máis achegadas á xente e polo tanto, en principio máis controlables pola xente común, como os concellos.
É evidente que, a máis das promesas en forma de propostas electorais, unha vez pasadas as eleccións e comezado o goberno hai novidades pos-electorais que resolver, decisións de xestión do día ó día, do continuo, novas promesas feitas ante novas situacións, etc, así como impedimentos diversos, sexan por oposición política (por suposto, máis en gobernos en minoría que nos que contan con maioría absoluta) ou por outras razóns posteriores ás eleccións. Os impedimentos coñecidos na campaña electoral non deberan ser considerados como algo que impediría o cumprimento do programa, por seren coñecidos, e se aínda así seguiuse coa promesa antes das eleccións, iso é ben por falta de estudo previo ou por conveniencia do esquecemento e engano: ámbolos dous casos non demasiado favorecedores para os novos rexedores da institución correspondente. Ben, o caso é que a táboa confeccionada en base ó cumprimento das promesas electorais só sería un primeiro paso para unha avaliación da xestión, moi inferior á que os propios políticos piden que se faga ós estudantes ou ós centros de secundaria, da que depende o paso de nivel. Iso, a máis, por suposto, da proposta de 'solucións' que podería estimar quen faga o reconto que implican, datos en man, empeoramento do problema. Ou de 'propostas' que xa se comezaron en períodos anteriores e non contarían como tales.
Para levar a cabo unha táboa tal hai que coller os programas electorais. No caso de Ribadeo e o presente mandato, poden consultarse en https://shorturl.at/A5aej. Deixo a ligazón porque así quen queira pode facer as comprobacións pertinentes, a máis de constatar que hai que lidar con algunhas dificultades que puideran resultar en subxectividades, cousas cumpridas a medias -e que polo tanto, puntuarían parcialmente-, etc, que fan difícil unha 'nota exacta' final.
Así, no que atinxe a Ribadeo, unha vez pasados os catro quintos do mandato (queda o 1/5 'preelectoral'), unha rápida revisión fai que apunte 1 sobre 11 en Medio Ambiente. En Economía e emprego, tendo en conta que algunha promesa cumpriuse en parte pero non era competencia do concello, e dando por bo e 'conseguido' feitos dos que non seguín o seu devir, a puntuación sería de 3 sobre 7. En saúde e coidados, 3 sobre 9... Bo goberno? 0,5 sobre 10. Con todo o apuntado anteriormente, podería seguir, pero coñecendo as miñas propias eivas e a lonxitude das explicacións pertinentes (que non axuntei nos números anteriores), prefiro non poñer unha nota ó estilo das avaliacións parciais ó longo dun curso académico. Repito: os programas dos partidos están aí para que calquera poda avaliar o seu cumprimento, sabendo a máis que son só indicacións parciais dunha xestión.
A modo de exemplos dos reparos anteriores: "Melloraremos o aproveitamento das fontes de financiamento" é moi diferente do repetido 'temos máis fondos das fontes de financiamento'. Ter máis fondos, por exemplo, por ter máis 'amigos' que controlen fondos, non significa que o rendemento deses fondos sexa mellor, ou que se malgasten menos. "Dinamizaremos a casa da ría" non é 'pedimos subvención para amañala', e menos aínda aproveitar calquera movemento ó seu arredor para dar novas sobre o que se debera estar a facer e non se fai mentres o edificio e o que alberga segue a deteriorarse e ser esquilmado. "Institucionalizaremos o día do xubilado" é algo máis que organizar unha comida multitudinaria para a foto; en caso de que fora só iso, habería que preguntarse se representa algo positivo. "Implementaremos as actuacións recollidas no Plan Especial de Protección das Catedrais" non se ve moi compatible, por moitos anuncios que se den, con celebrar no aparcadoiro habilitado unha macrofesta, por boa e beneficiosa para o pobo que se poda considerar -quen a considere-. E así sucesivamente.
Seguindo cos reparos, no programa non aparece o equilibrio de gasto, polo que tampouco na avaliación poden aparecer os gastos desbocados en relación á contención en épocas anteriores.
E, mentres o seguimento da xestión política queda marxinado, o futuro virá a continuación, avalíese o presente ou non.

Gregorio Montes, Antonio