A fe e o amor dos sinxelos
Cabada Castro, Manuel - domingo, 16 de agosto de 2026
En canto boa nova ou alegre noticia é o evanxeo unha verdadeira escola de formación humana. O grande, o marabilloso da mensaxe de Xesús é que, tratándose de algo de hai xa tantos séculos, poida seguir sendo actual, fecundo e innovador en tempos tan distantes coma os que estamos a vivir, ben entrados xa como estamos no século XXI. A razón desta súa actualidade consiste en que nel se nos narran fondas experiencias que podemos chamar humano-divinas. Quero dicir con isto que por medio do evanxeo temos constancia, de maneira moi sinxela, do que ocorreu entre nós con alguén que se nos mostrou ó tempo como "fillo do home" e como "fillo de Deus". De modo que, sendo isto así, podemos entender dalgún xeito que o evanxeo sexa sempre "novo" ou que non envelleza nunca. Pois o Deus que se nos manifesta en Xesús é o mesmo Deus sempre igual a si mesmo, que non vive no tempo senón nunha eternidade sen comezo nin fin. Unha eternidade, pois, sempre "moza". Por iso o Xesús que nos manifesta a Deus Pai está presente a tódalas épocas da historia.
Contoume unha vez un amigo, falando do mar, que un mariñeiro lle dixera que lle hai que ter sempre respecto ao mar porque o mar é sempre "mozo". As súas forzas non diminúen co paso dos anos. Ondas e vagas do mar manteñen sempre, pasen anos ou séculos, a súa forza. Xa o noso poeta medieval Martín Códax respectaba e admiraba moito as que el chamaba "ondas do mar de Vigo". Unha das súas estrofas, de hai xa máis de sete séculos, empezaba así: "Mia irmá fremosa, treides comigo / a la igreja de Vigo, u é o mar salido / E miraremos las ondas!".
O mar non deixa de ser, como vedes, unha desas criaturas nas que se reflicte tamén dalgunha maneira a forza e a constante mocidade do seu Creador. Quero dicir con isto que, se o mar é sempre mozo, moito máis o é e será sempre a palabra de Deus (a súa "boa nova") a través dos tempos. Ela é, pois, sempre "nova", sempre "moza". Falamos hoxe con frecuencia de que nos tocou vivir nunha época na que xentes de moi diversas culturas, relixións, linguas e razas andan mesturadas entre si. As reaccións ante estes feitos son moi diversas. Uns compórtanse como racistas ou excluíntes dos que non son ou non se comportan coma eles. Outros desenténdense simplemente daqueles que lles resultan alleos. Posibelmente non sexan moitos os que son quen de consideralos como irmáns e de acollelos tal e como son.
Unha escena deste tipo é a que nos presenta este domingo no evanxeo. Unha muller cananea diríxese con berros a Xesús, pregándolle que sande a súa filla. Os cananeos non pertencían ó grupo dos xudeus. Adoraban outros deuses. Poderiamos dicir que tiñan outra cultura ou outros modos de proceder. Mais ela vai romper con clixés e tópicos. Na súa ruptura con estas tradicionais separacións culturais e sociais entende por enriba de todo que tanto ela coma a súa filla, o mestre Xesús ou os seus discípulos son iguais en canto persoas. Pois todos temos iguais ou semellantes necesidades, todos queremos vivir, todos queremos recuperar a saúde deteriorada, todos queremos amar e sentírmonos amados. E isto é, en definitiva, o máis importante e decisivo. Tal e como se nos refire no texto do evanxeo, a muller acabou triunfando sobre un Xesús que nos primeiros momentos semellaba querer aterse aínda ás tradicionais diferenzas e separacións entre xudeus e cananeos. Mais ela discute e razoa con Xesús, con teima e sutileza, tal e como o podería facer hoxe en día en semellante situación calquera nai á que o que máis lle importa son os seus fillos e fillas. E Xesús acabará rendéndose ante a fe da muller cananea, esa persoa allea á relixión e ós costumes xudeus, mais que no seu corazón posuía unha fe moi fonda. "Muller, a túa fe é ben grande", exclamará Xesús ó final.
Aínda que a muller cananea non pertencía oficialmente á relixión xudía, a que practicaban Xesús e os seus discípulos, posuía ela unha fe e un amor moi grandes. Era isto o que lle axudaba a crer que Deus o pode todo e que pode así manifestarse nos seus enviados e profetas. E se a fe é capaz de mover montañas, poderiamos dicir que ela se amosa aínda case máis poderosa en canto que é capaz de mover o mesmo Deus que se nos manifesta en Xesús. Agora ben, esa fe da muller cananea é, en último termo, grande e poderosa porque está baseada nun amor moi grande: o amor que lle ten á súa filla. Cando fe e amor se conxuntan así, non hai cousa que eles non sexan quen de acadar.
Escoitaba eu hai xa moitos anos, xunto con outros, unha persoa da que se dicía que era un grande entendido no tema da oración, é dicir, de como dirixirnos a Deus. Lembro ben a anguria e preocupación que el expresaba cando nos dicía: "Temos que resolver dicíanos el- o problema da oración!!!". Pois ben, nin entón nin moito menos despois, fun capaz de entender por que iso de falar con Deus, do que confesamos que é o noso Pai (o noso "paiciño"), podería converterse nun problema tan grande e complicado... En fin, polo menos, non semella que á cananea lle resultase ser a oración un problema. O "templo de Deus" (sobre o que na Lectura nos di Isaías que se chamará "casa da oración para tódolos pobos") convértese así no lugar, natural, íntimo e tranquilo, onde o noso pai Deus está connosco e nós con el.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel