A muller cananea profeta de fe para Xesús e para nós
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 16 de agosto de 2026
DOMINGO 20 (A).- Is 56,1.6-7.- Sal 66(67).- Rm 11,13-15.29-32.- Aleluia: Mt 4,23.- Mt 15, 21-28
+ Practicade a xustiza que a miña salvación está próxima ( Is 56,1)
+Alégrense e canten as nacións, e te loen, Deus tódolos pobos ( Sal 66 (67)
+Os dons e a chamada de Deus son irrevocables (Rm 11,29)
+Respondeulle Xesús: muller, a túa fe é ben grande. Fágase como desexas ( Mt 15,28)
A MULLER CANANEA PROFETA DE FE PARA XESÚS E PARA NÓS.
1.
Bendita cananea porque amaches
desde moi dentro e fondo esa filliña,
que o mal mancaba e que tanto sufría,
e por ela rogabas con coraxe
ao profeta xudeu a quen seguías.
2.
Bendita profetisa que albiscaches
en Xesús o remedio da ferida,
que á filla e máis a ti tanto contrista,
e agardando paciente o seu rescate,
tras del, que cala, andas decidida.
3.
Bendita nai, que con amor tan grande,
o silencio e a espera resistías,
e non te alporizaches ofendida,
cando che lembra o home algo distante,
que para ti non ten previsto cita.
4.
Bendita buscadora que acadaches
levar o teu desexo que nacía
da compaixón, que é brasa e luz divina,
á adoración que pon toda a vontade,
con confianza a Deus sometida.
5.
Bendita irmá de Cristo que axudaches,
a que Xesús medrase en perspectiva,
e admirase esa fe que en ti ardía,
que el apreciou con gran capacidade,
para acoller o don que lle pedías.
6.
Bendita loitadora que lograches
con esa fe a paz máis decisiva,
gustando as primicias da xustiza,
que alegrará desde esa hora en diante,
a salvación á fin completa un día.
7.
Bendita mestra, de fe tan admirable,
que a Xesús Cristo enchiches de alegría,
e que á Igrexa e a todos nos animas,
a recorrer o teu camiño amante,
contigo e con Xesús, irmáns e guías.
8.
Líbrame Deus de ser irmán covarde ,
secuestrado por miras egoístas
que á frustración conducen tan axiña;
que poida, en troques, coa túa bondade,
unirme a Ti para coidar a vida.
¡Apertas de domingo

Miguélez, Xosé Antón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora