Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 13 de agosto de 2026
Son

Son o foguete que anunciará a festa. Estoupo. Canto. Bailo. Bailo sobre a idiosincrasia de todo un pobo e canto por quen marchou e por quen regresou; os que xa non volven, lévoos na memoria. Estoupo de ledicia, de gozo ante o ruxerruxe dunha inocentada infantil e ante o rebumbio dunha retranca sen fin.
Son o alustro que anuncia a tormenta. E, ó mesmo tempo, deixo que o trono agrome do máis fondo das entrañas e que as pingas de auga afoguen os pensamentos errados. E meto medo. E mollo. E afogo. Afogo cun bambán de soños.
Son o desatoador que limpa as tubaxes da conciencia. Esta, recoñézoo, está demasiadas veces sucia, enlamada, manchada, emporcallada. Cómpre desatoala amodiño, con pingas de orballo enchoupadas de sentido común.
Son o lobo que oulea desde os outeiros para escorrentar o medo. E volvo oulear para impor a lei da forza sobre o rabaño feble, inocente e submiso. Ouleo unha terceira vez para converterme no xefe da manda. Pero son o único lobo sobre o outeiro da soidade.
Son o Cristo da cruz. Crucificado polos pecados que non cometín. Ou talvez si. Cada quen é moi libre de escribir versículos nunha biblia ateigada de falsas verdades, ou de verdades tan dubidosas que acaban por parecer mentira. Morro na cruz polos oprimidos, polos pobres de espírito, polos amargados e polos tímidos, por quen vive con medo e por quen sofre en silencio. É un dicir. Porque, en realidade, non quero morrer nunca.
Son o arco da vella que, fronte a tanto cor, decide fundirse no negro. Así de simple. Así de inevitable, de sinxelo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES