Bágoas no planeta que arde
Pinto Antón, J.A. - viernes, 14 de agosto de 2026
Na danza cósmica o planeta da voltas sobre si mesmo. Días e noites. Xirando sobre o pai sol o eixe da Terra crea as estacións. Seca e húmida. Luz nun polo, noite noutro. As catro estacións. Cousas da inclinación do eixe. A distancia xusta do sol crea condicións únicas para a alquimia da vida. Con centos de miles de millóns de galaxias, estrelas e planetas semella un milagre que nos tocara a lotería da vida. Se ten máis fogares no cosmos, non sabemos deles. Polo de agora vivimos na única casa habitable. "Un pequeno punto azul pálido" na inmensidade do cosmos, di Carl Sagan.
O planeta azul segue coa súa singradura, maravilla de precisión, alleo á tolemia dos 'homes e mulleres sabios' única especie humana que pervive. Compárese, por exemplo, coas 18.000 especies de bolboretas e 132.000 de avelaíñas. Empeñada en se destruír a si mesma mantén ata 56 guerras ou conflitos quentes neste 2024. Os que máis nos afectan son a agresión rusa á veciña Ucraína polo que supón de ameaza ás democracias liberais e á UE, a nosa casa grande. A masacre e destrución de Gaza, escenario de crimes contra a Humanidade con dous millóns de seres humanos atrapados entre dous fascismos.
Na franxa temperada do hemisferio norte, os longos días do verán. Cada ano máis quente, máis seco. Con Eratóstratos pirómanos do templo da natureza. O lume arrasa Portugal, benquerido país irmán. O lume queima España. Altas temperaturas, ventos atolados, baixa humidade e monocultivo de eucalipto alíanse cos asasinos das árbores. Mans humanas prenden lume: rara vez a natureza se devora a si mesma. Esvaran as bágoas dos bombeiros e das viñetas solidarias.
O climatólogo brasileiro Carlos Nobre conta aterrado que xa estamos no escenario climático que os máis pesimistas situaban en 2028. Na peor seca da Amazonía, arde o pulmón do planeta. E arde o bosque infinito de Annie Proulx en Canadá. Cobiza e inconsciencia talan e queiman a selva. Petróleo e soia para o gando contra unha natureza espléndida, fráxil, ameazada. O planeta necesita esa selva tropical, máis da metade da que alberga todo o planeta. A súa depredación éche un erro colosal.
No verán os titulares mostraron que o fume dos incendios forestais xigantes en Canadá chegou ata Europa no lombo do jetstream ou corrente de chorro. Unha viaxe de 7.000 quilómetros evidencia a autoría humana no deterioro do clima. O catastrofismo non é bo, tampouco pechar os ollos.
Segue o planeta Terra a viaxe a 107.280 km/h danzando ao redor da súa estrela. No silencio do cosmos resoa a petición de axuda. Berros e bágoas contra os que poñen en perigo a biosfera, delgada capa que alberga a vida e a morte. As bágoas dos mellores non abondan para apagar a furia e o lume dos peores.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora