Evaristo de Sela e os xesuítas
Cabada Castro, Manuel - martes, 11 de agosto de 2026
No seu artigo en "Nós Diario" (6 de agosto do 2026, p. 12) que leva como título "A odisea de Evaristo de Sela" infórmanos Manuel Veiga Taboada sobre a peripecia humana, docente e galeguista de Evaristo González Fernández, denominado tamén "Evaristo de Sela" polo seu lugar de nacemento no concello de Arbo no ano 1917. Dísenos alí tamén en relación coa súa aprendizaxe cultural e docente o seguinte: "foi autodidacta. Comezou a aprender grego antigo nos cárceres franquistas [...] conseguiu estudar catro anos no seminario de Tui e dous máis en Bélxica nun colexio dos xesuítas. Deixou pronto o camiño da Igrexa, aínda que xa cuns coñecementos adquiridos de latín e humanidades e algo menos de grego".
Pola miña parte, quixera completar e precisar algo máis esta información aludindo ó que indiquei hai xa case unha decena de anos sobre este tema nos seguintes artigos de prensa: A formación xesuítica de Evaristo de Sela: "Atlántico", venres, 24 de febreiro de 2017 e "Galicia Digital" ("Opinión"), mércores, 1 de marzo de 2017. Aludín neses artigos concretamente a que o tal "colexio dos xesuítas" non era propiamente un colexio senón un lugar de acollida por parte dos xesuítas belgas a xesuítas españois previamente expulsados do territorio español polo goberno republicano, realizando alí os dous preceptivos anos de noviciado, iniciándose así á maneira tradicional na relixiosidade xesuítica e ó tempo nos fundamentos da cultura clásica greco-latina. Os candidatos que se sentían impulsados a entrar na Compañía de Xesús tiñan que facelo fóra do territorio español.
En tal sentido informaba xa pola miña parte o 10 de febreiro do ano 2017 a Xesús Alonso Montero (daquela Presidente da Real Academia Galega) nestes termos:
"Lin o día 20 de xaneiro pasado na Voz de Galicia un dos ben belos Beatus qui legit que publicas dende hai tempo. Esta vez era sobre Evaristo González Fernández. Ó atoparme pouco despois do principio coa palabra Marquain quedei pensando. É unha palabra que teño oído moitas veces de cando os xesuítas foron expulsados de España pola República e moitos deles continuaron os seus estudos en Bélxica, concretamente en Marquain. Entroume a sospeita de se ó mellor Evaristo tiña que ver algo con isto. Pois ben. Ti falas de que despois do Seminario de Tui estudara tamén no de Marquain. Polo que acabo de ver, non se trataba dun Seminario, senón dunha casa onde vivían un bo grupo des xesuítas españois expulsados e Evaristo marchou alá para entrar alí como xesuíta, como facían tamén outros mozos que pensaban ter vocación. Esta tarde dediqueime a follear nos vellos Catálogos dos xesuítas daqueles anos e atopeime efectivamente co que sospeitaba. Como non sei se tes este dato, comunícocho por se che interesa. No Catálogo da nosa provincia xesuítica chamada de León (agora somos unha única provincia: España) de 1933/34 aparece Evaristo González (non figura o seu segundo apelido), nacido o 2 de marzo de 1917 (trátase polo tanto da persoa da que falamos), indicándose alí que ingresou o día 6 de outubro de 1933 (tiña polo tanto 16 anos) como novizo da Compañía de Xesús en Marquain (Bélxica), con domicilio neste enderezo: Château Duray - Marquain - (Haïnaut). No Catálogo do ano seguinte (1934/35) continúa como novizo no mesmo sitio. Nos Catálogos dos anos seguintes xa non aparece. O que vén indicar que non fixo xa os votos xesuíticos que se fan normalmente ó final dos dous anos de Noviciado. Non hai data concreta do día en que saíu do Noviciado. Sería seguramente antes de cumprir os dous anos de Noviciado. Unha cordial aperta".

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora