O concello de Alfoz adiantouse ao de Mondoñedo
Meilán García, Antón X. - viernes, 14 de agosto de 2026
No Progreso do día 30, a alcaldesa do concello de Alfoz dábanos a noticia de que o castelo do Castrodouro vai acoller o Centro de Interpretación de Pardo de Cela. Por fin, un dos Concellos onde Pardo de Cela desenvolveu a súa vida, recoñece a figura do Mariscal. Expulsado de Viveiro e prohibíndoselle entrar en Mondoñedo e en Stª. Marta de Ortigueira, Pardo de Cela pasa a vivir ao pazo da Regueira de Ferrol (Xove), que xunto coa zona do Valadouro, onde tamén dispuña de varias casas, transcorre a súa vida. Cando no outono do 1480 chegan os Comisionados reais para "pacificar Galicia", Pardo de Cela retírase á Frouseira, onde se fai forte e loita dous longos anos contra as tropas dos Reis Católicos e da Santa Hermandad mindoniense. Malia ao forte cerco ao que someteron a fortaleza da Frouseira, non foron capaces de conquistala, polo que Fernando de Acuña convence aos criados para que traizoen ao Mariscal. Traizoada, tomada e derruida A Frouseira (lémbrese O Pranto da Frouseira), había que collelo, e recorren á amizade do felón de Afonso Yáñez, secretario do bispo mindoniense, tendéndolle unha trampa na súa casa do Castrodouro, onde o apresan xunto co fillo en setembro do 1483 e os degolan un 3 de outubro do 1483 en Mondoñedo. Por tanto, A Frouseira e a casa de Afonso Yáñez son lugares históricos na vida de Pardo de Cela. En cambio, o castelo do Castrodouro sempre foi propiedade da mitra mindoniense e entra na lenda mariscaliana debido ao Mito, que se sobrepuxo ao Mariscal histórico, e que agora vai albergar a súa vida. Parabéns ao concello de Alfoz por esta iniciativa, que honra a todo un Concello que sabe agasallar aos seus persoeiros: "terra de pan levar e Pedro Pardo volver" escribiu Cunqueiro, e como non, Pedro Pardo volve polo pedimento dun Concello que sabe valorar o que supón a figura do Mariscal para Alfoz. Mais, tamén, centos de parabéns ao Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), que grazas ás suas publicacións sobre O Mariscal, Pardo de Cela transpasou a Mariña lucense e chega o todos os rincóns de Galicia. E que fai o concello de Mondoñedo?, onde Pardo de Cela exerceu de Comendeiro do Bispado; onde vivíu na rúa dos Ferreiros; onde nada máis asinar o testamento na casa do cóengo Fernán Balea, levárono á praza para degolalo e despois, soterrárono con "grande solemnidade" no presbiterio da catedral, onde descansan os seus restos xunto cos do fillo (con la iglesia hemos dado, Sancho). Non é, pois, Mondoñedo merecente dun Centro que recolla a súa historia mindoniense, e os traballos de Villamil e Castro, Lence-Santar e Francisco Mayán, mindonienses, pioneiros no estudo da súa vida? Que foi do Centro Cultural da Alcántara, onde O Mariscal podía ser lembrado e ter o seu recoñecemento? Que foi e que é, Sres. Alcade e Concelleiros mindonienses? Unha mágoa, que os dirixentes de Mondoñedo -con tanta Historia e potencia cultural- non se preocupen por destacala, ou é que, como ocorre desde hai anos, ocúpanse máis da farándula que da cultura? Unha vergonza. Sigan o exemplo do concello de Alfoz, que non só honra ao Mariscal, senón que da a coñecer unha parte da nosa Historia, ao tempo que fomenta o turismo nesta zona do Valadouro.

Meilán García, Antón X.