Catro camiños, escolas da fe, que converxen na liturxia de hoxe
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 09 de agosto de 2026
DOMINGO 19 (A).- 1Re 19,9.11-13.- Sal 84(85).- Rm 9,1-5.- Mt 14,22-33
Non estaba o Señor no furacán, nin no tremor nin no lume... oiuse o murmurio dunha airexadiña suave (1Re 19)
A gloria habitar´ça na nosa terra...o Señor ha dar os seus bens (Sal 84(85)
Como discípulo de Cristo...teño moi grande dor, e o meu corazón sofre seguido (Rm 9,1-2)
Cheos de medo os discípulos empezaron a berrar, e Xesús díxolles, son eu, non teñades medo (Mt14,26-27)
CATRO CAMIÑOS, ESCOLAS DA FE, QUE CONVERXEN NA LITURXIA DE HOXE
1. Escola profética de Elías, primeira lectura
Para darmos co Deus vivo
non chega ollar as grandezas
que asombran na natureza,
desafían á razón
e encollen o corazón:
cómpre percibir, servindo,
a chamada moi discreta,
do Señor que solicita
a nosa implicación
nas cousas do día a día,
sen fuxirmos da misión.
2. Escola orante dos salmos. Salmo 84 (85)
O Señor quere habitar
con gloria na nosa terra,
non só coma o seu sostén
no cosmos e en cada quen,
mais tamén nas intencións
do seu pobo e dos amigos,
para que acollendo o ben
solidario, que é o camiño
que El ofrece libremente,
poida Deus darnos a paz
que tanto desexa e quere.
3. Escola apostólica paulina ( Carta os románs)
Discípulos e apóstolos,
ambos encargos a un tempo,
manteñen a nosa fe
anunciando as alegrías
que se reciben con Cristo
ao acoller o evanxeo
e andar no seu seguimento.
Mais a ledicia non libra
dalgunhas dores connosco:
a espera de ver en Deus
a comuñón dos distintos.
4. Escola da tradición eclesial do evanxeo
A Igrexa que xerou Cristo
ensinando a compartir
e enviada a todo o mundo
para servir sen orgullo,
vai sufrir en ocasións
polo medo e pouca fe,
e esa Igrexa somos nós:
camiñemos cara El,
buscando sempre o amor,
e ningún abismo hostil,
nos engulirá perdidos.
Apertas de domingo

Miguélez, Xosé Antón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora