Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Deus da paz e o demo do medo

Cabada Castro, Manuel - domingo, 09 de agosto de 2026
O texto do evanxeo continúa o do domingo pasado, que versaba sobre o relato da multiplicación do pan e dos peixes. Terra e mar estaban alí presentes. Coma quen di, a Galiza do interior (a que sementa cereais) -a dos nosos labregos- e a dos mariñeiros, os que converten arados da terra en lanchas que saben labrar tamén ó seu xeito nas augas do mar. Pan e peixes; barcos pesqueiros e tractores como instrumentos de mariñeiros e labregos.

Dato importante. Xesús dá primeiro de comer á xente. Aténdeos persoalmente con xenerosidade e despídeos despois con agarimo. Ós discípulos, mentres tanto, ordénalles que se vaian á outra banda do mar. Só despois encamiñarase o seu Mestre ó monte para falar cando anoiteza co seu Pai a soas. Por moito que Xesús estivera xa sempre, no seu traballo e no seu trato coa xente, en presenza do Pai, practicando -como modelo tamén para futuros monxes- aquilo de "ora et labora", "reza e traballa". Toda a vida e a mensaxe de Xesús son resultado dese seu trato íntimo, amoroso e confiado con quen era o seu Pai. Pois seu Pai era pai para el dun xeito especial, único. De maneira distinta a como somos tamén nós, e grazas a el, fillas e fillos de Deus. El era o seu Fillo único, divino, da mesma natureza co seu Pai Deus, portador xa que logo dos mesmos atributos ca Deus. “O meu Pai e o voso Pai”: así se expresaba el. Deus Pai era e é pai de Xesús e tamén noso, de maneira distinta, aínda que verdadeira en ámbolos dous casos.

Os apóstolos aprendían pouco a pouco a ver o seu mestre así. El pon os seus ollos de maneira especial en Pedro. Pois vai ser el quen se poñerá ó temón da igrexa que Xesús botará a vogar e terá que aprender a ter plena confianza nel. Pois ben, Xesús é posuidor dun poder igual ao do Pai, fronte a calquera posible ameaza. O mar é dende sempre símbolo e paradigma dos medos, dos abismos perigosos, do descoñecido que ameaza, dos monstros, das tebras que non deixan entrar luz e a claridade nas súas augas.

A nosa vida non é sempre un pasear nun xardín de rosas. Dende que empezamos a respirar os airiños deste mundo ata que o deixemos de facer, a nosa vida pasa por angustias, pequenos ou grandes fracasos, proxectos que non chegan ó fin desexado etc. Mais velaí que Xesús, nome que por algo significa "Salvador", vén na nosa axuda para darnos confianza en canto fagamos. Aí estará El sempre para botarnos unha man, tal e como fixo con Pedro. Como cristiáns temos que ter nel esta confianza, pois el é todo poder e amor, por máis que exerza ese poder de modos aparentemente inesperados e insospeitados. E traballa a longo prazo. Cando non o fai a curto.

Xesús non é, pois, nunca unha pantasma. Como podería selo a Santa Compaña das nosas tradicións. Nin Deus nin o seu Fillo Xesús están aí para nos asustar, angustiar ou aterrar. Todo o contrario. Por máis que non lle dea a Pedro razóns concretas para el non ter medo a andar sobre as augas. Simplemente fai referencia a si mesmo, presentándose como o que verdadeiramente é: aquel que ten todo o poder e mais todo o amor para os poñer á nosa disposición. Dilles, pois, ós discípulos e ao temeroso Pedro: "Tranquilos, que son eu". Un "son eu" no que resoa claramente o "Eu son Iavé" ou o "Eu son o que son" do Deus do Antigo Testamento.

É significativo tamén, polo demais, que neste domingo, se nos fale na primeira Lectura (a do Antigo Testamento) do marabilloso encontro de Elías no monte co seu Deus. Tamén aquí Elías aprende a ver a Deus como relacionado non co "rexo furacán", co "tremor da terra" ou co "gran lume". Uns fenómenos que se poderían relacionar coas ondas que proviñan do forte vento do mar sacudindo a pequena barca dos discípulos de Xesús. Sobre tales fenómenos dísenos no libro dos Reis que neles, é dicir, no furacán, no tremor de terra ou no gran lume, "non estaba o Señor". En troques, si estaba o Señor naquel case imperceptíbel "murmurio dunha airexa", semellante á suave brisa ó anoitecer que nos pode vir do mar despois do solpor dun verán.

Deus é, pois, sempre pacífico. E dicir, facedor e promotor de paz. Non quere asustarnos ou angustiarnos cos acontecementos que ocorran nas nosas vidas. Pois el é sempre meirande en poder e en amor que calquera ameaza ou desgraza. Pola miña parte teño presente nas miñas lembranzas aquilo que lle oín hai xa moitos anos (era eu un mozo daquela) a un excelente director espiritual: "Todo o que angustia –dicíame el- vén do demo". A verdade é que sempre me fixeron moito ben estas palabras. O que o mestre espiritual me quería dicir é que Deus non está aí para angustiarnos ou meternos medo. El só está aí para nos dar confianza e ánimo: "Tranquilos, que son eu".

O mundo, tamén nos nosos tempos, precisa de persoas que lles dean bo ánimo e "tranquilidade" a cantos estean con medos, dúbidas ou con pouca esperanza. Digámoslles, pois, a todos coas nosas palabras e co noso comportamento: Tranquilos, que Xesús segue a ser tamén hoxe salvador e dador de paz, de tranquilidade e de alegría.

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES