Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na túa tenda, na túa lingua

Gregorio Montes, Antonio - miércoles, 12 de agosto de 2026
Na túa tenda, na túa terra, na túa lingua. Doado, verdade? Se ti vas a unha tenda, na túa terra, o lóxico é que te atendan na túa lingua...

O certo é que o título sóame moi ben, a lema de anuncio. E que vai en liña co que penso en relación á miña lingua. Mais...

Mais as cousas son máis complicadas. Debe ser por iso que hai tendas como Decathlon, multinacional de matriz francesa, que nas súas tendas en Galicia permite nas máquinas de cobro automático o castelán (baixo a epígrafe de ‘español’), francés e inglés, pero non o galego. Ou bancos como o Santander que na súa web admite presentar as páxinas en castelán (de novo, ‘español’), inglés e catalán, pero non en galego. Ou webs como a de Eroski, que teñen a opción de propaganda en ‘galego’, pero que como te despistes, comezan a enviar ligazóns para páxinas supostamente en galego mais realmente en catalán (aínda que é posible que iso sexa só un ‘erro sistemático’.

A semana pasada mesmo unha empregada dun ‘Deca’ da capital galega, ó ver que eu tentaba manobrar para poñer a máquina correspondente en galego, sen ter esa opción, e poder ver a miña sorpresa, ofreceuse a falarme na nosa lingua, na que seguimos despois de ser interrogado de primeiras en castelán. Tamén pasa con certa frecuencia que aínda que a lingua poda elixirse, por defecto a opción é castelán, tendo que ir a unha páxina de opcións ou unha fiestra despregable para poder cambiala, sen poder facelo directamente na páxina de inicio. Si, as cousas son máis complicadas.

Por as mesmas razóns, calquera empregado descoñecido na nosa terra comezará a falarte en castelán, aínda que el ou ela fale (e ti tamén) en galego. E a tenda á que vas de compras non é ‘túa’: aínda que sexa ‘a túa tenda’, e raro é que actúe como túa cando o capital non é ‘teu’, e fala moitas veces en castelán. Aínda sendo ‘de capital galego’. Xa non digamos se é norteamericano, inglés, alemán… mesmo con algunha sorpresa favorable polo medio. Un exempo? Tendo nocións de inglés, a primeira vez que entrei nun ‘Zara Home’ ía a iso, á ‘sección de cabaleiro’ de Zara, e non á súa ‘sección de fogar’. Iluso de min, pensaba nunha ‘empresa de capital galego’!

Ó final, mesmo considerando o enunciado ampliado do título que fago na primeira liña, ‘a túa terra’ non é túa, nin parece ser ‘nosa’. E, xa postos: agora, quen defende a primacía do castelán en Galicia, pode comezar a dicir: ‘hablamos en castellano porque es la lengua de Galicia, de la mayoría de los gallegos’.

Non é a primeira vez que deixo unha nota nalgún buzón correspondente de suxerencias, queixas, etc, en relación á lingua. Non será a última. Por certo, sabes o que é unha lingua minorizada?
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES