Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu e 'Catro vellos mariñeiros'

Rubia, Xoan - martes, 04 de agosto de 2026
Corría o ano 1972 e a editorial "Philips-Fonogram" editaba un LP meu titulado "Cantares da miña terra" con unha ducia de cancións, seis miñas e outras tantas populares entre as que se atopaba "Catro vellos mariñeiros", un tema que casualmente marcou a miña traxectoria coma interprete. Xa pasou máis de medio século, e o próximo día 5 de agosto no teatro Pastor Díaz de Viveiro vai ter lugar un acto no que se fará homenaxe á canción que quizais representa mellor a idiosincrasia desta vila Eu e 'Catro vellos mariñeiros' mariñeira e ao que fun amablemente invitado por ser a miña versión a que soou con prodigalidade por toda Galicia. Vaise honrar á canción pero tamén, como non podía ser doutro xeito, ao seu autor, o viveirense José Travieso Quelle, militar e xornalista que no ano 1940 estaba destinado en Santiago e onde escribiu este tema que xa pertence por dereito propio ao acerbo popular. "Catro vellos mariñeiros" naceu pois en Santiago uns anos antes de que eu chegase ao mundo.

Cando a editorial discográfica elixe os temas populares que eu ía gravar vin nos "Catro vellos mariñeiros" dentro da súa sinxeleza, algo que apuntaba a posibilidade de que o tema podería ser o de máis pulo do disco, e así considerouno tamén a editorial que sacouna nun "single" xunto a miña "Vexo Vigo". Aquel foi o disco máis vendido e escoitado en Galicia naquel tempo o que significou que, logo de medio século, estea aí presente e pídanma cada vez que subo a un escenario entre ou non no contexto da temática do evento. Esta canción sempre vai comigo, tanto que non sei se foi ela a que me popularizou ou fun eu coa miña versión quen lle dou empuxe. Quizais ambas as dúas cousas.

Todas as cancións populares teñen o seu autor, non existen por si solas, pois hai sempre alguén que as escribe moitas veces acochado no anonimato e son os intérpretes os que as colocan na vangarda da aceptación popular. Algúns autores rexistran as súas composicións pero moitos non o fan, como foi o caso de José Travieso o que non é óbice para que o recoñezamos e lle deamos o merecemento que lle pertence como pai que foi da criatura. Abofé.

Temos un exemplo dunha canción popular cuxo autor permaneceu no anonimato onde aínda hoxe segue. Trátase de "Los cuatro muleros" que Federico García Lorca recuperou no ano 1931 para o seu compendio Colección de Canciones Populares facendo unha adaptación para piano e voz que interpretou Encarnación López (La Argentinita). Lorca cambiou o texto a aquel orixinal, posiblemente unha panxoliña xitana do Sacromonte, nun traballo de depuración e estilización co gallo de achegalo a un público máis culto. "Los cuatro muleros" hoxe é coñecida en toda España pola versión que dela fixo o egrexio poeta granadino.

Que casualidade: en Granada tiñan aos "Cuatro muleros" e nós aquí temos aos "Catro vellos mariñeiros". Aquela foi denominada como patrimonio inmaterial de Andalucía e agora, sen ánimo de manter comparanzas no espazo e no tempo e aproveitando esta homenaxe que se lle fai en Viveiro, penso si sería posíbel nomenar a "Catro vellos mariñeiros" como patrimonio inmaterial de Galicia. Sería esta unha proposta demasiado ambiciosa? Penso que non.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES