Bos días a crentes e non crentes.
Hoxe non chega con poñer un lazo branco nin con pronunciar palabras fermosas. Se de verdade queremos honrar a quen sofre un cancro de pulmón e a todas as persoas enfermas, temos a obriga moral de defender o seu dereito a unha atención sanitaria digna.

Como sacerdote, non podo calar cando considero que está en xogo a dignidade das persoas. O Evanxeo ensínanos a poñer sempre a persoa no centro. Por iso, non podo aceptar que a enfermidade se converta nun negocio nin que a saúde dependa dos intereses económicos ou políticos.
A saúde é un dereito, non un privilexio.
Por iso, hoxe alzo a miña voz na defensa dunha SANIDADE PÚBLICA, UNIVERSAL, GRATUÍTA E DE CALIDADE.
Cada vez son máis as persoas que expresan a súa preocupación pola falta de profesionais, polas dificultades para conseguir cita, polas listas de espera, polas limitacións ou peches de determinados servizos de atención primaria e polo aumento da colaboración coa sanidade privada. Moitos cidadáns reclaman que o SERGAS, dependente da Xunta de Galicia, aposte decididamente por reforzar a sanidade pública con máis investimento, máis persoal e mellores medios.
As persoas enfermas non son números. Non son estatísticas. Non son mercadorías. Son fillos e fillas de Deus para os crentes e persoas cunha dignidade inviolable para toda a sociedade.
Ningunha administración debería utilizar a saúde como arma política nin limitarse a buscar culpables. O que a cidadanía necesita son solucións, responsabilidade e unha aposta clara por fortalecer a sanidade pública.
Neste Día Mundial do Cancro de Pulmón, levantemos a nosa voz por todas as persoas que loitan contra esta enfermidade e tamén por quen sofre calquera outra doenza. Defendamos unha sanidade que poña sempre ás persoas por riba de calquera outro interese.
Aos crentes pídoche unha oración polos enfermos, polas súas familias e por quen ten responsabilidades de goberno. Aos non crentes, convídovos a unir as vosas voces na defensa dun dereito que é de todos.
Porque defender a sanidade pública é defender a vida. E defender a vida é unha obriga moral que non entende de ideoloxías nin de partidos.
Non calemos. Loitemos unidos por unha SANIDADE PÚBLICA, UNIVERSAL, GRATUÍTA E DE CALIDADE.
Luis Ángel Rodríguez Patiño, Sacerdote.