Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nadal de Deseño, Nadal Persoal

lunes, 21 de diciembre de 2009
Nadal de Deseo, Nadal Persoal Compás social: Nadal de Deseño, Nadal Persoal

O reporteiro inconformista chegou á gran metrópole. É cosmopolita europeo, perspicaz e suspicaz, desfacedor de agravios da linguaxe mediática. Nunha palabra, sempre intenta ir máis aló da epiderme das palabras e dos feitos visibles inmediatos.

Pediume acompañalo polo urdido da gran urbe. E alá imos. Collemos o “Bus Nadal” posto polas nosas graciosas autoridades. Pasamos, primeiro, xunto a un cono luminoso de vinte metros de alto, moi relucente e visible desde lonxe. Parecía a tenda dun gran xefe de tribo urbana. Logo, flanqueados por árbores con serpentinas luminosas, pasamos por debaixo de aros e aneis ensartados en forma de trompetas, follas exóticas, pratos volantes, bloques de reixas enlazadas, alfombras, e centos de formas abstractas. E todo en atraente multicolor.

Unha marabilla, algo minguada pola crise. Pero, ¿onde están os símbolos e representacións do Nadal? Quedan algunhas estrelas, os demais diluíronse. Supoñemos que non encaixan no contexto laico, mediatizado e programado polos nosos dirixentes. As evocacións de contido explícito e concreto da Natividade empúxanas ós espazos privados e pechados. Entón, pregunta o suspicaz reporteiro, ¿que celebran estes adornos dos espazos públicos? Non sabemos ben. É unha nova estética aberta ao infinito indefinido. Quizais só intentan soster una emoción colectiva para impulsar o tren do consumo.

Baixámonos do Bus Nadal, no punto de encontro de multitudes. Xa ves, aquí temos outra altísima tenda cónica multicolor cunha estrela no cumio e outras laterais. Está ben, hai rescoldo na sensibilidade dos deseñadores. Despois de ollar uns “Topmanta” e contemplar algúns marabillosos mimos rueiros, entramos nunha gran superficie comercial. Xusto ao entrar un neno quedou atrapado baixo unha torre esborrallada de xoguetes. Aquel derrube de caixas pintadas de monstros e máquinas galácticas non asfixiou o neno; non obstante, ademais do susto, foi todo un símbolo. Incómodos con tanta multitude, fuximos por outra porta.

Encontrámonos de súpeto a media luz noutra rúa traseira. Camiñabamos buscando a luminosidade dunha arteria principal, cando aparecen dúas prostitutas cun impreciso cartel: “ Nadal con migo”. Esfumáronse en seguida ante a presenza de dous gardas municipais. Que pasa?, pregunta o meu acompañante. Hai ordes explícitas de limpar a zona para restablecer a estética urbana, especialmente nestas festas.

Seguimos rumbo cara a unha igrexa do barrio. Nun lateral do templo facían cola unhas cen persoas, fila que desembocaba nunha porta discreta. O noso reporteiro, intrigado, adiantouse e nese preciso momento saíu unha muller vestida de branco. Era unha monxa. Por favor, por favor… ¿que fai aquí toda esta xente, qué celebra? -Esta xente vén a cear porque este é un comedor de Cáritas. E nosoutras celebramos e vivimos o noso Nadal con estes amigos da fila. O noso Nadal é diferente, é alegre pero sen ostentacións.

Marchámonos botando unha nova ollada á longa ringleira humana. O reporteiro comezaba a sentirse perplexo, confuso e algo excitado. Entón, preguntábase, ¿como se conxuga a estética do deseño publico con esta escena? - Son as dúas caras da mesma moeda, ocorréuseme dicirlle para saír do paso.

Para visitar outra zona monumental ben adornada, tivemos que pasar por un subterráneo ou pequeno túnel baixo a gran arteria principal da cidade. Alí debaixo uns mozos repartían café, leite e pastas a unha media ducia de persoas sen teito, deitadas e protexéndose do frío con grandes caixas de cartón. Cruzamos lixeiros sen mediar palabra, ceibando furtivas olladas, como avergoñados. Ao último mozo que estaba preto da saída preguntámoslle: quen sodes? -Somos dunha asociación relixiosa. Sen pararnos subímo-los banzos cara ao exterior e alí dialogamos con xestos, monosílabos, palabras soltas e frases entrecortadas. Seguimos camiñando en silencio e fitando outros orixinais deseños de luces e cores, sen saber ben a onde iamos.

De seguida descubrimos outra ringleira, case inabarcable á vista, de persoas de todas as idades. Esperaban para ver unha magnifica exposición de beléns históricos e actuais de tódolos los continentes. Despois dunha paciente espera, tamén nosoutros logramos entrar e contemplar a orixinal variedade de beléns. Mereceu a pena. Alí encontramos fundidos o sentido orixinario e explícito da Natividade inmersa nos mellores deseños da arte popular de tódalas etnias, pobos e culturas da humanidade. Foi como un descubrimento inesperado que encheu de ventura a nosa andaina.

Volvemos a casa, bastantes cansos, pero cheos de breves experiencias e reflexións. Peter, ¿que vas a escribir sobre o Nadal no corazón de España? Non sei moi ben. Terei que repasar todo o que vin e oín esta tarde-noite. Teño que preguntarme polo nadal político-mediático deseñado, polo nadal popular, o nadal comercial, o nadal dos marxinados, o Nadal dos crentes que viven con accións coherentes, e outros innumerables nadais a penas albiscados. E rematarei coa boa nova alegre e dolorosa a vez: “un neno naceu nun presebe porque na pousada non houbo sitio para El”, (Lucas 2,7). Vida, Amor, Pan e Casa para ese Neno prototipo de tódolos nenos da humanidade.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES