A China 'imaxinada' de Julio Camba
Ríos, Xulio - miércoles, 05 de agosto de 2026
Resulta chamativo que un dos máis recoñecidos xornalistas do século XX, o galego Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884-Madrid, 1962), nunca chegase a visitar China, malia dedicarlle numerosos artigos ao longo da súa carreira. A súa mirada, construída desde Xapón, desde Europa e desde as fontes xornalísticas occidentais, constitúe un excelente testemuño da imaxe que a sociedade española cultivaba do país asiático nas primeiras décadas do século XX.
Non atoparemos en Camba, por tanto, un auténtico "sinólogo", nin un estudoso sistemático da civilización chinesa. China interesoulle sobre todo como escenario da política internacional, como contrapunto cultural de Occidente e como fonte inesgotable de paradoxos, ironías e reflexións sobre a condición humana.
Un galego cosmopolita
Julio Camba naceu en Vilanova de Arousa en 1884. Moi novo emigrou a Bos Aires, onde entrou en contacto co movemento anarquista. De regreso a España iniciou unha brillante carreira xornalística que o convertería nun dos correspondentes máis prestixiosos da prensa española.
En efecto, exerceu en Constantinopla, París, Londres, Berlín, Nova York e Roma. A diferenza doutros xornalistas europeos da época, non foi correspondente permanente en China. Si permaneceu durante varios meses no Xapón, enviado por ABC arredor de 1908-1909, coincidindo coa enorme curiosidade occidental polo país tras a súa vitoria sobre Rusia (1905). Desde alí escribiu varios artigos nos que China aparece inevitablemente como referencia constante.
Polo que sabemos da súa biografía, non chegou nunca a pisar nunca territorio chinés. Tampouco percorreu amplamente Asia. O seu contacto directo limitouse esencialmente ao Xapón e ás escalas marítimas propias das viaxes internacionais.
Este feito condiciona profundamente a súa visión. O Xapón da era Meiji representaba para moitos europeos o modelo dunha Asia capaz de modernizarse sen occidentalizarse completamente. China aparecía, en cambio, como o gran imperio inmóbil. Este contraste era un lugar común da época e Camba asúmea con relativa naturalidade.
Cómpre lembrar que Camba escribe precisamente durante os derradeiros anos da dinastía Qing e os primeiros tempos da República (1911), cando Europa contempla China como un Estado en descomposición.
Como tantos xornalistas da época, Camba alimentouse principalmente de prensa británica, francesa, correspondentes europeos, literatura de viaxes, diplomáticos ou relatos coloniais. Iso explica que a súa China sexa máis ben unha China narrativa ca unha China observada. É dicir, describe menos a realidade chinesa que a idea de China que circulaba entón por Europa.
Os grandes trazos da súa imaxe de China
Nos seus escritos, Camba insiste continuamente na inmensa antigüidade da civilización chinesa. China aparece como unha sociedade milenaria. Iso produce nel admiración, pero tamén serve para explicar a súa resistencia ao cambio.
A inmobilidade quizais sexa o tópico máis recorrente. China é presentada como unha civilización que leva séculos facendo exactamente o mesmo. É un dos grandes estereotipos occidentais do XIX. Hoxe sabemos que esa visión era profundamente simplificadora, pero estaba extraordinariamente extendida.
A invocación da paciencia é outra característica recorrente. Para Camba, os chineses personifican unha capacidade infinita para soportar a pobreza, a espera, as dificultades. Esta idea conecta co tópico orientalista do chinés laborioso e resignado.
Como moitos autores europeos da época, amósase impresionado polo tamaño da poboación chinesa. A inmensidade humana de China aparece como unha forza latente. Non necesariamente ameazante, pero si difícil de comprender desde Europa.
Curiosamente, tamén admira determinados aspectos. Camba percibe nos chineses capacidade comercial, espírito práctico, habilidade mercantil, resiliencia económica. Nese sentido rompe parcialmente coa visión puramente exótica.
Compre sinalar que en Camba nunca sabemos exactamente onde termina a observación e comeza a ironía. Moitos dos seus textos sobre China funcionan como pretexto humorístico. Non pretende ofrecer información científica. Busca sorprender ao lector. Esaxera. Caricaturiza. Invirte perspectivas. Iso obriga a ler os seus artigos sempre cun certo coidado.
Orientalismo
Sen utilizar naturalmente esa palabra -Edward Said publicaría Orientalism setenta anos máis tarde-, a visión de Camba encaixa bastante ben no paradigma orientalista.
China aparece como ancestral, misteriosa, inmutable, diferente, allea á historia europea. Non existe unha vontade de comprender China desde categorías chinesas e asume unha interpretación mediante conceptos occidentais.
Hai outro aspecto menos comentado. China aparece tamén asociada ao problema da decadencia dos imperios. O derrubamento da dinastía Qing coincide coa crise dos grandes imperios europeos. Camba utiliza ás veces China para reflexionar indirectamente sobre España, Europa, a modernización, o atraso. China convértese así nun espello. É un procedemento moi cambiano o de describir aparentemente ao outro, cando en realidade está falando de nós. É algo que tamén observamos en Plácido Castro, utilizando neste caso como referente ao Reino Unido ou Irlanda.
"Ni Fuh ni Fah"
Probablemente sexa este o libro no que a presenza asiática resulta máis visible. "Ni Fuh ni Fah y otras historias del ancho mundo" (1957) non é un volume concibido especificamente sobre Asia, senón unha compilación de artigos escritos ao longo de varias décadas. Nel aparecen textos sobre Xapón, sobre chineses residentes noutros países, sobre costumes orientais, sobre política asiática en xeral. Pero segue sendo unha presenza fragmentaria. Non existe unha reflexión sistemática sobre China.
O interese de Camba por China foi intermitente pero constante. Nunca foi un dos seus temas centrais -como o foron Inglaterra, Francia, Estados Unidos ou Italia-, pero China reaparece periodicamente porque respondía a varias preocupacións intelectuais do momento: o choque entre tradición e modernidade, o futuro das grandes civilizacións, o ascenso de Asia, as diferenzas culturais, o humor derivado do contraste entre Oriente e Occidente.
É significativo tamén que non escriba dende unha posición de superioridade agresiva, como outros cronistas coloniais do seu tempo. Hai ironía. Hai distancia. Hai tópicos. Pero tamén certa admiración pola capacidade chinesa para sobrevivir aos cambios históricos.
Balance
Neste sentido, no conxunto da súa obra podemos destacar algunhas constantes. A primeira é que Camba non fala tanto de China como do "Oriente". Isto é importante. Na súa obra, China, Xapón ou mesmo o conxunto asiático aparecen con frecuencia como un espazo simbólico desde o que reflexionar sobre Europa.
A segunda ten que ver co momento histórico. Camba escribe sobre China nun período extraordinariamente convulso: a guerra ruso-xaponesa, a crise da dinastía Qing, a revolución de 1911, a aparición da República... Non obstante, o proceso político chinés interésalle menos ca o contraste cultural. A diferenza doutros xornalistas máis atentos á xeopolítica, Camba tende a converter a actualidade nunha anécdota literaria. Ese é un trazo distintivo do seu xornalismo.
Reproduce moitos tópicos occidentais, pero non o fai sempre dun xeito dogmático. Ás veces utiliza eses tópicos precisamente para rir da facilidade coa que os europeos simplifican o mundo. É dicir, o seu humor introduce un certo distanciamento que convén analizar con coidado.
En suma...
A China de Julio Camba non é a China real nin pretende selo. É, máis ben, a China que un xornalista culto e cosmopolita podía construír a partir das noticias internacionais, das súas observacións no Xapón e do imaxinario orientalista dominante en Europa. Nela conviven admiración e estereotipo, curiosidade e simplificación, intuicións brillantes e prexuízos propios da época.
Noutras palabras, a súa é unha China de segunda man, pero iso non diminúe o seu interese; ao contrario, convértea nun magnífico documento sobre a circulación de imaxes e representacións da China moderna na España da Restauración e da Segunda República.
Precisamente por iso conserva hoxe un notable interese historiográfico. Os seus artigos permiten reconstruír non tanto como era China a comezos do século XX, senón como era vista desde España: un país ao mesmo tempo fascinante e remoto, milenario e aparentemente inmóbil, chamado, sen que Camba chegase a intuír plenamente o seu futuro, a desempeñar un papel crecente na historia mundial.

Ríos, Xulio