'A democracia morre na escuridade'
Pinto Antón, J.A. - viernes, 31 de julio de 2026
Na cabeceira do xigante xornalístico The Washington Post. A escuridade avanza nas rúas USA. Nas prazas dixitais. Nas grandes avenidas dos medios de comunicación. E ameaza á democracia.
'Sen medios non hai democracia', nas facultades de xornalismo. Sen prensa, radios, televisións co seu aceirado aguillón contra a tiranía, co seu detector de mentiras, non hai democracia. Sen medios libres non hai sociedades libres. Só hai medios ao servizo dos medos. Por iso a xibarización do xigante, The Washington Post. Ataque directo, tamén sospeitoso, na máis antiga e poderosa democracia do planeta humano. Sen ese poderoso faro de luz a singradura polos roteiros da liberdade é máis azarosa. No recordo, os tempos de gloria no que o poder tremía diante dos xornalistas. Agora son ameazados, acalados, denunciados, mesmo escollidos a dedo nas roldas de prensa do goberno. Os críticos son vetados: "Non falo coa CNN, son noticias fake". Poder descarnado e machismo no trono do mundo con faltas de respecto a mulleres xornalistas: "Ti es estúpida?". "Porquiña!". Nuns EEUU que recordan a advertencia dun dos Pais Fundadores, Thomas Jefferson. "Cando o pobo teme ao goberno hai tiranía. Cando o goberno teme ao pobo hai democracia". Está a pasar dentro e fóra de EEUU. A pandemia de medo e silenciamento é planetaria.
"Periodistas en tiempos de oscuridad" titula F. Belzunde a súa recolleita de testemuñas. Ducias de xornalistas dignifican o lema do Post cando os medios exercen como cuarto poder, crítico e vixiante diante dos abusos dos tres grandes poderes do Estado. Convén ler os artigos destes xornalistas que defenden co seu traballo as nosas liberdades. Entre eles o da premio Nobel Svetlana Alexiévich "nestes tempos escuros onde parece que as sociedades democráticas retroceden".
Agora, un multimillonario dono dunha fortuna de trescentos mil millóns de dólares comprou por trescentos cincoenta millóns o Post. Século e medio de historia. 76 premios Pulitzer. O 'Caso Watergate', modelo de periodismo de investigación, expulsou do poder a un presidente indigno. Se a plutocracia do gran país quixera podería comprar as cabeceiras e poñelas de xeonllos. O multimillonario que investiu 75 millóns en incenso na publirreportaxe sobre a primeira dama vén de expulsar á intemperie a un terzo da plantilla do Post. Cancelou a cobertura dos Xogos Olímpicos de Inverno. Corresponsais nos puntos quentes do planeta reciben notificacións de despido. Desde que o milmillonario agasallouse cun gran periódico todo son malas noticias. Cancelación de suscripcións, fuxida de xornalistas. Insatisfación coa liña editorial campracente co poder. A gloriosa e centenaria cabeceira desángrase. Apágase outro faro de luz. "Democracy dies in darkness".

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora