Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 29 de julio de 2026
Maratón de cebolas
Tomei prestado o mandil da avoa. Collín unha táboa, un coitelo e unhas restras ou mangados de cebolas. Levo trinta e seis horas picando cebolas. Ós meus pés, unha lagoa de bágoas.
A verdade é que xa non sei se choro polo óxido de propanotial, pola canseira de tanto picar ou pola rabia que me dá. Dixéronme que picase cebolas para un batallón, e levo picadas xa para máis dun rexemento. Que maneira de picar e que forma de chorar!
O peor é que me atopo nese momento en que me falta un amén para acabar por aborrecer, por anoxar a cebola. Co que a min me gusta! Máis frita ca crúa, iso si. Porén, nunha ensalada, que non falten uns aros de cebola crúa. Gústame calquera empanada, leve cebola ou non; mais, se a leva, xa é gloria bendita. E se leva moita, pois case un orgasmo... de gozo e de saboreo.
Unha vez, de rapaz, rogueille á miña nai, coas mans xuntas en sinal de oración, que me fritise unha tixola enteira de cebolas. Fíxoo. Gocei como nunca gozara. Pero, despois... mellor non falar do asunto, da apurada.
Que alguén berre que deixe de picar cebolas! Xa vou para unha maratón. Xa non teño bágoas. A lagoa hai un bo anaco que se converteu en océano. O rexemento pasou a ser exército. Mais, mentres non chegue a contraorde, eu sigo.
Sobre a mesa cada vez semella haber máis restras. Pídolle a quen corresponda que non planten máis cebolas. Que se pasen ós allos. Eu xa chorei dabondo por esta colleita.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora