O ensaio Tres guineas (Three Guineas), da escritora británica Virginia Woolf, acaba de publicarse en galego,

nun fermosísimo volume ilustrado coa mesma portada e cos mesmos documentos fotográficos da primeira edición, cun prólogo de Carmen Blanco e cunha tradución do inglés de Laura Lojo, na prestixiosa colección Clásicos do Pensamento Universal editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, institución á que están vinculadas como discentes e docentes a galicianista e a anglicista mencionadas.
Como é sabido, a escritora inglesa Virginia Woolf (1882-1941), pertencente ao chamado grupo de Bloomsbury, é autora de célebres novelas, contos e obras teatrais de vangarda no contexto do modernismo británico das primeiras décadas do século XX, pero tamén o é de ensaios fundacionais e referenciais para o feminismo contemporáneo mundial, como Un cuarto de seu (1929) e, precisamente, o presente Tres guineas (1938).
Carmen Blanco, filóloga, poeta, pensadora e investigadora, exerceu a docencia universitaria de moi diversas materias e áreas de ensinanza. É autora de obras de estudo, ensaio, poesía e narrativa sobre liberdade, amor, poder, muller, sexo, xénero, memoria, lugar, civilización, arte, cultura e literatura, pero tamén publicou edicións de poesía, traducións literarias, letras de cancións, deseños gráficos e debuxos artísticos. Comisariou exposicións memorialistas e coordina a revista intercultural Unión libre.

Cadernos de vida e culturas. Virginia Woolf está presente como constante referente nos seus libros Literatura galega da muller, O contradiscurso das mulleres, Mulleres e independencia, Feministas e libertarias, Letras lilas ou Un mundo de mulleres, polo que non é de estrañar a excelencia do seu orixinal prólogo, non exento de radiantes calidades literarias.
Laura Lojo Rodríguez é catedrática de Filoloxía Inglesa no Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da Universidade de Santiago de Compostela, onde imparte docencia de literatura en lingua inglesa e en estudos de xénero. Dedicou a súa tese de doutoramento á narrativa curta de Virginia Woolf e ten publicado traballos sobre a estética e a recepción literaria desta autora en editoriais como Oxford University Press, Routledge, Willey, Brill ou Palgrave. Na actualidade, coordina o grupo de investigación Discurso e Identidade e o proxecto de investigación Relatos de Fronteiras, así como dirixe o Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Neste libro, todo o seu especializado saber sobre Virginia Woolf foi posto ao servizo da súa competente e brillante tradución, presentada por ela mesma nunha nota introdutoria e complementada por específicas e documentadas notas ao final de cada capítulo.
Tres guineas publicouse por primeira vez durante 1938 na editorial inglesa Hogarth Press, fundada pola parella de intelectuais Leonard e Virginia Woolf en 1917. Viu, pois, a luz no convulso período do ascenso dos totalitarismos en Europa, da guerra civil española e da expansión imperialista que desembocou na Segunda Guerra Mundial, tempo non moi alongado do propio suicidio de Virginia Woolf, acontecido en 1941. Como suxire o seu título, consta de tres partes monograficamente estruturadas que conteñen numerosísimas notas explicativas e documentais.
Segundo o profundo e detallado prólogo de Carmen Blanco, trátase dun ensaio epistolar inspirado polo humanismo ilustrado en sintonía cos ideais de liberdade, igualdade, fraternidade e felicidade que abandeiraron as revolucións democráticas e os pensamentos críticos contemporáneos. Mais Tres guineas é tamén un ensaio especialmente comprometido coa defensa do pacifismo, do feminismo e das liberdades individuais e colectivas que caracterizaron a Virginia Woolf, intelectual sempre en loita por unha educación digna, por unha profesión digna e por unha vida digna: "A escritora da carta é intermediaria e intercesora entre tres persoas e tres causas: entre as dúas mulleres universitarias e o home avogado, para integrar educación, profesión e paz. Tres guineas. Tres grazas dadas de maneira distinta de acordo coa riqueza real da diversidade humana e co principio da liberdade e a igualdade de dereitos. Un fin único. Tres causas nunha causa integral non opresiva compartida".
Son moitas as ideas de Virginia Woolf que non perderon actualidade, incluídas as referidas aos animais, como cando, tras sinalar que a maioría das mortes violentas de persoas na historia foran obra de homes, engade que tamén a maioría de bestas e paxaros foron abatidas por varóns. De feito, pon en evidencia a imposibilidade de calcular o número de animais mortos en Inglaterra na práctica masculina da caza deportiva, pois anota datos rexistrados de cantidades superiores aos de mil ao día tan só nunha cacería. Abraia pensar, pois, nos millóns, senón billóns, de animais sacrificados por deporte no mundo.
Carmen Blanco remata o seu prólogo cunha esclarecedora valoración de Tres guineas: "a obra de Virginia Woolf é imprescindible para o coñecemento do sexo, do xénero, da educación universitaria, das profesións de formación universitaria, da guerra dos sexos, da Guerra Mundial, da Guerra de España, do feminismo, do antifascismo, do pacifismo, do humanismo, porque, por encima de todo, é imprescindible polo pensamento de diálogo humano e paz que achega. No repertorio dos Clásicos do Pensamento Universal Tres guineas de Virginia Woolf é unha alfaia da escrita de xénero epistolar e unha xoia do pensar e do actuar con criterio propio, fundamentado na arte da vida mellorada, fronte ás imposicións opresivas imitativas de modas supostamente avanzadas e sen sentido".
A colección Clásicos do Pensamento Universal, dirixida polo profesor Darío Villanueva e asesorada por un comité científico especializado, foi editando, ao longo deste século XXI, rigorosas traducións á lingua galega, vertidas sempre desde o idioma orixinal e realizadas por alguén experto nel, de obras de importancia universal do pensamento científico, humanístico ou social que representaron fitos transcendentais na historia intelectual do ser humano. En consecuencia, entre as decenas de autores publicados figuran algúns tan decisivos na cultura humana como Platón e Aristóteles, Euclides e Séneca, Montaigne e Moro, Maquiavelo e Erasmo, Hobbes e Rousseau, Newton e Lamarck, Humboldt e Darwin, Marx e Gramsci, Ramón y Cajal e Lévi-Strauss, Sapir e McLuhan, sen esquecer mulleres tan recoñecidas como Concepción Arenal, Hannah Arendt ou Rachel Carson. Virginia Woolf non podía faltar, pois, neste elenco, para que o conxunto seleccionado resultase aínda máis paritario, máis clásico, máis lúcido e máis universal.