Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Merco perlas finas

Cabada Castro, Manuel - domingo, 26 de julio de 2026
Non parece que haxa dúbida hoxe en día de que os nosos comezos como seres humanos están en continuidade coa historia física e biolóxica ocorrida en tempos anteriores. Refírome ó que adoitamos chamar a evolución, a evolución xeral cara ós seres vivos e o xurdimento dos primeiros seres que poderían xa ser denominados humanos ou próximos a nós. Disto falan a paleontoloxía, a antropoloxía e outras ciencias. Mais a pesar desa relación co mundo animal e co universo todo, podemos tamén falar de que as persoas humanas nos distinguimos suficientemente dos nosos predecesores. A mesma antropoloxía xeral, a socioloxía, a psicoloxía ou a filosofía apréndennos a vernos a nós mesmos como uns animais moi especiais. Especiais precisamente porque, tal e como se di, non somos animais “especializados”. Unha gaivota ou unha anduriña fan o seu niño ano tras ano máis ou menos da mesma maneira, por moitas dificultades que lles poñamos para a súa construción. Un león ten comportamentos que practicamente son e serán sempre os mesmos. E así outros animais. Están
"especializados" para a súa vida concreta, a deles e a da súa especie.

En troques, nós, os humanos case non dispoñemos de instintos ou comportamentos específicos e determinados. Temos que aprender practicamente todo: andar, falar, relacionarnos coas outras cousas e persoas etc. Estamos así abertos a moitas posibilidades. Nada nos enche plenamente ou satisfai. Por iso cando temos algo, estamos xa a pensar como acadaremos algo mellor. E cando nos ocorre algo desagradábel, axiña comezamos a ollar como saírmos de tal situación. Con este comportamento específico estamos a dar testemuño da especial relación que temos tamén con Deus. El fíxonos a través de toda a evolución cósmica pensando en facernos ademais partícipes da súa propia vida, da súa natureza divina. Como Deus quixo e quere comunicarse connosco, estar connosco, xantar á mesa connosco e tantas outras cousas como poderíamos aquí engadir para poñer isto aínda máis de relevo, por iso precisamente, é dicir, para que iso fose posíbel, tivo que facernos semellantes a el e facerse tamén a si mesmo semellante a nós no seu fillo encarnado Xesús.

En que consiste a nosa semellanza con Deus? Pois en que queremos ser absolutamente felices e vivir sempre, en que todos queremos telo todo, coñecelo todo etc. En definitiva, en que todos queremos ser coma o mesmo Deus que nos fixo. Deste tipo de consideracións provén aquel dito tantas veces repetido de Santo Agostiño nas súas Confesións: "Fixéchesnos, Señor, para Ti e está inquedo o noso corazón ata que acougue en Ti". Porque, para Agostiño, Deus é a expresión máxima da felicidade, da verdade ou do amor ós que un pode aspirar. Con isto que comento, aínda que sexa dunha maneira moi esquemática, podemos achegarnos dalgún xeito ao que nos dan a entender as parábolas do evanxeo de hoxe. Xesús compara o fondo da súa mensaxe cun tesouro co que se topa unha persoa nun terreo alleo, mais que ela, “chea de alegría”, quere facer seu, aínda que sexa a costa de ter que vender canto ten. Pode ser un secreto e rico tesouro ou unha perla "de gran valor".

Como vedes, semella claro que a mensaxe cristiá está dirixida de maneira especial para os que teñan grandes desexos, é dicir, para cantos sexan ou queiran ser plenamente felices e humanos. Desde logo o cristianismo non está feito para os que queiran alimentarse de rutinas, de servilismos ou de pequenos ritos ou obrigas que un se impón ou que outros lles queren impoñer. Tampouco é ese o camiño para atopar a verdadeira felicidade. Un cristián terá, si, que renunciar a determinados egoísmos que se pechen ás necesidades dos demais. Mais este tipo de renuncia a egoísmos insolidarios non significa que a felicidade vaia fuxir de nós. Ben sabemos, por experiencia propia e allea, que a felicidade só se atopa cando un é fiel á súa conciencia e teima en todo momento por ser bo con todos. Trátase dunha felicidade que fai a un feliz e fai tamén felices aqueles cos que un convive. O sufrimento mesmo, en principio, non ten tampouco por que lle roubar a un a felicidade. Pois cando se sabe que o propio sufrimento pode ter un sentido ou que con el podemos facer un ben ós demais, entón somos quen tamén de aturalo e transformalo en bendición para os demais e para nós.

Ser feliz é ter azos para facer ben as cousas e saber así ser de proveito para os demais, aínda que sexa a costa de renunciar, como o sabio rei Salomón, a unha vida longa ou a riquezas innecesarias. Xa antes de que Xesús nos falase do "tesouro agachado" ou da "perla fina", fora xa Salomón loado por Deus no Antigo Testamento por non lle ter pedido para si “vida longa” ou “riquezas”, senón acerto para gobernar os seus súbditos. Nais e pais, no particular goberno da familia, deberían aprender desta mensaxe de Salomón e de Xesús a saberen que a súa felicidade e a das súas fillas e fillos depende moito de os fornecer dunha boa educación, por máis que tal labor non sexa cousa doada. É así como irán aprendendo, tal como axeitadamente se di, a "ser" antes que a "ter".

Para rematar. Os que se dedican ó difícil e meritorio labor da política recoñecen ás veces, por exemplo ante un fracaso electoral, que non foron quen –tal como din- de comunicar correctamente a súa mensaxe. Pois ben, os cristiáns e de maneira especial cantos intentamos con temor e tremor facer presente hoxe en día a mensaxe de Xesús deberiamos ser quen de poder comunicar ós demais correctamente e con insistencia que a mensaxe de Xesús é verdadeiramente un "gran tesouro", unha "finísima perla" que paga ben a pena intentar adquirir.

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES