Santo fillo do trono
Cabada Castro, Manuel - sábado, 25 de julio de 2026
Co gallo da celebración da festividade de Santiago Apóstolo e do Día de Galiza é case obrigado que lembremos algunhas ideas sobre a importancia de que todos cantos na Galiza nos consideramos cristiáns saibamos incardinarnos na terra e no país no que, pola graza de Deus, nacemos ou estamos a vivir. Nesta incardinación pode haber deficiencias e hainas de feito. Mais o máis importante é que deberiamos aprender a ver esta incardinación en continuidade e como consecuencia da incardinación ou encarnación que Deus Pai fixo de si no mundo, facendo que o seu fillo Xesús nacese e vivise nun país, nunha cultura e nun ámbito lingüístico concretos. A incardinación da Igrexa na cultura e na lingua da Galiza habería que vela, xa que logo, como unha esixencia desa mesma fe nun Deus que en Xesús se encarnou tamén nunha cultura e nun país concretos. No seu paso humano-divino por este mundo Xesús non se asemella en absoluto a un suposto anxo que sobrevoase por así dicilo as terras de Palestina para desaparecer ó final nun ceo etéreo sen antes aterrar neste mundo. Polo contrario -tal como se nos di en Xoán- Xesús, a palabra absoluta e definitiva de Deus, afincou a súa tenda entre nós.
Non é nada esaxerado dicir que a Igrexa non só tardou moito en empezar a se incardinar na Galiza senón que lle queda aínda moito para aterrar de verdade nela. Sabedes ben que a primeira misa en galego de tódolos tempos se celebrou oficialmente en Santiago de Compostela hai só pouco máis de medio século. Con moitísimo atraso se temos en conta que a lingua galega é a lingua propia de Galicia e que nela se expresaron xeracións e xeracións de persoas dende hai séculos. Foi o último concilio ecuménico da Igrexa, o Vaticano II, o que abriu por fin a porta á utilización na liturxia das linguas faladas pola xente aínda que por razóns de tipo político ou falso prestixio social non tivesen aínda a categoría de oficiais. Aínda así, a nosa lingua tivo que esperar varios anos ata a súa introdución no uso litúrxico da Igrexa. Houbo daquela moitas protestas por esta inxustificada demora, ata que por fin, o 7 de xaneiro de 1969 foi aprobado en Roma o uso litúrxico da lingua de noso tras moitos esforzos individuais e colectivos a prol do seu uso.
Chovía -tal e como dicimos- en certo modo sobre mollado. Xa a mediados do século XVI, o Concilio de Trento acordara que, aínda que a misa continuase a se dicir en latín, se debería nela dar cabida ás linguas chamadas vulgares para lles explicar ós asistentes o que alí se estaba a facer. Mais tamén daquela nesta sufrida terra nosa se decidiu, contra toda lóxica e evidencia, que a lingua de Galicia era o castelán. Por iso -e sorprendentemente- os galegos,
diferenciándose nisto de vascos ou cataláns, non puidemos dispoñer ata hai relativamente pouco tempo de oracións ou catecismos escritos na nosa lingua. Os catecismos imprimíanse en castelán e a doutrina e mailas oracións básicas ensinábanse tamén en castelán, contra o que o mesmo Concilio de Trento pedira.
Despois do Concilio Vaticano II, celebrouse na Galiza durante a década dos anos 70 o chamado Concilio Pastoral da Galiza. As disposicións concretas deste Concilio Pastoral galego partían do suposto básico da necesidade de identificarse coa propia cultura dos destinatarios da mensaxe liberadora do evanxeo en canto boa nova. Dise alí, por exemplo: Este Concilio Pastoral pídelles ós cristiáns da Galiza que a súa acción se encarne nos valores naturais, humanos e culturais da rexión e que, xunto con todo o pobo galego, os desenvolva cando son expresión da súa personalidade, riqueza e liberdade. Isto levaraos a rexeitar toda forma de colonialismo e a proclamar o dereito á lexítima liberdade en tódolos seus niveis e a decidir o seu destino. Engádese incluso alí: O Concilio Pastoral da Galiza pide que a autoridade pública, lonxe de determinar o carácter propio da cultura galega e, máis aínda, de oprimila, favoreza tódalas condicións e medios para soerguer a vida cultural propia do pobo galego,
fundamentalmente a súa lingua. Por iso -e isto tócanos xa directamente a nós- dise aínda nun destes textos conciliares: "O Concilio Pastoral da Galiza pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación das xentes galegas e, por tanto, coa evanxelización".
Este Concilio pídenos xa que logo a tódolos cristiáns, clara e simplemente, máis "encarnación". Á maneira de como Deus mesmo se quixo encarnar no Xesús da historia. Teremos, pois, que lle pregar hoxe ó noso Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o fillo do trono, que nos dea ímpeto civil e relixioso para facermos da Galiza unha realidade xusta e libre, conforme ó espírito que recibimos do evanxeo. Unha realidade ben encarnada na propia historia, cultura e lingua, aínda que aberta naturalmente ás culturas e linguas do mundo enteiro, de maneira especial ás máis próximas a nós.
Quero aproveitar esta importante data anual do 25 de xullo para aludir ó que eu mesmo particularmente celebro anualmente neste día con agradecemento a Deus. Pois foi xustamente nesta data do 25 de xullo, aínda que do ano 1963, hai polo tanto sesenta e tres anos, fun ordenado sacerdote xunto con outros 14 xesuítas de diversas nacionalidades (ademais doutros tres relixiosos: un bieito, outro franciscano e outro cisterciense) polo bispo tirolés da cidade austríaca de Innsbruck. Un dos xesuítas que comigo recibiron a ordenación era o valisoletano e excelente amigo Segundo Montes que foi fusilado en Centroamérica pola ditadura militar non hai aínda moitos anos xunto co máis coñecido Ignacio Ellacuría, compañeiro meu tamén daquela en Innsbruck. Eramos normalmente ordenados presbíteros no día de Santiago Apóstolo porque no día seguinte, o día 26, era daquela a festividade de santa Ana, padroeira de Innsbruck (capital do Tirol onde vivín durante catro anos). Celebrábanse neste día tradicionalmente as misas novas dos ordenados no día anterior. Tirolesas e tiroleses viñan en masa participar nestas misas novas, pois tíñanlles moita devoción. Como vedes, a data acostumada da ordenación sacerdotal non tiña nada que ver coa festividade de Santiago Apóstolo na Galiza, senón por ser a véspera da festividade de Santa Ana.
Só andando o tempo e sen eu daquela sequera sospeitalo, dinme conta do ben que cadrou para min esta data (a da festividade do Apóstolo Santiago) ó ela estar tan directamente relacionada entre nós coa necesaria encarnación na propia terra, cultura e lingua. En seguimento das esixencias da encarnación cristiá.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel