Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mamede Casanova a xuízo (2): A farsa do xuizo

Rivero, Manuel - jueves, 23 de julio de 2026
Se na entrega anterior describimos unha parte da farsa procesual de novembro de 1902 -onde as confesións a base de paus de Lorenzo Balseiro e dos demais acusados, xunto coas mentiras e as verdades a medias da prensa, axudaron a construír o perfil de Mamede como "un terrible bandoleiro e asasino sen escrúpulos, merecedor da pena de morte"-, nese itinerario feito a base de suposicións, relatos falseados e fitos relevantes que quedaron sen investigar coa precisión, o contexto e a minuciosidade que se merecían, chegamos ao inverno de 1903.

Mamede ante o tribunal da Audiencia da Coruña, comezaba o xuízo definitivo, cun enfrontamento xurídico a través do cal a Fiscalía tentaría silenciar a minoría de idade do acusado para levalo á pena de morte, mentres o avogado defensor, o Sr. Santos Couceiro, combatía a lenda negra tecida sobre o mozo das Grañas do Sor.

O proceso xudicial converteuse nunha mobilización social sen precedentes, un auténtico fenómeno de masas que desbordou por completo as previsións do tribunal. Nas sesións da mañá, a sala de vistas e o propio estrado estaban ateigados. A axitación exterior chegaba ao interior da sala como un "zumbido ronco de marea que medraba segundo a segundo", facendo vibrar as portas e as varandas de madeira ante os embates da multitude ansiosa que invadía o recinto.

O Ministerio Público, mantivo unha postura inflexible e punitiva, apoiada por un xurado popular, escasamente fiable, procedente na súa maioría de Santa Marta de Ortigueira. O fiscal acusou directamente a Mamede de ser coautor do asalto armado á casa do cura das Grañas do Sor e do posterior asasinato da criada Manuela Domínguez. Desmentiu con dureza que o xurado anterior apreciase falta de intención de matar e esixiu anular calquera consideración de borracheira. Co veredicto de culpabilidade, o fiscal solicitou formalmente a pena de morte coa accesoria de inhabilitación absoluta perpetua.
Os doce membros do xurado responderon cun "SÍ" unánime a todos os elementos agravantes: nocturnidade, reincidencia e execución do crime na morada da vítima, desestimando a totalidade das atenuantes propostas pola defensa.

Fronte ao terror acusatorio, o letrado Santos Couceiro despregou unha defensa técnica cargada de razóns xurídicas:
- Inocencia do acusado: Insistiu firmemente en que Mamede non cometeu o asasinato e sostivo que o disparo foi obra de Lorenzo Balseiro.
- Impugnación das agravantes: Negou a nocturnidade -argumentando que os ladróns farían o mesmo de día para eliminar a testemuña- e a reincidencia, ao teren prescrito os seus delitos anteriores de hai catro e cinco anos.
- Desmontando o mito: Desarmou as lendas que descrbian a Mamede como un bandoleiro andaluz. "Nin violacións, nin roubo en despoboado, nin maltratos a anciáns", sentenciou.
- A minoría de idade: Tras escoitar o fallo, o defensor lembrou que Mamede apenas cumprira os 18 anos cando sucederon os feitos, o que abriría a porta á redución da pena mediante o recurso de casación.
- A feble testemuña do menor: Un dos piares que sostivo a implacable acusación da Fiscalía foi a declaración do adolescente Arturo López, sobriño de Manuela, que facía labores de criado e convivía na casa reitoral. O mozo afirmou no último momento do xuízo ter recoñecido a voz de Mamede dentro da casa o día do asalto.
- O sospeitoso silencio: O avogado Santos Couceiro descualificou de inmediato a validez desta proba sinalando que o rapaz agardou "tantos meses" para lanzar unha acusación tan devastadora, o que evidenciaba un relato forzado ou influenciado pola lenda negra. De ser certo, diríao de inmediato ao párroco ou a calquera veciño nese mesmo intre.
O público do estrado murmuraba con sorpresa ante a dureza con Mamede. Mentres que a Lorenzo Balseiro xa se lle condenara, a Mamede denegáronselle a falta de intención e a embriaguez, asimilando o roubo e o homicidio sen depurar correctamente o grao de implicación real.
Máis alá dos debates técnicos, existía unha realidade humana que facía aínda máis inverosímil a acusación para os que coñecían a Mamede. Non se trataba dun asalto a dous descoñecidos (o crego e a súa criada), senón dun vínculo de amizade consolidada no tempo. Mamede non era un estraño para o cura Don José Corral nin para a súa criada Manuela Domínguez. O mozo lembraba con gratitude como, os días de fornada, Manuela saía ao seu encontro para entregarlle o pan acabado de sacar do forno, aínda quentiño, ou unha cunca de caldo nos días de frío.
A Fiscalía utilizou esta intimidade previa de xeito perverso, argumentando que Mamede aproveitou a confianza para guiar os asaltantes polos recantos da casa, transformando o afecto nunha traizón calculada que deixou o pobo dividido entre a condena legal e a incredulidade de que o "vello amigo da casa" fose o verdugo.
O veredicto transformou o pazo de xustiza nun escenario de profunda traxedia humana e de orgullo inquebrantable:
- Un berro seco: Ao escoitar a palabra "morte" por parte do fiscal, a nai de Mamede sufriu un desmaio no medio da multitude que abarrotaba o estrado, nun escenario envolto da dor, da rabia e da impotencia con bágoas entre a maioría dos asistentes.
- Orgullo inquebrantable: Mamede escoitou a lectura da súa condena coa cabeza erguida, impávido e debuxando un leve sorriso que desconcertou os maxistrados e o numeroso público que se amoreaba contra a varanda do estrado.
Camiño dos calabozos e coas mans esposadas en alto, despediuse do tribunal cun lacónico "Abur!", tras confesar aos seus gardas: "Por min que me executen agora mesmo... ou que me peguen un tiro! Que máis dá?".

A memoria popular segue viva, máis de cento vinte anos despois; mentres a xustiza buscaba o garrote vil nun estrado repleto de público, a farsa dese xuízo segue latente. Se os tribunais da Coruña foron implacables no ano 1903, o tribunal do tempo ditaría unha sentenza ben diferente. A miña investigación recente na freguesía das Grañas do Sor, xunto coa lectura das crónicas daquel tempo -principalmente a da hemeroteca de La Voz de Galicia-, demostra que a acusación é cada vez menos crible. Mamede sempre mantivo a versión contraria e, ademais, engádese a dubida que estivese no escenario do crime ese día.

O fondo do relato tecido por Balseiro e os outros cómplices para culpar a Mamede (aproveitando que era menor de idade), a taberna da María Vispo ou as probas materiais do cacho de touciño e a piqueta que asociaron con el, veñen ser suposicións falsas:
Quen non mercaba un cacho de touciño naquel tempo?
Por outra banda, é ben sabido que Mamede tiña o oficio de ferreiro e que naqueles días fixera varios utensilios dese tipo.
O verdadeiro motivo do conflito co crego non estará, se cadra, no intento de mudar o emprazamento da feira?
Ese proxecto de sacala da cabeceira do pobo, onde estivo sempre, para levala ao contorno da igrexa -o que se acabaría conseguindo- e achegala así ao negocio da taberna da María Vispo.
Seguiremos investigando ese feito que adoita pasar desapercibido e que tanta relevancia tivo no desenlace dos acontecementos.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES