As corredoiras do desexo
A música comezou sen que ningún dos dous soubese quen dera o primeiro paso. El tocoulle as castañolas a ela. Ela, sen dicir palabra, respondeu cunha mirada que falaba máis ca mil cancións. El bailou na palma da man dela, confiando cada momento á delicadeza dos seus dedos, como se o mundo enteiro desaparecese arredor deles.

Ó pouco, correron polas corredoiras dos anhelos, deixando atrás as dúbidas e os medos. Correron tanto que acabaron por perderse. Chamáronse unha e outra vez, mais o eco confundía as súas voces. Atopáronse por un intre, sorriron e volveron separarse entre os camiños que se bifurcaban sen aviso.
Cada un berrou polo outro, coa esperanza de que o corazón soubese atopar o rumbo que os pés esqueceran. Mais o silencio fíxose dono e señor do momento. Algo se torceu. A ilusión converteuse en incerteza e o tempo pareceu deter o seu paso.
De lonxe escoitouse un novo berro. Na outra punta do bosque respondeu outro. El camiñou cara á voz que cría recoñecer. Ela botouse a correr na dirección oposta, convencida de que aquel era o seu destino. O tempo pasaba e a distancia parecía medrar.
Sen renderse, el soprou no trombón para ela. As notas atravesaron o aire coma un fío invisible. Ela respondeu tocando a pandeireta, enchendo o bosque dun son vivo e esperanzador. Pouco a pouco, as melodías comezaron a atoparse, igual que os seus pasos.
Xa case oían os latexos dos corazóns; el os dela e ela os del. O desexo del aumentaba mentres as ansias dela crecían. Cando se atoparon, abrazáronse con forza, berraron de alegría e, por fin, aprenderon a gozar tamén do silencio compartido. Despois volveron correr, bailar e rir polas corredoiras do desexo, comprendendo que, ás veces, perderse é a única maneira de descubrir o verdadeiro valor de reencontrarse.
Respirar palabras
Ando baixo de inspiración. Agora toca descubrir se me refiro á de coller aire ou á de deixar caer palabras sobre unha páxina en branco. Ás dúas, para que enganarnos.
Inspiro mal porque o sufoco é enorme. Custa respirar. E respirar consiste, precisamente, en coller aire e soltalo. Parece doado, pero hai días nos que ata iso pesa. Se non respiro, afogo. Se afogo, morro. E se morro..., a tomar por aquel sitio a outra inspiración, esa que vive das ideas e das palabras.
En canto á inspiración literaria, sigo igual de escaso. Mais algo acabará por caer. Algo sempre cae. Ás veces é unha palabra; outras, unha lembranza ou unha imaxe teimuda que se instala na cabeza. Que se me deito sobre un leito de fentos. Que se me tiro ós toxos. Que se a rula aniña nas asaduras da miña alma... ou da miña conciencia, que nunca tiven moi claro onde fai mellor o niño. Que se a Perla Negra continua navegando baixo unha tempestade inmensa.
Ó final todo chega. Pouco a pouco. Paso a paso. Palabra tras palabra e frase tras frase, ata que o papel deixa de estar baleiro. Logo vén o significado, e aí xa cada quen carga coa súa propia sabedoría. Hai quen procura unha lectura entre liñas. Outros botan as mans á cabeza porque non entenden nada. E, para ser sincero, compréndoos: nin eu mesmo consigo entenderme sempre.
Así e todo, sigo intentando inspirarme. Métome por unha canella en silencio, buscando o carreiro dun peito. Déixome conquistar por un enorme sorriso e por unha gargallada desas que limpan a tristura. Saboreo uns pementos mentres deixo que o tempo pase sen présa, con calma e con sosego. E entre cancións de Elvis Presley e as bandas sonoras de Ennio Morricone, descubro que quizais a inspiración nunca marchara de todo. Simplemente estaba agardando a que eu volvese aprender a respirar.