Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A novela sobre o exiliado lucense Almoina Mateos de Selena Millares

Bao, Marcela - viernes, 24 de julio de 2026
A véspera do 18 de xullo deste ano 2026 presentouse no Vello Cárcere de Lugo, data e lugar significativos, a novela Al calor de tu nombre, de Selena Millares, poeta, novelista e ensaísta canaria que exerce a docencia como catedrática de Literatura Hispanoamericana na Universidade Autónoma de Madrid. Al calor de tu nombre, publicada por Plaza & Janés nesta mesma anualidade, trata de recuperar a memoria do cidadán masón, político socialista e intelectual lucense José Almoina Mateos, que foi asasinado durante o seu exilio mexicano. No acto participaron, ademais da autora, o historiador Xurxo Martiz, especialista no exilio galego en Latinoamérica, e o poeta Claudio Rodríguez Fer, especialista na memoria antifascista de Galicia e España.
A novela sobre o exiliado lucense Almoina Mateos de Selena Millares Selena Millares novela en Al calor de tu nombre toda a biografía de Almoina, desde o seu nacemento en Lugo en 1903 ata o seu asasinato en México en 1960. Así, pode lerse que, tras medrar en Lugo, Almoina estudou na Universidade de Santiago de Compostela, pero opositou a funcionario de correos, traballo que desempeñou en diversas localidades de Galicia e, finalmente, en Benavente (Zamora), onde escribiría sobre a súa arte. Menos se sabe das súas actividades na masonería, na que ingresou estando aínda en Galicia, onde pertenceu a varias loxias.
Durante a II República, Almoina afiliouse en Benavente ao PSOE, partido polo que se presentou sen éxito ás eleccións xerais de 1933. Ao ano seguinte foi trasladado a Alcaudete (Jaén) en represalia polo seu respaldo á revolución de outubro de 1934. Retornado a Benavente tras o triunfo electoral da Fronte Popular en 1936, foi elixido compromisario do PSOE por Zamora para a elección do novo presidente da República, que había ser Manuel Azaña.
Pero a novela adquire certas doses de tremendismo historicamente xustificado cando se narran as consecuencias da sublevación militar iniciada o 18 de xullo de 1936, que desatou en Benavente, como noutros moitos lugares, unha feroz represión ideolóxica, a miúdo mesturada con violencia de xénero, como proban os asasinatos, as torturas e as violacións aquí relatadas. Almoina non puido ser detido polos fascistas e ficou libre en zona republicana, pero si foi arrestada a súa muller, Pilar Fidalgo Carasa, mestra nacional internada en prisión co bebé que acababa de parir. Por fortuna puido ser canxeada nun intercambio de presos e logrou reunirse co seu marido. O seu testemuño como nai presa foi publicado no periódico El Socialista e logo nun libro en Francia, onde a parella aínda tería que padecer a morte por enfermidade dun seu fillo.
Almoina ocupou diversos cargos diplomáticos en Francia e, cando finalizou a guerra civil, puido exiliarse coa súa familia na República Dominicana, entón gobernada polo ditador Trujillo, quen, paradoxalmente, acolleu a moitos exiliados republicanos españois. Neste contraditorio contexto, Almoina exerceu de profesor e, polo seu gran prestixio, foi nomeado preceptor do fillo primoxénito e previsto herdeiro do tirano, así como secretario particular do ditador. Paralelamente, publicou artigos e libros de investigación, especializándose no erasmismo. Selena Millares pon en evidencia na novela a dramática e esgarrada vivencia deste período de Almoina, no que a súa vida e as súas actividades eran incompatibles co seu pensamento e cos seus sentimentos.
En 1946, o atormentado Almoina logrou trasladarse a México aducindo problemas de saúde, onde logrou reunir a súa familia. En 1949 publicou o famoso libro Una satrapía en el Caribe en Guatemala, aínda que impreso en México, asinado como Gregorio R. Bustamante, denuncia absoluta da ditadura de Trujillo. Para evitar que este llo atribuíra e se vingara, editou en 1950 a apoloxía ironicamente laudatoria Yo fui secretario de Trujillo, aparente xustificación daquela tiranía. Ademais, en México continuou publicando traballos sobre arte e cultura españolas durante os séculos da modernidade (do XVI ao XIX), que era o que verdadeiramente lle interesaba.
A novela sobre o exiliado lucense Almoina Mateos de Selena Millares Mais, sentíndose sempre vixiado e acosado por Trujillo, as súas angustias remataron en 1960, cando foi atropelado por un automóbil en México e rematado no chan con disparos por dous exiliados cubanos anticastristas seguramente contratados polo tirano para a súa execución. Todos estes acontecementos aparecen claramente referidos en Al calor de tu nombre, onde ademais se recrea de maneira necesariamente ficticia a vida íntima do matrimonio Almoina e algunhas outras relacións privadas do protagonista.
No acto do Vello Cárcere de Lugo, Selena Millares deixou claro que o seu propósito fundamental foi o de recuperar a memoria de Almoina e dalo a coñecer máis e mellor a través dunha novela, pois ata agora só se publicaran biografías históricas. En efecto, a primeira biografía de Almoina foi a do cubano Salvador F. Morales Pérez, titulada Almoina, un exiliado gallego contra la dictadura trujillista, que foi publicada en Santo Domingo en 2009; a primeira biografía galega foi a de quen entón asinaba Xurxo Martínez Crespo, quen a titulou José Almoina. Pilar Fidalgo. Exilio. Dominicana. México, publicada en Vigo no mesmo ano que a anterior; e, a primeira biografía lucense, foi a da así mesmo luguesa Isabel Gómez Rivas, quen a deu a coñecer co minimalista título de Almoina, editada en Lugo en 2013 con motivo de obter o Premio Literario Ánxel Fole de ensaio e investigación.
A presentación da primeira e da última destas biografías en Lugo, así como a proxección do filme Almoina: O heroe infame, de Breogán Riveiro, de 2018, actos os tres nos que interviñeron os respectivos autores e o profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer, quen xa lle dedicara a tal exiliado o libro O mundo lucense de Ánxel Fole en 1997, foron os principais antecedentes, na cidade natal de tan brillante como descoñecido personaxe, do lanzamento da novela Al calor de tu nombre, de Selena Millares. Resultou particularmente oportuno que, nesta ocasión, se levase a cabo o acto nun lugar tan emblemático como o Vello Cárcere de Lugo, polo que desde logo pasaron tantos correlixionarios de Almoina antes de ser asasinados.
Pola súa parte, en dito acto, Xurxo Martiz, formado en Venezuela, estado do que ten cidadanía, contextualizou o caso de Almoina no exilio republicano e na diáspora galega en xeral, incluso comparándoa coa vasca. Lembrou que nela, concretamente en México, segue morando a filla menor do ilustre exiliado lucense, Leticia Almoina (quen por certo na novela aparece descrita fisicamente como unha Lauren Bacall mexicana), coa que todos os investigadores citados estiveron ou están en contacto beneficiándose dos seus testemuños: Salvador Morales, Xurxo Martiz, Claudio Rodríguez Fer, Isabel Gómez Rivas, Breogán Riveiro e Selena Millares.
Claudio Rodríguez Fer comezou lembrando que no mesmo Vello Cárcere de Lugo estiveran presas dúas figuras esenciais na súa propia vida, o seu pai, Claudio Rodríguez Rubio, e o escritor Ánxel Fole, que foi como un avó literario para el, pois precisamente ambos lle falaron moito de Almoina. En efecto, o poeta asegurou que medrara escoitando falar desde a nenez das dotes oratorias de Almoina como líder político e sindical en Benavente, onde vivira o seu pai, e que soubera do seu tráxico fin por unha crónica retrospectiva publicada na prensa por Ánxel Fole, quen evocaba ás veces ao mesmo enigmático personaxe e incluso ao seu proxenitor, modernizador médico de Lugo, durante a súa mocidade.
E tamén comentou Claudio Rodríguez Fer ter conversado posteriormente sobre Almoina con outro grande amigo seu, con cuxa obra artística publicou dous poemarios, o pintor, escultor, profesor e escritor exiliado Eugenio Fernández Granell, que ademais aparece como fugaz personaxe en Al calor de tu nombre. De feito, engadiu o poeta que mentres estaban falando das obras de Almoina estaba exposta a máis famosa delas, a primeira edición de Una satrapía en el Caribe, na mostra bibliográfica de libros pertencentes a Granell que se exhibe neste momento na Fundación Granell en Santiago de Compostela, onde, como membro do padroado de dita entidade, convidou a Selena Millares a presentar a súa novela.
Correspondeulle tamén a Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, a análise literaria de Al calor de tu nombre, novela que relacionou con outras dúas nas que tamén aparece Almoina: Galíndez (1990), de Manuel Vázquez Montalbán, e La fiesta del chivo (2000), de Mario Vargas Llosa, ambas levadas ao cine. En comparación con elas, congratulouse de que en Al calor de tu nombre por fin apareza o lucense como personaxe central, pois entre outros méritos, Almoina posuía unha extraordinaria capacidade intelectual e un moi profundo pensamento humanista, aos que sen dúbida Selena Millares fixo xustiza, poética e novelesca, na súa narración, na que por certo tampouco faltaron versos atribuídos ao protagonista.
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES