Xesús, vencedor do mal (xoio), ábrenos a vitoria a nova creación
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 19 de julio de 2026
DOMINGO 16 A .- Sab 12,13.16-19.- Sal 85(86).- Rm 8,26-27.- Aleluia: Mt 11,25.- Mt 13,24-43
XESÚS VENCEDOR DO MAL (XOIO) ÁBRENOS A VITORIA DA NOVA CREACIÓN
Ese mal desamor
que tanto fai sufrir,
roendo día a día
co laio o bo humor,
ou con odio estourando
con ira en opresión...
Esa dor que ti chamas
xoio en medio do trigo,
que xera en nós protestas
e terrores e medos,
o xoio que acovarda
e tanto nos somete,
o que nos fai caíns
eliminando a Abel,
atados ás envexas...
Ese mal que aparece
na seara da alma,
sen térmolo chamado,
ese xoio ou veleno
invasor inimigo
do espazo que precisa
o pan bo para os fillos...
Ese xoio ou mentira,
que prepara a traizón,
a soberbia asasina
que violenta sen do...
ese no de malicias
e de baixas paixóns...
Ese afán de avaricia
e de dominación,
esa mol adicción
ao pracer e ao doado,
ese mal poderoso
que a todos algo traba
e que nos fai fuxir,
porque é ruín e mata,
ese mal que sementa
sospeitas por ausencias
da salvación do Pai,
do Pai-Nai compasivo,
que a ti te deu á luz,
en quen ti confiaches,
na vida e mais na cruz...
Ese mal, case un deus,
foi contigo impotente,
e trunfou o gran ben,
do amor que ti nos deches,
asomo e esperanza
da nova condición
que ofrece o bo Pastor...
Moito mal te trabou
Año manso de Deus
para o seu pobo humilde:
Desprezan o que dis,
e viran do revés
o que fas con boa fe,
miráronte de esguello,
cun mal ollo que ve
na túa caridade
a obra dun gran demo,
e a burla que che fan
ao verte torturado,
foi atroz e cruel...
Moito mal padeciches,
mais ningún apagou
a bondade valente,
que sempre te inspirou:
non puido o mal gañarte,
nin logrou afastarte
do Pai que te habitou;
non foi quen a arredarte
do teu amor fraterno,
que acolleu o inimigo
sen deixarte vencer:
non atopou en ti
rancor nin maldición,
e todo o mal ou xoio
que fero te esmagou,
en ti se transformou
en vitoria de amor.
Pois deica a fin amaches,
e o Pai te rescatou,
a tebra xa minguou,
e anímasnos a todos
a renacer contigo,
xa na resurrección.
¡Grazas Cristo Xesús!
¡Grazas pantrigo limpo!
O xoio da amargor
perdeu o seu dominio,
e a todos nos invitas
á mesa do teu pan
que é un pan colectivo
e sempre compartido,
un pan sempre sufrido,
sementeira e colleita
de longas xeracións
que culminan en ti
na nova creación.
¡Graciñas Pan de festa
e de pura bondade!
Pan que imos acollendo,
e tamén ofrecendo
con graza e sacrificio,
desde o primeiro amor!
¡ Apertas de domingo!

Miguélez, Xosé Antón