Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fe ao servizo da vida: unha misa para reclamar unha estrada digna

Rodríguez Patiño, Luis Ángel - miércoles, 22 de julio de 2026
Na mañá do 16 de xullo, festividade da Virxe do Carme, varias ducias de veciños reuníronse no quilómetro 20 da estrada LU-170, na parroquia de Momán (Xermade), para participar nunha misa reivindicativa e esixir á Xunta de Galicia a reparación urxente dunha vía que presenta un estado de abandono e deterioro extremo.

O altar, instalado á beira da estrada, estaba rodeado de carteis con mensaxes claras e contundentes: "Xunta de Galicia: Basta de promesas. A LU-170 está destrozada. Arránxaa xa" e "Perigo. Estrada da Xunta. Sen beirarrúas e completamente destrozada".
A fe ao servizo da vida: unha misa para reclamar unha estrada dignaNon eran simples pancartas, senón o reflexo do cansazo, da indignación e da esperanza dun pobo que leva anos agardando unha solución.

A celebración comezou co canto "Xuntos como irmáns", como símbolo de que esta reivindicación non pertence a ningunha ideoloxía política.
Cada persoa pode ter as súas ideas, pero cando está en xogo a vida da xente debe prevalecer sempre o ben común.
A seguridade non entende de cores políticas.

No acto penitencial pediuse perdón por tantas veces calar diante das inxustizas, por deixar que os intereses partidistas estean por riba das persoas, por resignarnos ao abandono do rural e polo pecado ecolóxico que supón permitir que as infraestruturas públicas se deterioren ata converterse nun perigo para a cidadanía.

Durante a homilía lembrouse un feito especialmente significativo: xa no ano 2011 a Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia o Decreto 18/2011, declarando de utilidade pública e de ocupación urxente as obras de mellora do tramo Momán-Cabreiros da LU-170.

A propia Xunta recoñecía daquela que era unha actuación necesaria para mellorar a seguridade viaria dunha estrada con curvas perigosas e fortes pendentes.
Porén, quince anos despois, a realidade é ben distinta: a estrada non só non foi reparada de maneira integral, senón que hoxe presenta un estado lamentable, con fochancas, fendas e deformacións que poñen en risco a vida de quen a utiliza cada día.

Denunciouse tamén que moitos veciños xa evitan circular por esta vía e prefiren facer varios quilómetros máis por outras estradas para non estragar os seus vehículos nin poñer en perigo a súa integridade.
Esa situación non pode ser normal nunha estrada de titularidade autonómica.

Un dos momentos máis emotivos da celebración foi o recordo das vítimas dos accidentes de tráfico, especialmente dos mozos e mozas que perderon a vida nas estradas.
Fíxose un chamamento a non buscar sempre a culpa unicamente nos condutores cando existen vías que multiplican o risco de accidente polo seu estado de abandono.
Lembrouse con emoción a dor das nais que perderon un fillo, unha dor que a Virxe María coñece mellor ca ninguén ao contemplar a morte do seu Fillo Xesús ao pé da cruz.

Na festividade da Virxe do Carme, patroa e protectora de quen afronta os perigos do camiño e do mar, elevouse unha oración para que garde a todas as persoas que transitan pola LU-170 e para que ilumine a conciencia dos responsables públicos, a fin de que cumpran coa súa obriga de garantir estradas seguras e dignas.

A celebración rematou cunha mensaxe de unidade e esperanza.
Esta non foi unha protesta contra ninguén, senón a favor da vida, da seguridade viaria, da dignidade das persoas e do futuro do rural.
Os veciños non piden privilexios: reclaman un dereito básico, o de poder circular por unha estrada en condicións de seguridade.

O desexo compartido por todas as persoas asistentes foi claro:
que esta misa reivindicativa non quede nun simple xesto simbólico, senón que marque un antes e un despois.
A LU-170 non pode seguir esperando.
Antes de que haxa que lamentar unha nova traxedia, a Xunta de Galicia debe actuar.
Porque ningunha promesa vale máis ca unha vida humana.
Rodríguez Patiño, Luis Ángel
Rodríguez Patiño, Luis Ángel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES