De como nos enganan acotío os manipuladores hai mostras para dar e tomar. Vémolo todos os días na política e nas altas esferas futboleiras onde outros intereses priman sobre os exactamente deportivos.
Non vin ningún partido completo dese macro circo que é o campionato do mundo de fútbol que está nas mans de auténticos tafures trampulleiros dispostos sempre a adorar con prioridade ao poderoso cabaleiro que en realidade é para o que están.

A cousa comezou coa detención dese árbitro somalí (o mellor árbitro africano do 2.025) que chegou para arbitrar no "Mundial" e que rematou expulsado "por suposta asociación con asociación terrorista" sen que o colectivo arbitral nin as delegacións deportivas, ambos os dous de enormes tragadeiras, dixeran nada ao respecto. Seguiu logo a prohibición de pasa-la noite nese país, din que paladín da democracia, ao equipa de Irán que tivo que ir durmir a un hotel de Tijuana incorrendo a organización en flagrante trato desigual. Ninguén tampouco abriu a boca ao respecto. E por se todo isto fose pouco resulta que o ínclito presidente dos EE.UU, o tramposo e manipulador Donald Trump non reparou en chamar ao presidente da FIFA señor Giani Infantino para pedir que lle retiraran a tarxeta vermella ao xogador estrela estadounidense Folarin Balogun e así poder xogar contra Bélxica o seu partido de oitavos de final. Por suposto Infantino accedeu encantado á petición e retiráronlle a sanción ao futbolista. Un escándalo en toda regra que puxo en evidencia o "fair play" que en boa lóxica debera rexer nesta e noutras competicións deportivas e tamén o servilismo do presidente da FIFA. Este é un exemplo claro de inxerencia descarada e de manipulación co propósito de pasar as normas da competición polo arco do triunfo por parte do presidente sen escrúpulos do país anfitrión. Así as cousas, como un pode sentir interese por algo tan tramposo e manipulado?. A manipulación de Donald Trumpnon lle dou resultado e o equipa de EE.UU foi eliminado por Bélxica. Verei, se me cadra, e sen moito entusiasmo, o próximo partido de España e... a ver ata onde chega.