Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ritmos fondos e mainos

Cabada Castro, Manuel - domingo, 19 de julio de 2026
As parábolas relacionadas coa vida agrícola, especialmente coa semente e co sementador, fánsenos habituais dende o domingo anterior. Xesús aparece así entre nós como a palabra de Deus Pai ó mundo, a Palabra coa que Deus se dirixe á humanidade e á creación toda. O sinal de que Deus nos quere é o feito mesmo de dirixirnos a palabra, unha Palabra que ademais se identifica con el mesmo. Non é só o que el nos di. Así o fan os que nos saúdan dirixíndonos a súa palabra e amosando dese xeito que nos aprecian, que se preocupan por nós e que nos queren. En caso contrario, pasarían á nosa beira sen dirixirnos a palabra, tal como fan os que non se queren.

Deus Pai, polo contrario, diríxenos a súa palabra, sementándoa así no mundo e entre nós. Xesús é así a Palabra, o formento, que Deus coloca agarimosamente no mundo, para irnos facendo cada vez máis divinos. É así como Deus Pai fai nacer o seu Fillo Xesús no mundo coma un máis entre nós, converténdose deste xeito en compañeiro e irmán. Nace pobre e humilde, como calquera planta ou árbore que nos seus comezos son sempre pequerrechas. Faise así irmán, convive con todos, padece con todos e coma todos, traballa, loita, sofre inxustizas e morre inxustamente sentenciado. Non ergue a súa man -o seu poder infinito- contra ninguén. Dá simplemente testemuño co seu modo de proceder do amor que Deus Pai e mais El lle teñen ó mundo, á creación enteira, a tódalas razas, culturas e relixións. Así é Deus e así é o seu ritmo vital na súa manifestación en Xesús. Deus non ten présa. Tampouco é vingativo ou está á espreita para castigarnos á traizón. E ese é tamén o ritmo que lle deu a todo canto el fixo.

Os apóstolos preguntábanlle de cando en vez a Xesús por que lles falaba en parábolas, por que non lles dicía as cousas máis abertamente e sen rodeos. Mais cando el acode ás semellanzas do sementador, das plantas que se forman desde unha semente pequecha ou á pouca cantidade de formento que é capaz de transformar unha cantidade moito maior de masa de fariña de trigo ou cando fai uso doutras parábolas semellantes, en realidade este seu modo de falar é o único apropiado para nos transmitir a fonda mensaxe que el nos trae do Pai. Mateo dinos claramente que Xesús "nada lle falaba á xente que non fose por medio de parábolas". Por que?

Pois porque o estilo de Deus en canto el fixo ou botou a andar non podía ser doutra maneira. Plantas, animais, seres humanos etc. non poden non levar en si o estilo do seu facedor. Algo así como cada arquitecto, pintor ou novelista ten o seu propio estilo, o seu propio xeito de construír, de pintar ou de escribir. Se queremos, xa que logo, entendérmonos a nós mesmos teremos que aprender a ollar tamén canto existe arredor de nós. Por iso é tan importante a conservación da natureza, o respecto a todo canto existe. Se destruímos a natureza ou abusamos dela, iremos perdendo capacidade de entendermos a Deus e tamén de comprendérmonos a nós mesmos.

As parábolas de hoxe, a do xoio que medra co bo trigo, a do gran de mostaza que se converte nunha planta grande ou a do formento que se transforma coa masa en pan, coinciden as tres nunha mesma mensaxe fundamental: a vida humana e cristiá é un proceso. Ímonos cambiando e transformando, todas e todos, ó longo das nosas vidas. E -non o esquezamos- tamén a nosa morte, o noso pasamento, non é senón un momento máis desa transformación. Transformarémonos entón en algo novo, aínda que continuemos a ser o mesmo que eramos sendo vivos neste mundo.

Por iso as plantas e toda a natureza apréndennos tanto. Apréndennos a decatármonos de que, se por exemplo o pequerrecho gran da mostaza podrece e desaparece como tal, non morre para sempre, senón que se converte nun arbusto no que ata os paxaros poden facer nel o seu niño. E poderiamos entón preguntarnos: seriamos quen de comprender algo do que significa a resurrección -a vida despois da nosa morte- se non tivésemos diante para velo, observalo e admiralo, o que ocorre con calquera semente dunha planta ou dunha árbore que enterramos na terra?

Ese é -volvo repetir- o estilo de Deus en todo canto el fixo e continúa a facer. Sorprendente e estraño, si, mais grandioso e esperanzador. Deus é sempre meirande ca canto podemos pensar del. Que é pouco ou pequeno o noso formento cristián en comparanza coa gran masa dunha humanidade que non semella ocuparse de Deus? Así parece. Con todo, non é tamén moi cativa a cantidade de formento en relación coa masa de millo ou de trigo que o formento se encargará el de transformar para que dela saia un bo pan?

Lémbrome ben de cando de pequeno ía eu buscar á casa dunha veciña unha cunca de barro con formento para que a miña nai o mesturase logo na artesa coa masa de millo e así esta puidese levedar. Tras mesturala, facía un gran sinal da cruz sobre a masa que se ía cocer, e todo quedaba así preparado para que despois, coa calor do forno, se transformase en saboroso pan quente.

Se, como nos di Xesús, somos formento dunha masa a transformar, revistámonos tamén de fe, espera e esperanza, de amor e de paciencia, para así asemellármonos tamén no noso ritmo persoal ao ritmo tranquilo e misterioso, mais eficaz, que Deus mesmo puxo en tódalas cousas da natureza. Pois é El mesmo quen pon diante nosa este ritmo como parábola e exemplo de como El se comporta e de como tamén nós nos deberiamos comportar.

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES