Precaucións ante a eclipse
Cando se vai ocultando o Sol, ocorren diversos efectos como o cambio de comportamento dos paxaros, ou

mesmo a maior mortandade de bacterias!ii Algúns podemos percibilos de xeito doado, outros non tanto, e algúns poden asombrarnos e prexudicarnos. Por iso, antes de comezar a mergullarnos na observación da eclipse, cabe facer unha advertencia e tomar as precaucións pertinentes: As eclipses vémolas, é dicir, empregamos os ollos. Mais se miramos directamente no caso da eclipse de Sol, supón mirar fronte a unha fonte luminosa potentísima como é o Sol, nun momento no que as pupilas están dilatadas por haber pouca luz ambiente, e polo tanto, un momento no que entra máis radiación no ollo, e cargar coas consecuencias de estragar ese instrumento noso para manexar a luz que son os ollos. Así, se non queres perder a vista, non o mires de xeito directo, senón de forma indirecta ou a través dalgún tipo de instrumento ou filtro adecuados.
O anterior inclúe tanto cando a eclipse vai aparecendo como no pico da eclipse, xa que mesmo nas eclipses totais, arredor da Lúa aparece luminosidade da coroa solar. Para previr danos oculares, as posibilidades son moitas. Distribuíndoas en dúas familias e collendo as máis populares, temos;
Observación indirecta
Cando o Sol se vaia ocultando, ou despois, ó irse despexando, poderemos observar a sombra das follas das árbores formando no chan ou mellor, nunha parede, milleiros de lúas minguantes ou crecentes. É unha visión da eclipse pode que menos científica, pero quizais a máis artística e bela das posibles.

Dentro da observación sinxela, a proxección é o método que máis me gusta. A metodoloxía non pode ser máis simple. Por exemplo: dispoñendo dun espello de man, escoller unha parede o máis lisiña posible (que vai servir de pantalla) e proxectar a unha certa distancia a imaxe solar.
Se achegamos o espello á parede, observaremos máis ou menos luminosidade, pero non a eclipse, por iso temos que afastar o espello da parede, para que a proxección forme unha imaxe clara do que está a suceder.
Un método indirecto bo para máis pequenos, para que podan ir colléndolle gusto antes de que ocorra a eclipse é por proxección nunha caixa: cóllense dúas caixas de zapatos (mellor ca unha, por formarse mellor a imaxe), quítaselles un fondo a cada unha e únense as caixas e as tapas sen fendas que permitan entrar a luz. Nun dos extremos, un furado pequeno (feito cunha agulla grosa vale), e na tapa, cara á beira contraria, unha ventá (un cadradiño) de observación.
Pode experimentarse e familiarizarse con antelación apuntando cara ó Sol e vendo o disco solar.
Observación directa
Non está de máis volver repetir a advertencia: Non mires ó Sol directamente sen algún tipo de filtro forte! (nin durante a eclipse nin outro momento). Usa sempre un filtro.
O filtro máis sinxelo, seguro e efectivo son as gafas de eclipse, homologadas, que permiten ter comodidade, seguridade e tranquilidade na elección por cousa duns tres euros en diversas web e establecementos.
Despois, os máis socorridos son os filtros usados nas gafas de soldar, con tono de graduación aconsellados 13 ou 14: con menos, seguimos obtendo demasiado brillo e con máis, teríamos demasiada pouca luz.