Introdución: Astronomía?
Na escola vanse pasando etapas que corresponden, en certo xeito, ó propio desenvolvemento histórico do coñecemento. E aínda hoxe en día hai moita xente que ten unha tendencia a confundir astro-nomía e

astroloxía.
A astroloxía está asociada ó horóscopo, a tentar aproveitar a disposición dos ceos para facer predicións sobre as persoas, mentres a astronomía está asociada á medición dos astros (que é o que significa a palabra como está construída), tenta estudar a súa evolución nos ceos, algo ben diferente ó anterior.
Eclipse. Etimoloxía e historia
Collo do dicionario da RAG: "Fenómeno que consiste en quedar oculto á vista un astro, total ou parcialmente, por quedar tapado por outro." Provén do latín 'eclipsis', e este do grego "ἔκλειψις" (ékleipsis) que ven a ter o significado de 'desaparición'. Podemos observar eclipses de Sol, de Lúa ou doutros astros, se ben neste último caso o nome máis adecuado sexa o de 'conxunción' e non soan transcender a pesar de ser máis raras que as anteriores, por ser moito menos visibles a ollo nu.
As eclipses aparecen ben cedo na historia, habendo na biblia diversas referencias de fenómenos semellantes, mesmo sendo empregados polos israelitas fuxindo de Exipto cos coñecementos dos sabios exipcios para instrumentar profecía e medos nos seus inimigos. Profecías e medos asociados ás eclipses que foron unha constante ó longo da historia, apoiados no descoñecemento da xente común sobre astronomía.
Persoalmente, podo referir unha anécdota vivida por un dos meus avós. O 30 de agosto de 1905 tivo lugar unha eclipse de Sol que chegou a ser total na cunca do río Sor, onde vivía meu avó. Con menos de dez anos, foi enviado pastar as vacas, e ó sentir caer a luz, volveu con elas á corte, pensando en que se lle pasara rápido o tempo. Pouco despois, levou a sorpresa de que a luz volvía... e tivo que volver alindar as vacas. Hoxe, as eclipses non nos collen de sorpresa: están tabuladas máis aló do seguinte milenio!