O catón dos namoros. Estratexia e táctica formativa.
O matrimonio é unha empresa; si, unha empresa humana, co seu aquel de especulativa. Por conseguinte, admite análises, directrices. Para lograr estes fines, aínda que diso non nos decatemos, día a día estamos usando unha estratexia e mais unha táctica de carácter persoal; por ende, variable, acomodaticia.
Comecemos polo namoramento, pola química, que din agora. A estes efectos, as tres primeiras entrevistas, de ben levadas, son decisivas: indícannos se a "empresa" é viable ou non, que de aí vén a súa importancia. ¡Serán os cimentos!
¿Como abrir fogo, como interesarse no tema? Ante todo con naturalidade, sen disfraces, que só están indicados no carnaval, e para iso con mesura. Antes dicíase, "alternar", concepto perigoso pois significa algo así como bolboretear, ir dun / dunha para outro / outra. As tres primeiras entrevistas, máis ou menos segundo as circunstancias, e tamén a idiosincrasia dos interesados, son o que se di de "tenteo".
¿Aproximación, contacto? Cada caso, cada situación é distinta, pero o negativo sempre foi e sempre será forzar o coñecemento; aquilo das esculcas..., aínda que ás veces deu resultado! Con naturalidade, por suposto, pero tamén con franqueza e con amenidade; valen tódolos temas, tódolos argumentos, con tal de que sexan sinceros e amenos. Superado aquilo de que a muller, Pata quebrada e na casa, agora conxúgase o verbo buscar, por activa e por pasiva!
Non busques muller
na feira nin na romaría;
búscaa na súa casa,
vestida de cada día!
Amenidade non significa frivolidade senón tratar os temas serios con dozura, con graza, e a graza sempre está no natural, na naturalidade. Os finximentos, nas comedias! Isto para ir con boas intencións, pois para as malas non se precisa lección, nin lección nin elección, que nos saen ao natural, que as temos arquivadas nesa parte negativa do ser humano.
Por regra xeral, con tres ou catro entrevistas, sen ficcións nin mexericadas, estamos listos, preparados para dilucidar se nos interesa ou non o rapaz / a rapaza pretendida.
¿Consellos de vello? ¡Non; reflexións de quen anda polas vodas..., de titanio!
-.-

Ao terceiro / cuarto día de entrevistas xa se pode discernir: ¿Imos camiño de namoramento, ou dunha simple amizade? O que non é honrado, nin honrado nin prudente, é xogar con dúas barallas..., indo de boas intencións! ¿Dúas, só dúas? Non, tres, pois, de non interesarnos a amizade, compre deixalo en simple coñecemento. Nunca se pode dicir que F. sexa amigo/a4rf meu; ¡iso saberao el / ela. Pola nosa parte si podemos afirmar, ou denegar, que eu, eu mesmo, son amigo de F. ¿Está claro?
Aquí comeza a empresa, chegou o momento de facer inventario: ¿Con estes artigos, faremos feira? Se o inventario é deficiente, con desanimarnos facemos dous favores, ¡dous! Un, á outra persoa, que nada gañará, e moito pode perder se segue facéndonos caso; o outro é un autoservicio, pois, igualmente, nada gañaremos e moito perderemos poñendo os ollos nun mercado que non é do noso interese. ¿Soa a mercantilismo? ¡Non; a prudencia, pois as empresas imposibles ou inconvenientes xa non deben iniciarse, e menos continualas!
De non virnos o sopro directamente, da propia intelixencia, o práctico é sentarnos a meditar: ¿Vou ben por este camiño? De reflexionado, avanzar, ou retroceder, que xa din no Exército que unha retirada a tempo é unha vitoria! O mundo está cheo, a sobrar, tanto de rapazas como de rapaces axeitados, así que variar de rumbo non é ningún desastre. ¿Haberá cousa máis necia que namorarse de quen non nos quere, ou non nos merece, ou incluso nos despreza? ¡Pois adoita pasar, e seica lle chaman "amor platónico". É un pecado de xuventude, que se queda en venial se non insistimos demasiado en acadar o inconveniente! Daquela digamos: ¡Media volta; ar!
-.-
Un noivado é unha carreira, e o matrimonio, o seu exercicio. Quen fixo mal a carreira mal pode exercela; non chega con ser chapón, memorión: precísase intelixencia para entender o sabido, para saber levalo á práctica. Logo, hai xente sen carreira? ¡Si, hai ¿matrimonios? que non pasan da categoría de xuntoiros, pasasen ou non pola Igrexa, porque chamarlles "matrimonio" a eses tales, a eses xuntoiros, é, como pouco, pecado mortal: matan o corpo, pero tamén a alma!
Goya. O que non dixo foi se a muller do fondo era a nai ou a sogra. ¿Queremos acabar así? ¡Para evitalo, analicemos..., pero con antelación suficiente!
¿Que os analfabetos tamén eran/son felices? A matrimonial non é unha carreira de letras senón de sentimentos, de prepararse a corazón aberto, sen reservas mentais, con franqueza recíproca, pero..., desde as primeiras entrevistas, que logo é tarde! Face-lo amor é outra cousa, un termo mal empregado, dexenerado; está nos instintos do animal, pero, a estas alturas da civilización, haberá que distinguir entre homus sapiens e canis lupus! As relacións de "parella", como agora lles din, se son prematuras son do reino animal. O home que é home, e a muller que é muller, pasan primeiro polo altar, para ir despois ao tálamo nupcial!
En WIKI lemos: "O tálamo é un símbolo litúrxico que significa o altar dun sacrificio; o sacrificio da recíproca entrega dos esposos. A mutua significación do tálamo e do altar procede, en definitiva, da íntima implicación dos sacramentos da Eucaristía e do Matrimonio. Esta íntima implicación dos significados é fundamental porque a Igrexa vive da Eucaristía. Se o tálamo é a fonte da fecundidade conxugal e a fonte da vida para a sociedade, o altar é o tálamo onde se consuma o Sacrificio de Cristo na Cruz, aínda que representado ou renovado de forma incruenta. É importante advertir que no rito católico das nupcias os esposos reciben a bendición nupcial impartida polo sacerdote. Parece que o tálamo deixou de cumprir toda función litúrxica, pero trátase dunha falsa aparencia. O tálamo está significado polo altar, e por tanto, a Igrexa celebra nas nupcias humanas a Nova e definitiva Alianza entre ela, esposa, e Cristo, esposo".
Estamos, pois, ante algo moi serio, transcendental, e como tal require, esixe, unha preparación axeitada, de alto nivel, e non esa pantomima de chamarlles "matrimonio" ás unións bestiais.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.