
Presentei a meus sogros, pero quedábanme no tinteiro os sogros da miña dona, tanto que a quixeron!
O dilema
Inalcanzable a primeira, aquela da escola... Perdida toda esperanza, ¡encumbrárana ao Instituto!, xa dixen como pasei á segunda, ¡que tamén estaba en Lugo!, pero houbo unha terceira, ¡gato escaldado...!, aquela morenaza dos ollos grandes... En principio tamén me gustaban estas últimas, así que o problema era dual: ¡Cultivar as dúas, pois as dúas me valían, e para escoller, se antes non me deixaban, elas, xa o faría eu! Ocorreu que aquel domingo tamén era dual: feira de Meira, que alternan, e por tanto a guapa da Meda estaría na casa, que eles adoitaban ir ás de Castroverde. A de Rois estaría na festa das Virtudes, en Xerbolés. Decisión dual: primeiro á Meda, e despois a Xerbolés, no mesmo día!
Na fonte dos Namoros sempre había xente, ou recollendo auga ou lavando; ¡era o Pazo de Telecomunicacións da Meda! Cuestión de achegarse á fonte, que daquela, antes de cinco minutos, a miña rapaza tería aviso, ¡aviso fidedigno, veciñal! Tan pronto chegou, da fonte pasamos ao casarío, e alí, ¡lémbrome perfectamente!, sentados no chedeiro dun carro, parrafeamos. ¿Que nos dixemos? Xúrovos que nada de interese, pero si grato, recíproco, pois aquela meniña era outro sol; non se chamaba Estrela, pero tamén o era. Non quedamos en nada, que aínda estabamos niso que agora chaman "escarceos", un simple test de recíproco coñecemento; manobras de aproximación, que diría un militar.
Entre lusco e fusco, dinlle o bico da despedida; ¡nas meixelas, por suposto! E díxenlle:
-Aínda é cedo, e traio lanterna, pero voume, que así non pensan mal de min os teus..., que xa ven que nos retiramos a unha hora decente!
-¿Non será que teñas medo, aló nas abas do Monciro...?
-¿Medo, eu? ¡Sonche do monte, de Montecubeiro, así que me levo ben cos lobos, de sempre meus veciños; do mellor!
¿Que quedaría pensando de min aquela mociña? ¡Nunca llo preguntei! Pero a verdade era outra: Quería irme cedo para chegar á festa de Xerbolés, polo camiño máis curto...,

a ver se aquela Estrella tiña, a ver se lle quedaba, un baile dispoñible! Eu bailaba peor que mal, pero, de noite, naquel campo escuro...
Para atallar, en vez de subir ás Folgueiras tirei en dirección a Suegos, polo camiño de carro, ¡que outro non había!, pero aínda así quixen abreviar, e metinme por dentro da agra do Río, con tan mala pata que esvarei, e..., caín ao regato! Chorreando coma un pito, agora, que? Oín uns ladridos, que me resultaron coñecidos: Era o can de Teixeiro. Busquei a saída para esa casa, que desde alí todo ía ser rectilíneo cara a Xerbolés.
Suegos gustoulles aos suevos, e a min tamén, pero de día, pois de noite ten regos e corredoiras que tiran dos noctívagos coma..., coma imáns!
Dende o alto xa escoitei a música: eran os de Pena, pero tocaban de gloria. Antes de entrar no torreiro da festa cumpría quitarme a lama de enriba, así que baixei ao prado de Paraxes, e naquel rego quitei pantalón e chaqueta, que os pasei por auga. De postos, achegueime á capela, pero non era cousa de presentarme en sociedade, así, empapado. Observei: A rosquilleira, (a Narnexa da Ribadauga), tiña lume no seu tabernáculo, para servir cafeíños. Pedín un, e achegueime ao lume; ¡tanto, que, de non estar empapado, ardería!
Nestas, un asubío rápido, mesmo por riba da miña cabeza. ¡Chisss! E de inmediato, a música, que para, e os Civís que deteñen a un dos Labrada de Suegos. ¿Que pasaba? ¡Xa pasara; pasara unha pistola por riba da miña cabeza, que a lanzou aquel Labrada a todo gas cando se decatou que se lle achegaban os Gardas para rexistralo! A pistola, de momento non apareceu; ¿acaso ao día seguinte, con luz natural? (Os detalles sóubenos anos despois, un día en Mosteiro, que llelo estaba contando a uns amigos o propio lanzador; si, volveu, e..., atopouna!).
Despois diso, medio seco, alí mesmo, pegadiña á capela, ¡unha estrela, a miña! Pouco falamos, e bailar menos, que non estaba a roupa para achegamentos. ¡Eu, por suposto!
-¿Igual caíches ao Azúmara, na ponte do Mazo, ao vir para aquí? Pois, para chegar tarde, aforraches de correr...
-¡Que razón tes! Pero o caso é que fun a Meira, e por iso veño á deshora... Xa daquela non me gustaba mentir, pero aquilo foi..., unha mentira piadosa!
Falamos pouco, pero si o suficiente para notarlle que non lle era de todo indiferente: ¡había química! Daquela, o meu dilema, que? Paciencia, amigo, pois, primeiro, antes de romper, hai que asegurarse! Non fixo falta agardar, pois aquela da Meda acabou mirando para outro lado; alguén me dixo que o fixo por consello de súa nai... ¡A filla era lista, pero a nai non o foi menos, pois o rapaz do monte, eu, en canto a emprego, aínda estaba..., a monte!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.