O que corta o bacallau
Chámome Agapito Menéndez e son o que corta o bacallau na miña aldea. Son o único habitante dela. Vivo só; sen muller, sen fillos, sen pais. Solteiro. Só.
Hai anos xa que marchou o último veciño, o Silabario. Un día petou na miña porta e díxome: "marcho, que teño que marchar". E nin sequera nos demos a man. Eu pensei que quería dicir que marchaba facer algún recado e que volvería ó pouco. Pero non volveu.

Vivo só. Con tres vacas e un burro. A aldea é toda nosa. Non hai valados, nin marcos, nin arames, nin fronteiras. Saco as vacas da corte ó amencer e vou por elas cando xa case non se ve. Ás veces, nin iso: elas mesmas, ó caer a noite, recóllense soas. O burro adoita ir detrás delas.
Vivo só e entretéñome cunha televisión -iso si, de cincuenta e cinco polgadas- e con algún que outro libro que, de cando en vez, me trae o panadeiro. Son libros de segunda man e, algunha vez, mesmo se digna achegarse á biblioteca. Alí, como xa coñecen os meus gustos, prepáranme unha remesa. A xente, no fondo, quéreme.
Quéreme, malia que non son dos que baixan á vila a miúdo. Que va! Ás veces paso meses sen baixar e, cando o fago, é máis ben para abastecerme. Non son de meterme nos bares nin de parolar cos veciños. Xa de seu sempre fun un home solitario e agora estou máis que afeito á soidade.
Baixo da aldea porque vivo no alto de todo da serra, no derradeiro lugar que queda cara ó poñente. Baixo sempre co Uriarte, o meu can, e, cando teño que subir peso, levo tamén o burro.
E tan feliz.
Cada cabeza, un mundo
É lume!, dicía aquel. É arder!, digo eu. Pero, quen dixo medo? Hai que tirar cara a adiante, que aínda non se acaba o mundo. E, se se acaba, outro haberá. Anda que non hai mundos por aí...
Mesmo aquí xa hai varios. Centos. Miles. Millóns. Cada cabeza é un mundo. Cada quen arma e desarma, fai e desfai ó seu antollo. E os que non arman un mundo viven no seu propio mundo.
E, pensándoo ben, que marabilla! Que cada un, que cada quen, viva no seu mundo. Por que temos que ser tan clarividentes? Para que os demais gocen contando, criticando ou rosmando? Entón, o mellor é vivir nun mesmo.
A dicir verdade, e falando en serio, oxalá se acabase o mundo. Hai moita trapallada solta. Iso si, os entendidos ou os gobernantes ben poderían avisar cuns días de antelación, para que nos dese tempo a buscar outros mundos, ademais dos que levamos na cabeza.
Sei que algúns xa estarán pensando na Lúa ou en Marte. Eu non. Eu quero ir moito máis alá, mesmo máis alá do infinito. Quero chegar máis lonxe do que chega Buzz Lightyear.
Conformaríame con ir ó exoplaneta Sweeps-11 ou ó Swepps-04, que seica están a 27.700 anos luz da Terra. Unha bonita distancia.
Porén, a gran carallada é que teño que seguir soportando estes trinta e sete graos á sombra neste mundo que, por sorte ou por desgraza, non acaba de acabarse. Nin o físico nin o que cada un arma na cabeza.
Por certo, o que eu armo si que ten o seu aquel. Todo o que fago, digo e teño ten o seu aquel.
E que ninguén me rosme.