Gran Canaria é unha vieira emerxida do océano como se fose unha balea bufando ao respiro profundo dos seus espiráculos emerxentes. E aí a tedes, no medio do mar rebordando auga que se alonga no azul engarzado dun horizonte escondido pola nebulosidade ingrata das nubes baixas,

que reciben a evaporación das calores confiscadas de África.
A illa ten a feitura desta cónchega, case circular, con costelas radiantes pola que escorre a auga nos poucos días que Deus ten a ben sementar de gotas este paraíso, aínda sen rematar de crear.
A creación principiou polo seu norte, concedéndolle Deus a auga necesaria, mais polo sur, aínda se atopa en fase de evolución, e por isto, as palmeiras, case que son os seus primeiros poboadores.
A valva chaira desta vieira percorre todo o seu perímetro onde a auga foi e é vixía de chegada de piratas e veraneantes que se acomodan ao seu redor de desfrute e benquerenza. A súa valva convexa está percorrida por montes e barrancos, o mesmo que as costelas radiais da "venerea", relativa a Venus, deusa romana do amor, a beleza e a fertilidade, por onde escorren os sentimentos da terra que en días sinalados gotean furibundos á procura do chan onde os esperan as ondas dun mar total para proceder e continuar con esa creación dándolle lugar para a fecundidade do seu espírito creador.
Gran Canaria 13-6-2026