Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Levarse ben é doado (3)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 21 de agosto de 2026
Levarse ben é doado (3)
Ante todo, queridos sogros, grazas polo voso precioso e inxente regalo, que moito foi confiar en min, naquel zoqueiriño de Bergland, cando me concedestes a man dunha filla, ¡dunha Estrela!, tan puída e tan brillante.

-.-

Da súa conversa co señor Avelino, con aquel chofer dos buses da liña de Mosteiro, deducín que eras de Rois, da Casanova...; por tanto, tiñas que ser irmá daquela moza tan espléndida, que a vira ao ir para Lugo, á ida, cando parou o coche para recollerlle dúas cántaras de leite, que as subiron, con outras doutros veciños, á baca do bus. ¡Daquela era así, por cántaras! Pero á volta non estaba a irmá senón un irmán, ao que lle deu Avelino aquel recado do abrigo... Entón pregunteime: ¿por que non lles mandou o recado escrito, nun papeliño, dentro da cántara? A resposta dinma eu mesmo; era obvia: ¡Por se ía húmida, e se borraba o papel!
Ao meu Bergland cheguei entre lusco e fusco, na egua da casa, que a deixara en Pousadela, pero ao día seguinte atusmei á casa de enfronte, sabedor de que eran parentes dos de Rois; saía o Severiniño, para levar a súa egua ao monte:
-Agarda un momento, que che teño que preguntar: ¿Tedes unha prima en Rois, que estuda, non si?
-Unha que é catalexa... ¡É a máis nova das tres!
-E chámase...?
-Puxéronlle un nome axeitado: Estrela! ¿Por que o preguntas?
(¿Haberá un galego que non repregunte? Se os hai, nunca din con ningún!)
-Por nada...; ou si, pregúntocho porque leva gafas, e eu fun onte a Lugo ao oculista...

Foi toda a información que me deu, e tampouco precisaba máis..., de momento! Dicíasenos “catalexos” aos que levabamos catalexos, gafas, e menos mal que as levaba, pois, de non ter miopías, adeus esperanzas! ¿Como ía atreverme a falarlle a unha rapaza, estudante por máis referencias, sendo eu un rapazolo desgalichado, feo, e sen estudos?
A presentación, o contacto, pedinllo ao Amadeo de Tellado, que el si que estaba en Lugo, que tamén estudaba. Foi precisamente nun curro do prado de Pérez de Suegos, mesmo por tras do cemiterio desa parroquia... ¡Ai se os Pérez me vendesen nove metros cadrados..., daquela panteón ao canto, pero como non o fan, incineración habemus, e nas “Andoriñas”, xuntiños, repousaremos, nun tálamo definitivo!
Naquel día, e naquel prado, estábase celebrando unha “Corrida”, tamén chamada “Sentenza do galo”, daquelas que redactaba, ensaiaba, e contribuía a representar, meu pai, aquel ilustre, que igual facía escolas que zocas, “Sentenzas” ou coplas, e rezaba os “calvarios” ¡de memoria! Non obstante, foi perseguido, a morte, ¡por rojo! ¿Por roxo? ¡Cegueira caciquil, dos que tanto levaba predicado nas súas sentenzas, que os convertía en galos sobresaíntes para poder censuralos, e así sentencialos..., en dramática comedia!
Aínda hoxe estou sorprendido de que un simple zoqueiriño, medio a medio dunha festa, se atrevese a falarlle, na Pascua do ano 1947, a unha estudante de..., de Maxisterio! Coido que llelo debo ás ánimas benditas dese cemiterio contiguo, que saíron, premonitoriamente, na miña axuda!
Aquí, ao lembralo, párome, paro de teclear, por un intre, para rezarlles un Nosopai...; de agradecemento, por suposto, pois para a súa liberación chego tarde, que xa Deus as terá acomodadas.
Pater noster, qui es in celis: ...
Foi unha declaración pequeniña, catro verbas amables, pero tiveron o efecto agardado, ousado, pois, cando volvín a vela, nunha feira de Mosteiro, xa non lle era descoñecido. Chegou a coñecerme? Ela, boíña que é, comprensiva que é, sempre dixo que si, cousa que dubido pois nin eu mesmo cheguei a coñecerme, e iso que vivo en min mesmo! ¡Vivo con ela, e quero seguir, que para iso lle pido a Deus que non nos divorcie no Ceo..., xa que tampouco o fixo na terra! ¡Fai falta ser boa, primeiro para elixirme, e despois para aguantarme, tantísimos anos! Grazas miña Estrela, meu segundo anxo da garda, que contigo tiven o Ceo anticipado, polo menos unha parte del!
-.-

Eu, pecador, confésome

Si, polo menos dos pecados de omisión, que non sempre son veniais. Aquí estou, falando de casamentos, dando leccións diso, cando o meu deberán ser maitines! ¡Pero...? O pero estivo en facerlle caso a meu pai...; ¡eu era menor...! Non me deixou incorporar ao mosteiro de Herbón... ¡Si, si, que niso tivemos culpa os dous, maiormente eu, por non insistir! Levarse ben é doado (3) Foi un franciscano predicar un triduo á nosa igrexa de San Cibrao, que xa non tiña dominicos, e polas mañás fixo catequese, axudándolle ao párroco. Tan ben lle souben responder, ¡que outra explicación non ten!, que, ao terceiro día, cando fomos ao sermón, xa estaban os cregos no pórtico, agardando por meu pai:
-Aquí Frai..., que lle quere pedir permiso para levar consigo ao neno, que o estudarán en Herbón, gratis pro Deo, pois está impresionado do ben preparado que está. ¡Dará un bo frade!
O que estaba preparado era meu pai, pois el era o culpable do meu adoutrinamento, maiormente el!
-Agradecémoslle a oferta, pero...; mire, o pero está en que o neno é o meu morgado, e como tal incúmbelle á labranza do noso casarío. Cando volva por aquí, se para daquela o segundo estivese en idade, por min, co segundo, encantado.

¡Puñetas coa morgadía, que nin fun ao convento nin asumín o temón familiar! Como nacín, e me criei, ¡nunha escola mixta!, fascinado polas nenas, nin se me ocorreu insistir, que se o fago, se anticipo a miña renuncia maioraceril, daquela, hoxe..., Frei Xosé María!

Agora, hoxe, de casado, ou máis exactamente, de ben casado, próximo a entrar en quintas, ¡nas definitivas, nas do Ceo!, teño esta débeda pendente, así que me dispoño a predicar, aínda que sexa tardiamente, aínda que sexa como lego, coa única teoloxía da miña experiencia matrimonial. ¡Se soubesen o ben que me foi, que envexa me terían os frades, pero eu non lles teño culpa, se acaso o Colexio Cardenalicio...!
A verdade, toda, enteira, é que a cousa xa comezou no barrelo, pois, en vez de agacha-la vista timidamente, decorosamente, cada vez que me bicaba, no berce, unha muller, ao neno espatarrexábanselle os ollos, aqueles ollazos de pestañas longas, e cravábaos nos delas. ¡Tiñan ao neno por inocente, e bicábano como tal, pero non había tal cousa porque o ¿inocente? namorábase de todas, ¡de todas!, de tódalas Evas do lugar, tantas que había daquela! Desde que saín do berce, ampliei a gama dos afectos, que tamén me namorei das rosas da nosa roseira, aquela que plantara miña nai... Inocencia, pura inocencia, cando a miña dedicación, por aquel entón, debía ser atenderlles ás pulgas, apreixalas entre polgar e polgar! ¿Era unha cuestión de cores e de olores? ¡Coido que si!
O caso é que meus padriños bautizáranme en condicións, no convento de San Ciprián de Montecubeiro, pero a ditosa carne, que non tarda en recaer, en fraquear! Nacera con tendencia á miopía, pero, ¡nin así! Se chego a ter mellor vista pasaría das feas, que xa as había daquela, incluso na mesma parroquia, pero, con esa minusvalía, todas me parecían a Venus de Milo, e iso que eu, daquela, aínda non vira o seu retrato, o retrato da miña Estrela, da que me tiña reservada a Providencia. Por outra banda, non ter irmás é unha desgraza, unha envexa con respecto aos veciños que as teñen. Coido que de ter unha irmá non tería, non sentiría, tanta curiosidade polas rapazas; ¡iso, curiosidade innata!
¿Con estas debilidades, dominaría o noviciado de Herbón, chegaría a ser frade? ¡Se cadra, si, pois os frades ben que se namoran da Virxe María, e quérenlle máis que á propia nai que os pariu. É natural tendo en conta que Xesús, no seu Testamento, asignoulla a Xoán: ¡Aí tés a túa nai..., e ti, seu fillo! Pero non foi só a Xoán, pois en Xoán herdámola todos, afiliámonos todos. Grazas, Deus, porque nos fixeches un bo legado, un máis, e todos salvíficos! Nós, mentres, uns desagradecidos; eu en particular, pois teño que responder de min mesmo, dos meus feitos, dos filiais; ¡do que fixen mal feito, pero tamén das omisións, das cousas boas que me incumbía facer por obriga filial, en cumprimento da doutrina recibida. Menos mal que Deus é todo bondade, como demostrou daquela mesmo, no Calvario, co ladrón bo, precisamente en circunstancias dramáticas, máis propicias para o odio que para o perdón..., se Cristo só fose humano! ¡Dies irae, se así non fose!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES